O informe encargado pola Xunta á empresa KPMG foi o detonante da fusión de Caixanova e Caixa Galicia. O Goberno galego presentouna como unha "auditoría" malia non ser tal e asegurou que "avalaba" a unión das caixas galegas, malia non facelo. As filtracións á prensa están a permitir coñecer estes datos sobre o documento, toda vez que a Xunta o remitiu ao Parlamento pero coa cualificación de secreto. Semella que é tamén agora cando o coñecen integramente os ex directivos das caixas. Isto é, cando menos, o que cabe deducir das declaracións de quen fora director xeral adxunto de Caixa Galicia e de Novacaixagalicia, Javier García de Paredes, quen este xoves pasou pola comisión de investigación que indaga o acontecido coas malogradas entidades galegas.
García de Paredes, que foi un dos negociadores da fusión e tamén un dos perceptores das millonarias indemnizacións agora investigadas pola Xustiza, explicoulles aos deputados e deputadas que "o informe de KPMG" foi o gran argumento do gabinete de Alberto Núñez Feijóo para "non permitir outra alianza que non fose entre as caixas galegas" e "a autorización da Xunta era necesaria". Nese punto "que KPMG di que a fusión é viable díxoo a Xunta, non o inventei eu", ilustra.
"Non tiñamos coñecemento do informe" de KMPG "porque non se podía coñecer a información da outra entidade"
Pero, coñecían os directivos o "diagnóstico acelerado de viabilidade da fusión", preguntaron os parlamentarios? Naquel momento "non temos coñecemento do informe" porque, argumentou o Goberno galego, "estaba feito con informacións confidenciais" e, dado que non se iniciara negociación ningunha, "non se podía coñecer a información da outra entidade". "Polo tanto, non se tiña coñecemento" do que KPMG dicía ao respecto. Só o que comunicaba a Xunta, isto é, que a operación era "viable".
Proxecto para marchar con Caja Madrid
A fusión galega non era, nin de lonxe, a única vía explorada pola entidade daquela gobernada por José Luis Méndez. Nun clima de "noticias e dixomedíxomes" sobre posibles "unións de caixas de distintos territorios", García de Paredes animou os seus superiores a encargar "estudos confidenciais que permitisen analizar a viabilidade" de fusionarse con Caixanova. Pero, ao tempo, "nunha reunión co Banco de España comunícase que se establezan contactos con Caja Madrid e a Caja de Ahorros del Mediterráneo para a realización dun SIP", isto é, unha das coñecidas como fusións frías.
Caixa Galicia chegou a presentar ante o Banco de España un proxecto de 'fusión fría' con Caja Madrid e a CAM
Aquela operación coas caixas madrileña e valenciá, ambas integradas agora en Bankia, non quedou nunha mera especulación. A consultora Analistas Financieros Internacionales realizou un informe ao respecto e entabláronse negociacións nas que García de Paredes participou. "Iso foi así, eu participei desas negociacións", subliña, ao dar conta dunhas conversas que desembocaron "nun documento que se presenta ao Banco de España a principios de decembro de 2009". A presentación "coincide co anunico da Xunta de que lle vai encargar unha auditoría a KPMG para a análise de se é viable ou non a fusión das caixas", sinala. Acto seguido, "a Xunta pronúnciase de xeito inequívoco a favor da fusión e insta as entidades a que a realicen en tal sentido" cun plan de integración que, lembra foi "aprobado expresamente polo FROB e o Banco de España".