Apenas vinte segundos foron precisos para que, este 1 de marzo, desaparecese para sempre a cheminea da central térmica de Meirama (Cerceda). Apenas dous meses despois da demolición da súa torre de refrixeración, o pasado decembro, Naturgy -resultante da absorción da antiga Fenosa por Gas Natural- executou a voadura controlada dunha infraestrutura de produción enerxética que levaba apagada dende 2020.
O esgotamento do carbón que a alimentaba, a ausencia de rendibilidade económica, o elevado prezo dos dereitos de emisión de dióxido de carbono á atmosfera e o xiro destas empresas cara ao negocio das renovables -antes da invasión rusa de Ucraína, tamén o abaratamento do gas- foron no seu momento as causas principais da fin dunha central que ten tamén moito de simbólico. Mesmo o escudo utilizado polo Concello de Cerceda ten a térmica entre as súas armas.
Coa voadura volve mudar unha paisaxe que cambiou definitivamente coa construción da central e a apertura da mina de lignito e péchase un ciclo de loitas, emprego e contaminación. Unha central de hidróxeno e proxectos eólicos, entre os plans de Naturgy para a zona
Coa voadura deste 1 de marzo de 2023 volve mudar unha paisaxe que cambiou definitivamente por unha decisión do derradeiro Consello de Ministros presidido polo ditador Francisco Franco. Foi daquela, en 1975, cando o Estado deu luz verde á expropiación forzosa dos terreos nos que Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A. (Fenosa, a eléctrica do amigo do ditador Pedro Barrié de la Maza) quería explotar un xacemento de lignito pardo no subsolo do val das Encrobas, onde vivían e traballaban unhas 1.500 persoas.
"A terra é nosa e non de Fenosa", ecoou na contorna mentres as chemineas agora derrubadas ían erguéndose en Meirama. A protesta máis emblemática das Encrobas chegaría en 1977, cando uns 200 veciños e veciñas se enfrontaron directamente á Garda Civil coas súa mans, os seus paraugas, os seus paus ou os seus aparellos de labranza para tentar impedir a ocupación das terras.
Coa térmica de Meirama desapareceu, ao cabo, un símbolo de loita, industria e contaminación. O impacto económico para a comarca foi innegable, tanto como o sufrido pola atmosfera polas emisións da central.
Os plans da eléctrica para a zona inclúen, entre outros, a instalación dunha planta de hidróxeno renovable nos terreos da central en alianza con Repsol e Reganosa. Liga este proxecto a un parque eólico de 10 aeroxeradores entre Cerceda, Carral e Ordes -un dos que recibiu recentemente o visto e prace ambiental-