Unha ducia de escenarios galegos da Segunda Guerra Mundial
Hai uns días conmemorouse o 80 aniversario do inicio da Segunda Guerra Mundial, o 1 de setembro de 1939. Aínda que os combates tiveron lugar lonxe de Galicia, un gran número de espazos no territorio galego adquiriron importancia no desenvolvemento da guerra, ao igual que algúns personaxes e historias.
-
01
As minas de volframio
O volframio xogou un papel clave da Segunda Guerra Mundial, ao ser empregado este mineral para obter materiais bélicos máis resistentes. Galicia era un dos territorios europeos (xunto con Portugal) con máis volframio, o que espertou o interese de Alemaña nazi, aínda que tamén se vendeu (e se fixo estraperlo) coas potencias aliadas. Abríronse minas do volframio nas comarcas do Barbanza, Bergantiños, Xallas ou Valdeorras, onde aínda se poden ver os restos da 'Mina dos Alemáns', en Casaio (Carballeda de Valdeorras), xestionada directamente polos nazis.
-
02
O Pazo de Meirás
O Pazo de Meirás puido ter unha importancia decisiva para o desenvolvemento da guerra e para o propio futuro do réxime franquista. En agosto de 1943 este lugar (xa espoliado) acolleu unha xuntanza entre Franco e o embaixador británico en España, Samuel Hoare, que lle esixía que deixase de colaborar con Alemaña, o abandono da División Azul, que os portos españois deixen de acoller barcos alemáns e a paralización do comercio de volframio. Foi un ultimato, mentres no aire pairaba a ameaza dun desembarco aliado en España. Nun momento en que Hitler comezaba a perder a guerra, Franco aceptou finalmente as demandas británicas.
-
03
Os submarinos nazis no porto de Vigo
E é que a presenza de submarinos e barcos nazis nos portos galegos foi habitual dende o inicio da Segunda Guerra Mundial, sobre todo en Ferrol, Vigo, Vilagarcía, e tamén na Costa da Morte, para controlar o comercio de volframio. Un submarino U-760 pasou os últimos dous anos da guerra no Porto de Vigo, onde chegara tras ter sufrido un ataque aéreo, rescatado por dous pesqueiros de Bouzas. Era 1943 e o réxime franquista comezaba a afastarse da Alemaña nazi, polo que atendeu as demandas británicas e mantivo retido o submarino e a súa tripulación.
-
04
Balarés, cargadoiro de volframio para os nazis
O volframio debía ser extraído, pero tamén transportado. Boa parte do mineral obtido no Barbanza, Costa da Morte e Bergantiños foi sacada de Galicia a través do porto que se construíu na praia de Balarés (Ponteceso), cuxa esplanada aínda existe e se utiliza para múltiples actividades.
-
05
O cargadoiro de Rande
Unha función semellante cumpría o cargadoiro da empresa Minerales de Hierro de Galicia S.A., que se atopa a poucos metros da ponte de Rande. A infraestrutura foi construída e 1926 por iniciativa do vicecónsul de Alemaña. Dende alí os nazis cargaban o mineral, que procedía de minas coma a existente en San Miguel de Marcelle (Monforte)
-
06
As antenas nazis na Terra Chá
Para a Alemaña nazi Galicia adquiriu unha función fundamental no relativo ás telecomunicacións, por mor da súa situación xeográfica, aberta ao Atlántico. Utilizaron varias estruturas para manter comunicacións cos seus avións e barcos: unha antena en Estaca de Bares, a emisora de RNE na Coruña e, sobre todo, as tres torres instaladas en Arneiro (Cospeito) en 1942, con máis de 100 metros de altura. Situadas a 12 quilómetros do aeródromo de Rozas construído polo Exército franquista nas mesmas datas e utilizado tamén polos nazis, hoxe están destruídas.
-
07
Os búnkeres en Ferrol
Na costa galega o réxime franquista creou unha rede de estruturas de vixilancia e defensa, construíundo ou reforzando baterías militares e búnkeres. Moitos deles, en mellor ou peor estado, aínda se poden visitar, coma os Campelo, cabo Prior, San Pedro e cabo Prioriño, entre Ferrol e Valdoviño, completados polas baterías de San Pedro ou Monticaño, nos arredores da Coruña. O temor do réxime franquista a un posible desembarco aliado nas costas galegas estiveron moi presentes durante parte da guerra.
-
08
Baterías no Grove e Cabo Silleiro
Na costa sur de Galicia había tamén unha importante rede elementos defensivos, destacando as baterías que aínda se poden ver no Grove, no Cabo Udra (Bueu), Monteferro (Nigrán) e en Cabo Silleiro (Baiona), todas elas en ruínas na actualidade.
-
09
Os espías. Leslie Howard?
En Galicia e en toda a Península Ibérica a actividade dos espías e axentes de ambos os dous bandos foi intensa, dando lugar a historias ben interesantes e curiosas. Unha delas ten como protagonista ao actor Leslie Howard (Foise co vento), morto na costa de Cedeira en 1943 cando o avión no que viaxaba de Lisboa a Inglaterra foi abatido polos nazis, que sospeitaban da súa actividade como espía. Unha placa lembra as persoas que faleceron nese ataque. A viaxe de Leslie, de Marcos Nine, relata os feitos.
-
10
As irmás Touza
Outra das historias máis impresionantes que deixou a Segunda Guerra Mundial foi a das irmás Touza, tres mulleres de Ribadavia que colaboraron nunha rede de apoio para axudar a fuxidos do nazismo (sobre todo xudeus) cruzando a fronteira de Portugal, salvando a vida dunhas 500 persoas. O filme Lobos sucios e a novela Memoria do silencio, de Eva Mejuto, recollen a súa historia. “Por que coñecemos perfectamente a historia de Oscar Schindler e non temos idea do que pasou no noso propio país?”, preguntábase a autora.
-
11
A lexión Cóndor nas rúas de Vigo
Unha das imaxes máis icónicas da Segunda Guerra Mundial en Galicia é a dos desfiles da Lexión Cóndor polas rúas de Vigo a finais de maio de 1939. 6.000 soldados marcharon polas avenidas da urbe unha vez completada a súa misión na Guerra Civil, onde tiveron un papel fundamental para a vitoria franquista, e pouco antes de comezar os bombardeos sobre Polonia.
-
12
Os galegos que loitaron na guerra ou que foron enviados aos campos nazis
Non só a guerra entrou en Galicia, senón que un gran número de galegos participaron nos combates en Francia e noutros países. Foron moitos os republicanos que acabaron formando parte das tropas aliadas ou que participaron na resistencia á ocupación. Moitos foron enviados aos campos de concentración, morrendo en Mauthausen e noutros lugares. De igual xeito, moitos galegos engrosaron as fileiras da División Azul que combateu dentro dos exércitos nazis en Rusia.