BNG e PSdeG esixen reabrir a paralizada investigación das caixas tras o sinalamento da Audiencia Nacional

Sesión de constitución que reabriu a comisión das caixas © Parlamento de Galicia

A oposición reaccionou ao auto da Audiencia Nacional sobre a fusión das caixas galegas, no que culpa a Caixa Galicia da quebra das entidades e na que censura a Xunta por impulsar unha operación "obrigada", reclamando a reapertura da comisión de investigación no Parlamento

BNG e PSdeG coinciden en destacar a gravidade do sinalado pola Audiencia Nacional e en reclamar "explicacións" inmediatas

BNG e PSdeG cualificaron de "grave" o coñecido a través deste auto xudicial. Desde a formación nacionalista, a súa deputada Noa Presas considera "evidente" que o ocorrido coas caixas galegas é "investigado por todo o mundo menos polo Parlamento galego", unha situación da que acusa ao "veto constante do PP nas lexislaturas anteriores”.

Noa Presas, deputada do BNG CC-BY-NC-SA BNG

O Bloque sinala o "veto" do PP, que provoca que o ocorrido coas caixas galegas sexa "investigado por todo o mundo menos polo Parlamento galego"

O Bloque considera "inadmisible" ese veto e asegura que intentará "por terceira vez" que se "reabra esa comisión e se peche con conclusións". “A ver se á terceira vai a vencida e superamos ese veto constante do PP”, engadiu Noa Presas.

Pola súa banda, o deputado do PSdeG, Pablo Arangüena, cre que esa comisión de investigación é "o foro axeitado" e reclama tamén a súa reapertura, pero ademais esixe a "comparecencia inmediata" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que dea "explicacións xa mesmo" ante o decorrer dun proceso "do que nunca dixo nada como o que agora di a resolución xudicial". 

"É moi grave", insistiu Arangüena, que lembra que o rescate das caixas deixou polo camiño "8.000 millóns de euros, o 75% do orzamento da Xunta nun ano" e que "en ningún momento se acabou de facilitar oinforme de KPMG que o propio responsable dixo que non era unha auditoría nin avalaba a fusión". 

"É moi grave o que sucedeu porque as caixas eran patrimonio de todos os galegos e agora son un banco en mans privadas", rematou para volver esixir "explicacións" a Feijóo.

Pablo Arangüena, deputado do PSdeG, comparece no Parlamento © PSdeG

Foi hai máis de sete anos cando o PP, unha vez pasadas as eleccións galegas de 2012, accedía a abrir unha comisión de investigación no Parlamento sobre a fracasada fusión. Tras unha primeira xeira de comparecencias -entre elas, as de Méndez e Gayoso e a dos autores do informe da consultora KPMG- e recepción de documentación, o PP galego fixo valer a súa maioría absoluta para bloquear a investigación dende antes das eleccións europeas de 2014 e ata despois das galegas de 2016. A intención, afirmarían despois, non foi outra que "arrefriar o debate". En 2017 accederon a reabrila, pero a parálise regresou pouco despois e xa transcorreron case tres anos nos que o movemento da comisión se reduciu, a efectos prácticos, ás peticións da oposición para reactivala.

A inicios deste ano, o deputado Antón Sánchez como voceiro de Común da Esquerda, pediu a súa reactivación. Sánchez, que neste tempo mesmo tivo que chegar aos tribunais de Xustiza para instar a Xunta a lle entregar papeis da fusión, lembra no seu escrito que en 2016 os populares "non aceptaron" novas comparecencias na comisión "co pretexto da urxencia para rematar pola vía rápida" e, no entanto, a investigación "leva máis de dous anos paralizada". O Tribunal Superior acabou por condenar o Goberno galego por negar á Cámara papeis das súas decisións no proceso

 O Tribunal Superior condenou a Xunta por negar á Cámara papeis das súas decisións no proceso de fusión das caixas

O pasado 29 de setembro, o BNG rexistrou unha solicitude que será debatida en pleno dentro de quince días para a reapertura da comisión de investigación “porque cada vez hai máis indicios de novos movementos nas estruturas financeiras e bancarias e non pode ser que Galiza non teña avaliado o acontecido no pasado para tamén poder tomar as súas decisión de cara ao futuro”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.