Os 459 delitos totais contra a liberdade sexual constitúen o máximo dende o ano 2011 e veñen experimentando un crecemento constante dende o 2013 (342)
O pasado ano rexistráronse en Galicia 459 contra a liberdade sexual. 44 foron categorizados como agresión sexual con penetración (as violacións nas que a xustiza entende que houbo violencia explícita), catro máis das que houbera en 2016, segundo as cifras publicadas polo Ministerio do Interior. Os 415 restantes corresponden a outros delitos, que van dende o abuso sexual (con ou sen penetración), o acoso sexual, a prostitución, o exhibicionismo ou a pornografía infantil. Os 459 delitos totais contra a liberdade sexual constitúen o máximo dende o ano 2011 e veñen experimentando un crecemento constante dende o 2013 (342).
No conxunto de España o número total de delitos desta índole tamén creceu notablemente no último ano (de 10.844 a 11.692), especialmente as agresións con penetración (de 1.249 a 1.382). É, de feito, o delito que máis aumentou en 2017 no Estado.
O 90% das vítimas das agresións con penetración son mulleres, que tamén representan o 82% das vítimas nos restantes delitos contra a liberdade sexual
Segundo as estatísticas correspondentes ao conxunto do Estado en 2016, o grupo de idade con máis vítimas deste tipo de delitos é o que se sitúa entre os 18 e os 30 anos, seguido do que ten entre 14 e 17 anos e do que conta entre 31 e 40. O 90% das vítimas das agresións sexuais con penetración son mulleres, que tamén representan o 82% das vítimas nos restantes delitos contra a liberdade sexual.
O 96% dos detidos e investigados son homes, unha porcentaxe que crece ata o 99% no caso das agresións con penetración
En canto aos detidos e investigados por este tipo de delitos, o 96% son homes, unha porcentaxe que crece ata o 99% no caso das agresións sexuais con penetración. Por idades, o grupo entre 41 e 60 anos é o que reúne máis detidos e imputados no conxunto de delitos, pero na categoría concreta de agresión con penetración domina claramente o grupo entre 18 e 30 anos.