Europa decide a intervención de España

Luis de Guindos, ministro de Economía © Goberno de España

Os ministros de Finanzas da UE acordan esta madrugada na xuntanza do Eurogrupo unha inxección urxente de 30 mil millóns para calquera emerxencia no sector financeiro, facendo concreta a decisión e a petición de axuda por parte de España que se fixera pública en xuño. Ese cartos, que chegarán a finais deste mes, irán destinados en primeiro lugar a algunha das entidades nacionalizadas, como Bankia ou Novagalicia Banco. O capital inxectarase a través do FROB e computará como débeda pública, en contra do afirmado nalgunha ocasión polo Goberno central.

Europa tamén aprobou relaxar os prazos esixidos a España para que cumpra co obxectivo de déficit imposto (3%). España terá un ano máis (até finais de 2014) para rebaixar até ese nivel o 8'9% actual. Para este ano, o obxetivo de déficit reláxase até o 6,3% do PIB (en lugar do 5,3% inicialmente previsto). España deberá reducir a seu déficit ao 4,5% o ano que vén e ao 2,8% en 2014. O memorándum completarase e asinarase o 20 de xullo, aínda que previamente terá que ser ser aprobado por algúns parlamentos nacionais.

Supón unha intervención externa da economía española, se cadra menos drástica que a sufrida por Grecia, Portugal e Irlanda, ou en calquera caso ponlle nome e define unha intervención de facto que xa existía e pola que nos últimos dous anos as principais decisións de política económica eran impostas, comezando pola reforma constitucional. En calquera caso, Bruxelas imporalles condicións aos bancos rescatados e tamén novas obrigas de política económica (posiblemente a suba do IVE, un meirande control das contas públicas e pode que recortes de salario para os traballadores públicos).

Misións da troika (os famosos homes de negro) visitarán Madrid cada tres meses e asumirán de facto poderes sobre a supervisión financeira da banca

Ademais, misións da troika (os famosos homes de negro) visitarán Madrid cada tres meses e asumirán de facto poderes sobre a supervisión financeira da banca; igualmente, espérase que a UE impoña en breve profundos cambios en todo o sector financeiro. Bruxelas esixirá un ratio de capital moi esixente, do 9%, para todos os bancos, que podería afogar aínda máis o crédito e a recuperación. Ademais, entre as condicións acordadas para a axuda, estaría a imposición de que os produtos financeiros coma as participacións preferentes teñan perdas, é dicir, non se garante que as persoas que foron engañadas para mercar este produtos reciban integramente os seus cartos. En calquera caso, en setembro saberase a cantidade exacta do rescate bancario, que podería roldar os 100 mill millóns, unha vez que se teñan todos os datos das análises ás situacións dos bancos.

As esixencias e reformas concretas coñeceranse, seguramente, entre este mércores, cando Mariano Rajoy intervirá no Congreso dos Deputados, e no Consello de Ministros do venres 13, no que se farán efectivas algunhas das medidas que dende hai día vai apuntando o Goberno, comezando pola suba do IVE confirmada este luns por Cristóbal Montoro, a eliminación da deducción por vivienda e algunha primeira medida relacionada cos funcionarios.

Olli Rehn: "É esencial que o Goberno español tome as medidas de consolidación fiscal necesarias para cumprir os novos obxectivos"

O vicepresidente da Comisión e responsable de Asuntos Económicos, Olli Rehn non quixo revelarlles aos xornalistas se entre os axustes que se esixen a España están os recortes nas pensións e nas prestacións por desemprego. Porén, afirmou que "é esencial que o Goberno español tome as medidas de consolidación fiscal necesarias para cumprir os novos obxectivos". Ademais, pediu medidas encamiñadas a “reequilibrar as contas da comunidades autónomas”. 

A pesar do que parece evidente e das declaracións dos responsables europeos, Luis de Guindos apresurouse a afirmar no seu twitter que "ninguén me impuxo nada". O ministro de Economía cualificou de "moi positivos" para España os acordos e negou ter asumido "máis imposicións" ou "compromisos adicionaís de ningún tipo" en política económica.

Luis de Guindos, ministro de Economía © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.