A CRTVG culpa o Parlamento do incumprimento da súa lei, vixente dende 2011

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG

En setembro de 2014 o Parlamento aprobou unha rechamante iniciativa. O PSdeG logrou sacar adiante unha proposta na que esixía nin máis nin menos que a aplicación dunha lei aprobada máis de tres anos atrás. Nomeadaemnte, os socialistas reclamaban o "cumprimento inmediato" da lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, a normativa que no outono de 2011 veu substituír a lei de creación da Compañía de Radio Televisión de Galicia coa aspiración de asentar nela a "pluralidade" e a "desgobernamentalización". Case seis meses despois a iniciativa e a propia lei seguen incumpridas e a CRTVG reponsabiliza ao Parlamento dun bloqueo que, en última instancia, vén depender da Xunta.

O ente público vén de responder unha pregunta parlamentaria no que o propio PSdeG pedía saber se "vai seguir indefinidamente a CRTVG" no incumprimento da lei, que fixa preceptos como unha fonda reestruturación empresarial, pero tamén a elección dos dirixentes dos medios públicos a través do consenso entres as forzas políticas. Na súa resposta a Compañía asegura que "os traballos realizados ata o momento para a operación de reestruturación societaria" evidencian "unha secuencia intensa actividade económico-administrativa cun alcance transversal no eido mercantil, laboral e regulamentario con incidencia na revisión e adaptación dos procesos de soporte".

O Parlamento aprobou en setembro de 2014 o "cumprimento inmediato" da lei, aprobada tres anos antes

Segundo a entidade pública estas tarefas estiveron orientadas ao "obxectivo común relacionado coa mellora da organización e a competitividade" das estruturas nas que se asentan a TVG e a Radio Galega, "nunha organización converxente de comunicación audiovisual que elabora e difunde contidos por múltiples canles, soportes e dispositivos". Asemade, sinala, o orzamento da compañía para 2015 "contempla os retos asociados á execución da lei" coa fin de "continuar contribuíndo á conversión da CRTVG nunha marca transformada, evolucionada e renovada que sexa referencia da industrial cultural e creativa de Galicia".

A compañía di estar "ao que determine o Parlamento"

Pero, que acontece co cumprimento da lei? "No que atinxe á demora da aplicación de diversos aspectos da devandita lei" a dirección xeral da CRTVG "está ao que determine o Parlamento de galicia, tal e como non pode ser doutro xeito en función do contido do texto legal", resolve.

O que resta por facer

Alén da resposta máis ou menos abstracta emanada do gabinete que dirixe Alfonso Sánchez Izquierdo o certo é que a lei chamada a transformar en corporación a CRTVG xa estaba incumprida aos seis meses de entrar en vigor. En xuño de 2012 a Xunta xa tería que ter elaborado o mandato marco dos medios públicos, documento que debe fixar "os obxectivos xerais" do "servizo público" da compañía e que aínda non foi tramitado nin, polo tanto, aprobado na Cámara. Do mesmo xeito, naquela altura tería que ter unha nova directora ou director xeral elixida polo propio lexislativo, que tamén tería que ter xa elaborado un procedemento para esta elección. Nada disto se fixo e o bloqueo provoca, entre outras consecuencias, que o consello de administración sexa reflexo da composición do Parlamento na anterior lexislatura e non da actual -ninguén representa a AGE no organismo, aínda que lle correspondería esa representación-.

O PSdeG cre que a lei tornou nun "monumento ao engano do presidente Feijóo"

Neste contexto, o único trámite fixado na lei que xa foi aprobado, aínda que con atraso, foi a autorización da Xunta para fusionar dúas das empresas que viñan compoñendo a CRTVG: Televisión de Galicia S.A. e Radiotelevisión de Galicia S.A. A posta en marcha da nova corporación empresarial, os seus novos órganos directivos e as súas novas canles para, entre outros aspectos, garantir a "pluralidade" dos contidos son tarefas aínda por facer. Segundo o PSdeG, promotor inicial da lei que agora se incumpre, "despois de moitas promesas" esta lei é "un monumento ao engano do presidente Feijóo" e amosa que "as súas verbas nada valen".

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.