En defensa da protección da antiga central das Pontes: "O noso futuro non pode construírse derrubando o noso pasado"

Mural no interior da central térmica das Pontes © Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes,

Nos vindeiros mes producirase a demolición da antiga central térmica das Pontes, pechada definitivamente o pasado ano despois de varias décadas achegando importantes cantidades de electricidade e de contaminación. Dende o momento en que se coñeceu a paralización das actividade da central xurdiron voces que se preguntaron polo futuro das instalacións, reclamando a protección dun patrimonio industrial que foi símbolo dunha comarca e dun tempo histórico.

O fracaso da iniciativa da Xunta para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a cheminea principal encamiña a central cara á súa completa demolición, uns traballos que xa foron contratados por Endesa e que se desenvolverán ao longo dos vindeiros catro anos

Hai dous anos a Xunta iniciou o proceso para declarar a cheminea principal -de 356 metros de altura e construída entre 1972 e 1976- como Ben de Interese Cultural (BIC). A incoación do expediente daba dous anos de prazo para recibir apoios e informes favorables; porén, cumprido ese tempo, o pasado mes de xuño, só se recibira un informe favorable dun órgano consultivo, cando son necesarios cando menos dous. O fracaso da iniciativa para protexer a cheminea encamiña a central cara á súa completa demolición, uns traballos que xa foron contratados por Endesa e que en principio se desenvolverán ao longo dos vindeiros catro anos.

Mural no interior da central térmica das Pontes © Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes,

"O noso futuro non pode construírse derrubando o noso pasado e non debemos conformarnos cunha simple exposición fotográfica", di a Plataforma no seu manifesto

Hai uns días, con todo, presentouse na Pontes a Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial, un colectivo formado por unha trintena de persoas e encabezado por Miño Guerreiro, que reclama a protección deste espazo e destas instalacións, patrimonio industrial da localidade e "expresión da loita obreira galega". A entidade subliña a responsabilidade da empresa da conservación deste patrimonio e presentou un manifesto co que está a recoller sinaturas da cidadanía da Pontes, buscando tamén o apoio de partidos políticos, sindicatos e asociacións veciñais e colectivos culturais e sociais.

"O noso futuro non pode construírse derrubando o noso pasado e non debemos conformarnos cunha simple exposición fotográfica", di a Plataforma no seu manifesto.

A Plataforma pide que Endesa renuncie a executar o proxecto de demolición e que o Concello suspenda a licenza xa concedida para estes traballos

No manifesto, a Plataforma pide que Endesa renuncie a executar o proxecto de demolición e que o Concello suspenda a licenza xa concedida para estes traballos ata que unha comisión con representantes de Endesa, do Concello, da Xunta e da Plataforma determine de forma consensuada os elementos patrimoniais mínimos a conservar e as condicións para a súa preservación.

Asi mesmo, reclama ao Goberno municipal que apoie a declaración das instalacións industriais como Ben de Interese Cultural e, ademais, que convoque unha consulta popular na localidade para que a cidadanía das Pontes exprese a súa posición ante a conservación ou a demolición da antiga central.

Construción dun dos edificios da central térmica das Pontes en 1957. Arquivo Pando CC-BY-NC IPCE

A Plataforma pide ao Goberno local que convoque unha consulta popular na localidade para que a cidadanía das Pontes exprese a súa posición ante a conservación ou a demolición da antiga central

Así mesmo, Miño Guerreiro presentou un documento de alegación favorable á declaración da cheminea principal como Ben de Interese Cultural no que subliña a necesidade de protexer as instalacións da antiga central como patrimonio mineiro. Así mesmo, lembra a existencia dunha candidatura conxunta española denominada Patrimonio Histórico Mineiro, liderada por Rio Tinto, na que figuran 17 concas mineiras pertencentes a nove Comunidades Autónomas, que figura na Lista Indicativa da UNESCO desde 2012.

"A destrución da cheminea sen un proceso consensuado, como símbolo dun pobo, testemuña da súa transformación, representante da súa psicoloxía e identidade, podería deixar unha ferida colectiva difícil de cuantificar"

O documento lembra que a zona de afección da cheminea, unha vez declarada como BIC, "non entraría en grave conflito co desenvolvemento do polígono industrial, sendo esta de menos dun 3 % da superficie total de dito polígono". Ademais, sinala que a súa conservación non limitaría a xeración de emprego ligada ao desmantelamento da central, "posto que as outras estruturas deberían ser desmanteladas".

Miño Guerreiro conclúe que "a destrución da cheminea sen un proceso consensuado, como símbolo dun pobo, testemuña da súa transformación, representante da súa psicoloxía e identidade, podería deixar unha ferida colectiva difícil de cuantificar". Ademais, poría en risco a candidatura deste espazo como Patrimonio da Humanidade, "destruíndo unha oportunidade histórica e unha alternativa para xeracións futuras". 

Integrantes da plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes, nunha recollida de sinaturas © Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.