Era cuestión de tempo e agora concrétanse as datas no Boletín Oficial del Estado (BOE). A central térmica de carbón das Pontes debe desmantelarse como moi tarde en agosto de 2027. Así o establece o Ministerio para a Transición Ecolóxica na autorización de peche das instalacións agora ditada tras a petición da empresa, Endesa Generación.
Tras a petición de Endesa e a paralización cautelar pola guerra en Ucraína o Goberno de España vén de establecer que a instalación debe pechar antes dun ano, e a partir dese momento a empresa terá como máximo tres anos para desmantelala
Endesa leva anunciando a fin do carbón nas Pontes desde hai catro anos, incentivada polo mercado e polas esixencias europeas de descarbonización. Durante este tempo a empresa estudou sen éxito outras alternativas de combustibles para as instalacións. E comezaron a buscarse proxectos industriais alternativos para a comarca.
Cando xa se iniciara o proceso administrativo de peche e se estaba a queimar o último carbón a guerra de Ucraína e os problemas enerxéticos globais levaron a prorrogar cautelarmente o funcionamento de parte da central.
Pero os trámites para o peche continuaron. En marzo do pasado ano a empresa obtivo o permiso ambiental para desmantelar a central, condicionado despois pola Xunta cando esta decidiu protexer a última hora a cheminea do complexo.
E agora chega a autorización de peche da Dirección Xeral de Política Enerxética do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Unha resolución que se pronuncia sobre a solicitude formulada por Endesa en decembro de 2019 e que autoriza fixando prazos.
Así, o peche dos catro grupos de xeración da central termoeléctrica "deberá realizarse no prazo de doce meses contados a partir da data da presente Resolución", di o ministerio. Despois, "Endesa Generación SA deberá proceder ao desmantelamento da central termoeléctrica das Pontes no prazo máximo de tres anos contados a partir da data en que o peche dos grupos se faga efectivo". Isto é, o desmantelamento debe producirse antes de como moito catro anos.