O Boletín Oficial das Cortes Xerais publica este mércores o proxecto de Lei de Memoria Democrática logo de ser aprobado o pasado 15 de xullo polo Congreso, con 173 votos a favor, 159 en contra e 14 abstencións. Á espera de completar a súa tramitación parlamentaria no Senado o vindeiro outono, a nova lexislación afonda na Lei de Memoria Histórica de 2007 e remata un proceso que arrincou hai dous anos. Introduce varias mudanzas, como declarar o sistema franquista ilegal, anulando sentenzas dos tribunais en procesos políticos, crear un censo de vítimas, outorgarlle ao Estado a responsabilidade das exhumacións, resignificar o Valle de los Caídos ou incorporar sancións de ata 150.000 euros por destruír lugares de homenaxe ou por exaltar a ditadura fascista.
Entre esas novidades que se foron incluíndo nos últimos meses está a de incorporar unha listaxe que detalla os 33 títulos nobiliarios concedidos por Franco que a lei fará desaparecer. Son aqueles "recoñecementos, honras e distincións" que "resulten manifestamente incompatibles cos valores democráticos e os dereitos e liberdades fundamentais, que comporten exaltación ou enaltecemento das sublevacións militar, a guerra ou a ditadura ou que fosen concedidas con motivo de ter formado parte do aparato de represión da ditadura franquista".
A nova lei suprime os títulos nobiliarios "incompatibles cos valores democráticos", que exalten guerra ou ditadura ou concedidos por formar parte da represión
Así, a nova lei dispón expresamente a supresión de determinados títulos nobiliarios por este motivo, eses 33, entre os que se atopan tres con clara vinculación con Galicia: o condado de Fenosa, o señorío de Meirás e o marquesado de Suanzes.
No primeiro caso, a aprobación definitiva da lei porá fin ao título nobiliario que o ditador Francisco Franco creou en outubro de 1955 en favor de Pedro Barrié de la Maza para recoñecer "a súa intelixente laboriosidade, a súa constante iniciativa creadora de riqueza, desenvolvida principalmente na rexión galega, e pola súa xenerosidade, impregnada de sentimento cristián".
José María Arias, ex-presidente do Pastor, é o actual conde de Fenosa, título outorgado por Franco a Barrié de la Maza en 1955
A denominación provén do acrónimo dunha das empresas fundadas en 1943 por Barrié, Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A. (Fenosa). A compañía foi resultado da fusión forzada da Fábrica de Gas y Electricidad, que Barrié tiña na Coruña, con Electra Popular Coruñesa, do empresario e político José Miñones, fusilado polos fascistas a finais de 1936 logo de que lle expropiasen todas as súas firmas e que esta última fose cedida ao empresario de afinidade franquista, o mesmo que impulsou a Junta pro-Pazo del Caudillo e o agasallo de Meirás ao ditador.
A devolución das Torres ao Estado xa rachara co silencio sobre o vínculo franquista de Barrié, que foi perdendo honras en Galicia e que agora ve como desaparece o título nobiliario creado na súa homenaxe.
O título de conde de Fenosa foi ostentado por Barrié de la Maza ata o seu falecemento, en 1971, para logo ser sucedido pola súa segunda muller, Carmela Arias y Díaz de Rábago, logo de que un Real Decreto de 2001 dispuxese que ela debía ser entendida como cabeza de liña para a sucesión.
Falecida en 2009, sucedeuna, desde xullo de 2011, o seu sobriño paterno, José María Arias Mosquera, actual conde de Fenosa e presidente da Fundación Barrié, logo de presidir o Banco Pastor entre 2001 e 2017 ou o Consello Social da USC entre 2014 e 2018. Será o último posuidor dun título que durará 67 anos.
Ademais, a aprobación da nova lei supón tamén a desaparición do señorío de Meirás, que chegará pouco despois de que o Estado oficializase a expulsión dos Franco do Pazo sadense tras 82 anos en propiedade do ditador e dos seus herdeiros.
Un deles, Francisco Franco y Martínez-Bordiú, é o actual posuidor do título creado só uns días despois da morte do ditador polo rei Juan Carlos a favor de María del Carmen Polo, esposa do xeneral fascista.
Sen marquesado e sen Pazo
Tras falecer a muller do ditador Franco en 1988, o señorío de Meirás desapareceu ata que, só uns meses despois, o neto de Carmen Polo reclamouno. O rei Juan Carlos asinou unha carta de sucesión para outorgarlle o título que agora perderá coa chegada de outono, logo de perder tamén a propiedade do Pazo de Meirás tras unha sentenza xudicial.
Por outra banda, a Lei de Memoria Democrática tamén porá fin ao marquesado de Suanzes, creado por Franco en 1960 a favor de Juan Antonio Suanzes Fernández, militar e político ferrolán, ministro de Industria e Comercio no primeiro goberno do franquismo, aínda durante a guerra civil ou fundador e primeiro presidente do Instituto Nacional de Industria (INI).
Actualmente, é o seu neto, Juan Antonio Suanzes y de Abrisqueta, quen outorga o título de marqués de Suanzes.