Marcos Pérez Pena

Unha ducia de elementos do patrimonio industrial galego

O peche da central térmica das Pontes abriu o debate sobre a conveniencia de conservar a súa estrutura -especialmente a súa cheminea e o conxunto que esta forma coas torres de refrixeración- como un elemento do patrimonio industrial con valor histórico e cultural. Galicia conta ao longo da súa xeografía cun gran número de elementos de patrimonio industrial de todas as épocas e tamén con moitos outros cuxa desaparición aínda é hoxe lamentada. A Asociación Buxa (Asociación Galega de Patrimonio Indutrial) recolle na súa web case 700 elementos de todo tipo, con imaxes e información sobre a súa historia e estado de conservación. Repasamos algúns deles.

  1. 01

    Antiga azucreira de Portas

    Esta fábrica de azucre, situada no concello pontevedrés de Portas, foi fundada en 1899 e aínda que só estivo cinco anos en funcionamento, deixou un fermoso edificio, que se pode visitar externamente. 

  2. 02

    Fábrica de Alfageme, en Vigo

    A fábrica de conservas de Alfageme, situada en Bouzas (Vigo), abriu as súas portas en 1929 e pechou no ano 2006. O edificio foi encargado a Manuel Gómez Román, o arquitecto vigués de máis sona na época 

  3. 03

    Antiga fábrica de lapis de Ferrol

    Entre o patrimonio industrial desaparecido destaca a antiga fábrica de lapis de Ferrol, situada no barrio de Ferrol Vello, cun fermoso edificio construído en 1934 e que foi derrubado en 2012, a pesar dunha importante oposición social, que apostaba pola súa conservación e conversión a novos usos públicos que revertesen en beneficio da comunidade. A fábrica de lapis Hispania alcanzou o seu apoxeo a finais da década de 1950 e principios da de 1960, cando chegou a contar con máis de catrocentos empregados, na súa maioría mulleres.

  4. 04

    Panificadora de Vigo

    Un dos símbolos da cidade de Vigo e do seu skyline son os restos da Compañía Viguesa de Panificación (A Panificadora), a carón da actual Casa do Concello. Construída en 1924, foi abandonada en 1980 e dende entón foron moitos os plans para derrubala (e empregar o predio na construción de novos edificios) tamén para rehabilitala e darlle novos usos. 

  5. 05

    Parque eólico de Estaca de Bares

    Os parques eólicos esténdense hoxe por toda Galicia, convertindo o país nun dos territorios con maior produción de toda Europa. Pero houbo un primeiro parque, hoxe desaparecido, cuxa localización pode ser visitada. Entre 1986 e 1987 construíuse esta instalación, situada en Estaca de Bares, e que foi desmantelada a comezos de século. O lugar pode ser visitado, observándose sen dificultade o lugar no que se ergueron os primeiro muíños 

  6. 06

    Fornos das minas de Vilaoudriz, na Pontenova

    En Vilaoudriz (A Pontenova) funcionaron entre 1900 e 1930 minas de ferro, das que hoxe podemos ver importante restos, coma os fornos de calcinación de mineral das minas e a estación do ferrocarril da Pontenova, xunto co cargadoiro de Ribadeo  

  7. 07

    Restos da 'Mina dos Alemáns', en Casaio (Carballeda de Valdeorras)

    As minas de volframio de Casaio foron coñecidas como "as minas dos alemáns" pois aínda que foron fundadas en 1914 por unha compañía belga, en 1938 os terreos foron adquiridos polo consorcio SOFINDUS, un conglomerado de empresas de propiedade nazi, que xestionaba directamente a instalación para fornecer deste importante mineral ao exército de Hitler. Os alemáns explotaron as minas ata 1945 e nelas traballaron centos de persoas, e entre elas a redor de 500 presos republicanos. 

  8. 08

    Base das torres de Arneiro

    Outro resto importante da Segunda Guerra Mundial en Galicia (que repasamos nesta outra ducia) son as antenas nazis na Terra Chá, tres torres instaladas en Arneiro (Cospeito) en 1942, con máis de 100 metros de altura, e das que hoxe só se conserva algún resto

  9. 09

    Fábrica de Massó, en Cangas

    De Massó podemos visitar os restos das súas fábricas en Bueu e Cangas, sendo esta a que contaba cun edificio máis destacable, unha conserveira construída en 1937 e que pechou as súas portas en 1996. Foi unha das primeiras grandes construcións en formigón armado de Galicia e o conxunto era realmente un completo complexo industrial: fábrica de conservas, fábrica de envases, varadoiros de reparación da frota pesqueira, cámaras frigoríficas e fábrica de xeo e instalacións para a elaboración de fariñas e aceites de peixe. 

  10. 11

    Poboado mineiro de Fontao, en Vila de Cruces

    En Vila de Cruces funcionaron tamén minas de volframio dende finais do século XIX ata os anos 60 do século XX. Para acoller os obreiros que nelas traballaron construíuse un interesante poboado mineiro (deseñado polos arquitectos César Cort Gómez-Tortosa e Joaquín Basilio Bas) cuxas vivendas non só se conservan senón que foron rehabilitadas. 

  11. 12

    Fábrica de luz, en Parada de Sil

    Os restos de antigas centrais hidroeléctricas resultan moi atractivos e temos bos exemplos en moitos lugares de Galicia. En varias zonas, ademais, decidiron darlle novos usos a instalacións abandonadas, como o caso da Fábrica de Luz de Parada de Sil, situada no Salto do Mao. En 2011 foi rehabilitada e hoxe ten usos turísticos e hoteleiros 

  12. 13

    Restos de Cros, en Culleredo

    No Paseo Marítimo do Burgo, en Culleredo, poden verse os restos da Sociedad Anónima Cros, fábrica de fertilizantes e compostos nitroxenados construída en 1931 e abandonada en 1980 

  13. 14

    Dique de mareas da Cabana, en Ferrol

    O estaleiro da Cabana entrou en funcionamenteo en 1810 e hoxe aínda podemos ver a súa estrutura, nunha contorna rehabilitada nos últimos anos, un bo exemplo da tradición ferrolá na construción de barcos. 

  14. 15

    Cargadoiro de Ribadeo

    Son varios os cargadoiros que en diversos lugares da costa galega servían para a carga e descarga de materiais primas e outros produtos. O de Ribadeo é un dos máis fermosos, pero atopamos un bo exemplo tamén en Redondela.

  15. 16

    La Molinera

    O edificio de 'La Molinera', en Ourense, foi construído en 1904 e traballou elaborando fariñas ata 1950. Foi rehabilitado polo Concello a partir do ano 2008 e acondicionado como Centro de Innovación Social Dixital.