O pasado xuño, a Xunta ditou unha resolución para que as grandes empresas formulasen "manifestacións de interese" en "realizar proxectos tractores nos territorios de transición xusta de Galicia", isto é, en obter axudas da UE para desenvolver plans empresariais que compensen o impacto socioeconómico do peche das centrais térmicas de Endesa nas Pontes e de Naturgy en Cerceda. A principios de xullo, o Goberno galego anunciou mediante un comunicado que recibira 54 propostas entre as que preseleccionara 36 "para que teñan a oportunidade a futuro de concorrer" a eses fondos, que no caso galego ascenden a 111 millóns de euros, informaba.
O Goberno galego evita dar detalles dos plans das grandes empresas que queren captar fondos da UE para compensar o peche das térmicas das Pontes e Meirama e, tras unha petición ao abeiro da lei de transparencia, limítase a citar os seus nomes
Naquel comunicado a Xunta ofrecía a cifra total, pero só citaba seis dos 36 proxectos. Mediante unha petición ao abeiro da lei de transparencia, Praza.gal solicitou coñecer a relación de proxectos restantes. Tras un silencio inicial da Xunta e un recurso ante a Valedora do Pobo, a resposta chegou neste mes de outubro mediante un documento que, se ben non detalla en que consisten os proxectos, si cita cales son as empresas que os promoven. Entre elas están as xa avanzadas no devandito comunicado de xullo, tales como Reganosa e EDP, Ence ou Showa Denko, mais tamén outras eléctricas como Naturgy e tamén compañías vinculadas ao sector agroalimentario, como dúas conserveiras e unha empresa láctea.
Ao cruzar a listaxe facilitada e os proxectos mencionados na nota de xullo remitida á prensa é posible saber, por exemplo, que a candidatura de Nervión Naval Offshore é "para a ensamblaxe de estruturas de eólica mariña flotante no porto exterior de Ferrol" ou que Forestal del Atlántico quere impulsar un "centro de produción de metanol verde" en Mugardos. Tamén é coñecido que a xaponesa Showa Denko Carbón querería os fondos para "ampliar as súas instalacións" no polígono coruñés de Agrela ou que Reganosa e Energias de Portugal (EDP) promoven unha "planta de hidróxeno verde" nas Pontes.
Unha filial enerxética do fondo de investimento Blackstone súmase á petición de fondos á que tamén concorren algunhas das principais eléctricas e tamén compañías doutros sectores como as conserveiras Jealsa e Frinsa ou Leite Celta
Tamén para As Pontes serían outros dos proxectos que a Xunta e outras institucións xa avanzaran. Trátase da planta de pneumáticos da chinesa Sentury Tire ou "a proposta de Ence para construír un centro para a recuperación de papel e cartón". Malia seren escasos, estes detalles son máis que os que a Xunta accede a revelar do resto de iniciativas que pasaron este primeiro filtro para obter fondos, toda vez que se limita a citar ás empresas promotoras e, nalgúns casos, engadir un número, tal e como sucede por exemplo no denominado "proxecto 2" de Ence.
Así, na lista figuran dous proxectos (numerados como 1 e 2) dunha filial de Naturgy, Naturgy Nuevas Energías S.L.U., xunto a Repsol e Reganosa. Tamén aparece unha filial máis da antiga Gas Natural Fenosa, Naturgy Renovables. Xunto a elas, na relación está Endesa a través de Endesa Generación e tamén outra filial do seu grupo matriz, a italiana Enel: Enel Green Power España, que promove parques eólicos, con tres proxectos. Do eido enerxético provén tamén outra das candidatas, Fisterra Energía España, unha compañía propiedade do fondo de investimento Blackstone que promove plantas de ciclo combinado, eólicas e solares.
Na relación facilitada pola Xunta tras a petición deste xornal está tamén Canerde, a sociedade a través da que Reganosa e EDP promoven unha central hidroeléctrica na lagoa das Pontes, así como a súa competidora para impulsar un proxecto semellante, a andaluza Amadorio Energía, do grupo Magtel. Sen saír do sector enerxético, figuran tamén dúas propostas de Aratel Energías Renovables, empresa con sedes en Madrid, Albacete e Santiago.
A Xunta subliña que a listas de empresas que pasaron este primeiro filtro "non é vinculante" nin implica que todas vaian recibir fondos por esta vía
Empresas dedicadas á construción de instalacións con novos materiais, como Timbersoul ou Zero Energetic Housing, a loxística naval Pérez Torres Marítima, a compañía de reciclaxe Valtalia ou a empresa de compoñentes de aluminio Alueuropa están tamén nunha listaxe na que aparecen tamén tres compañías do sector agroalimentario. Trátase das conserveiras Jealsa e Frinsa -no caso desta última con dous proxectos- e mais de Leite Celta.
Como se pode observar no documento que acompaña a esta información, a Xunta acompaña a listaxe indicando que é "importante facer constar" que esta é "unha lista indicativa e non vinculante", que non implica "ningún tipo de obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas polas grandes empresas". A súa "inclusión no Plan Territorial de Transición xusta español definitivo" está "suxeita á validación do Instituto de Transición Xusta e á aprobación por parte da Comisión Europea", agrega. Praza.gal publica o documento obtido de xeito íntegro, retirando unicamente datos de carácter persoal.