Naturgy confirma ao Estado que non vai cumprir a normativa ambiental e pechará a térmica de Meirama

Central térmica de Meirama © Greenpeace

Naturgy, a antiga Gas Natural Fenosa, solicitou este pasado martes ao Goberno central a autorización para pechar todas as centrais de carbón que ten activas no Estado, entre elas a de Meirama. 

A compañía decidiu non levar a cabo os investimentos necesarios para cumprir cos requisitos medioambientais que impón a UE ao abeiro da transición enerxética impulsada desde Bruxelas e apoiada polo Goberno central. Segundo a directiva comunitaria, a central térmica terá que estar pechada en xuño de 2020.

Naturgy confirma ao Estado que pechará as plantas tras decidir non realizar os investimentos necesarios para cumprir cos requisitos medioambientais da UE 

A medida, comunicada xa aos representantes do persoal, afecta uns 80 traballadores directos na instalación de Cerceda, ademais doutros tantos que dependen tamén da central. Segundo anunciou a empresa, dos 77 postos directos, 40 seguirán "vinculados" á compañía coas obras para o desmantelamento e a través de recolocacións noutros centros da firma. 

Para o resto de traballadores buscaranse saídas pactadas. Para os indirectos, Naturgy daralles prioridade ás súas empresas nos traballos de clausura e nos plans alternativos de futuro. A súa idea, segundo asegura, prevé un plan de investimentos de 80 millóns para construír na zona un novo parque eólico de 65 MW, ademais da posibilidade dun centro de gas renovable a través de residuos orgánicos industriais e gandeiros. Da man da Xunta, tal e como insiste, procurará outros proxectos industriais para os terreos actuais da térmica. 

Naturgy anuncia un plan de investimentos de 80 millóns e a construción dun novo parque eólico na zona

A medida afecta tamén as centrais térmicas de Narcea, en Asturias, e de La Robla, en León. É unha decisión empresarial vinculada ás medidas enerxéticas chegadas de Europa, que en poucos anos deixará de pagar ás instalacións que emiten máis de 550 gramos de CO2 por kw hora, uns pagamentos destinados para a dispoñibilidade das plantas en caso de necesidade enerxética. 

A decisión de Naturgy contrasta coa que Endesa tomou nas Pontes, onde investirá máis de 200 millóns de euros para adaptar a central e que poida seguir produciendo enerxía con carbón, adaptándose ás esixencias comunitarias. O impacto económico da compañía na comarca é importante; dá emprego a uns 200 traballadores directos pero moitas outras empresas dependen da súa actividade.

A Xunta cre que o peche de Meirama "ten dous responsables claros: Naturgy e o Goberno central"

O presidente do comité de empresa de Meirama, Bautista Vega, insistiu en que o obxectivo dos traballadores é que a planta continúe producindo electricidade "a partir de recursos enerxéticos distintos do carbón". Así, piden que as administracións se impliquen na procura de investimentos para a adaptación da central. 

Desde a Xunta, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, cre que o peche de Meirama "ten dous responsables claros: Naturgy e o Goberno central". Segundo di, a empresa "incumpre os seus compromisos con Galicia, á que lles dá as costas". Respecto do Executivo, considera que "desde o primeiro momento apostou por pechar as centrais térmicas e liderar unha transición enerxética que só está a xerar prexuízo na base económica". Ademais, instou o Estado a impulsar ese plan industrial alternativo para as instalacións de Cerceda.

Naturgy lembra que a decisión "está na liña cos obxectivos da política regulatoria europea e española para avanzar cara á descabornización do sistema". 

Greenpeace, pola súa banda, celebra o futuro peche das térmicas, lembra que as "esixencias ambientais de Europa dan un sinal claro cara ao desinvestimento en carbón" e cirtica "a ausencia de planificación e transparencia, tanto de eléctricas domo de gobernos, que perderon un tempo moi valiioso para garantir a creación de novos empregos sostibles". 

“En los últimos años las exigencias ambientales marcadas desde Europa están dando una señal clara hacia la desinversión en carbón y sin embargo la ausencia de planificación y transparencia tanto de las eléctricas como de los gobiernos han hecho perder un tiempo muy valioso para garantizar la creación de nuevos empleos sostenibles”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.