O conde de Fenosa ameaza o Concello de Sada con despoxalo dos terreos onde se sitúa o colexio público de Mondego e con paralizar a construción dunha futura cidade deportiva prevista na zona, logo de que o pleno municipal acordara a retirada de honras e do seu nome dunha rúa a Pedro Barrié de la Maza.
Arias Mosquera pide ao Concello que se "absteña" de dispoñer dos terreos do colexio cedidos pola Fundación Barrié para a construcion dunha cidade deportiva
Nunha carta enviada por burofax ao Concello, á que tivo acceso Praza.gal, José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié e actual posuidor do título nobiliario creado por Franco en 1955, diríxese ao alcalde sadense para pedirlle que se "absteña" de dispoñer das instalacións do CEIP Pedro Barrié de la Maza na parroquia de Mondego para o a construción das instalacións deportivas, tal e como aprobou o pleno municipal o pasado 4 de febreiro.
Arias Mosquera argumenta que a parcela na que se pretende a construción de parte da cidade deportiva "é a mesma na que se asentan as instalacións do colexio" e que estes terreos "foron doados pola Fundación representada por Pedro Barrié de la Maza" entre finais dos anos 60 e principios dos 70 "coa condición de que o destino único e exclusivo fose o de construír e instalar unha Escola Comarcal de Ensinanza Primaria, Escola Fogar e Cidade Deportiva".
A Fundación Barrié ameaza con "revogar as doazóns e exixir a súa reversión ao patrimonio da Fundación" no caso de se construír o centro deportivo
O presidente da Fundación, e sobriño de Barrié de la Maza, require ao alcalde de Sada, Benito Portela, para que o Concello non dispoña das instalacións do colexio "para calquera outro fin que non sexa o uso e desfrute exclusivo por parte dos alumnos" ao sinalar que a administración local pretende que o futuro centro deportivo poida ser usado por clubs alleos ao centro escolar fóra do horario lectivo.
Ademais, advírtelle de que, no caso de "contravir a limitación consignada nas escrituras de doazón sen contar coa preceptiva autorización expresa e escrita" por parte da entidade, esta procederá "a revogar as devanditas doazóns e exixir a reversión das mesmas ao patrimonio da Fundación".
A carta foi asinada o 23 de febreiro deste ano, menos dun mes despois de que o pleno do Concello de Sada apoiase, co voto a favor de Sadamaioría, PSOE e Alternativa dos Veciños, unha moción do BNG para borrar do rueiro da localidade o banqueiro e empresario pola súa vinculación co golpismo e o franquismo e o seu papel fundamental "no espolio do Pazo de Meirás e a Casa Cornide".
O pleno de Sada acordara retirar unha rúa e as honras municipais a Barrié polo seu papel fundamental "no espolio do Pazo de Meirás e a Casa Cornide"
Ademais, acordárase retirar tamén a distinción de Fillo Adoptivo e aprobouse que se comunicase ao CEIP Pedro Barrié de la Maza a opinión favorable do pleno á mudanza de nome do centro de ensino para que fose debatida polo consello escolar.
Así, a rúa de entrada a Sada desde Oleiros pasará a denominarse O Pedregal, recuperando a toponimia tradicional, e Barrié de la Maza quedará sen honras en Sada.
Desde a Fundación Barrié asegúrase que a carta foi enviada logo da "imposibilidade" de poñerse en contacto co Concello de Sada malia intentalo "en numerosas ocasións" e tras comprobar que as instalacións deportivas "pretenden ocupar parte dos terreos que foron cedidos" pola entidade. "O único obxectivo é protexer e salvagardar os intereses do alumnado", di a institución, que asegura que non recibiu aínda resposta da administración local a pesar de "amosar a disposición a procurar unha solución".
A Fundación Barrié di querer "protexer os intereses do alumnado" ante a "pretensión de ocupar parte dos terreos cedidos"
Fontes municipais aseguran a Praza.gal non ter dúbida de que a carta enviada por Arias Mosquera é unha resposta á retirada de honras a Barrié e destacan o feito de que na misiva se faga referencia ao pleno onde se aprobou o proxecto da futura cidade deportiva sinalando que foi celebrado "o día 28 de xaneiro do corrente ano", cando nesa data o que tivo lugar foi o pleno no que se acordou a retirada de honras ao banqueiro e empresario coruñés. O visto e prace ás futuras instalacións deportivas, por un importe total de 2,5 millóns de euros, foi unha semana despois.
O alcalde de Sada lembra que as futuras instalacións deportivas "están vinculadas ao uso escolar", que é o "preferente"
Pola súa banda, o alcalde de Sada, Benito Portela, limítase a sinalar que o proxecto da cidade deportiva foi analizada polos servizos xurídicos e que as futuras instalacións "están vinculadas ao uso escolar", aínda que poidan ser utilizadas por outras entidades ou clubs fóra do horario lectivo, polo que cumpren co establecido no acordo de doazón.
"As instalacións teñen o uso escolar como preferente aínda que, como ocorre con outras moitas instalacións en colexios e institutos, poderán ser empregadas para actividades deportivas doutros clubs fóra do horario lectivo", di Portela, que lembra que na propia doazón realizada hai 50 anos por Barrié de la Maza especificábase que nos terreos doados, ademais da escola, tamén se tiña previsto construír "unha cidade deportiva".
Con todo, o Concello agarda agora as actuacións da Fundación Barrié e a elaboración dun informe máis detallado por parte dos seus servizos xurídicos no que corroborar a que consideran unha actuación totalmente lexítima e axustada a dereito.
Na carta, Arias Mosquera lembra que nos anos 70 a construción do colexio de Mondego foi financiada "nun 20% do seu orzamento total pola Fundación Barrié" e despídese advertindo de que a institución "está aberta ao diálogo co fin de poder atopar unha solución que satisfaga as pretensións de todas as partes".