Rajoy atribúese a consecución dunha "liña de crédito" e nega o rescate

Rajoy, durante a comparecencia na Moncloa © Goberno de España

Non é un rescate, é "unha liña de crédito" e o Goberno español non está "presionado", senón que é el e, nomeadamente, o seu presidente, quen "presiona". Presionado, e moito, estivo Mariano Rajoy dende a tarde do sábado e foi precisamente esa presión a que levou o seu equipo a propiciar unha comparecencia de urxencia ante os medios antes de que, como marca a súa axenda, o xefe do Executivo central collese un avión rumbo a Polonia para presenciar o España-Italia da Eurocopa. Nin o persoal de seguridade de Moncloa, confirman fontes presenciais, coñecían que se ía producir unha rolda de prensa -desta volta, con preguntas- na que Rajoy afondou na tese de que "o acontecido onte" é "moi bo para o euro, para España e para Europa", reforzando así o exposto o sábado polo ministro de Economía. En todo, menos nun factor económico esencial: ao contrario que Luís de Guindos, asegura que os ata 100.000 millóns que achegará o Eurogrupo "non afecta ao déficit".

E "non afecta ao déficit", porque "non hai condicionalidade ningunha" para o Estado, afirma, contradicindo tamén o comunicado do Eurogrupo no que se explicitaba que a vixilancia sobre os recortes españois será aínda máis férrea. Rajoy enmarca "o de onte" nunha estratexia perfectamente planificada polo seu Goberno, que "sabe perfectamente onde vai e agradece que os españois así o entendan". "O que non ten sentido é dicirlle á xente mentiras, ou o que non é", isto non é un "rescate" nin o Reino de España está "intervido", asegura. Só se trata dunha "liña de cŕedito para o noso sistema financeiro" que as entidades bancarias con problemas "terán que devolver no seu momento". En calquera caso "non vou entrar en debates nominalistas" porque "isto é o que hai".

Rajoy asegura "o acontecido onte" é forma parte "dun plan global de saneamento da economía española" que evitou a "intervención"

Non hai que "perderse nos vericuetos do momento", reclama o líder popular. Na reunión do Eurogrupo "gañou a credibilidade do proxecto europeo" e "forma parte dun plan global de saneamento da economía española e da súa posta a punto para recuperar o crecemento e a creación de emprego". Como De Guindos, insiste ademais en que esta é a vía máis rápida para que volva fluír o crédito, que é a economía como o "sistema circulatorio ao corpo humano". E, se isto é tan bo, por que non se fixo antes?, preguntáronlle. "Xa me gustaría a min sabelo", declara. "Pero as cousas son como son e non como nos gustarían que fosen". Outros países xa inxectaron máis cartos públicos na banca "hai tres anos", evidencia.

Neste escenario Mariano Rajoy presenta o rescate como un negocio practicamente redondo que o deixa "moi satisfeito", por non ter consecuencias "macroeconómicas" e ser "un paso moi decisivo" no camiño da "recuperación económica" e da "creación de emprego". Así, tras unhas negociacións con Europa "que nin se televisan nin se radian" porque son "discretas" o seu gabinete continuará na senda iniciada pola reforma laboral e a contención do déficit público, reitera. Isto será o luns, porque antes a comitiva presidencial pasará pola cidade polaca de Gdansk. "Marcho fundamentalmente porque a selección española é a selección campiona do mundo" e "campiona de Europa", e "é bo que o presidente do Goberno do seu país estea no partido inagural", tamén "porque me convidou de forma moi especial o presidente de Polonia". "Estas cousas son opinables", admite Rajoy. "Se non vou, porque non vou, e se vou, porque vou". "Podían pensar que se ve moito mellor o partido na casa", razoa. Se así fose, podería ver tamén "o triunfo de [Rafael] Nadal ante Djokovic, que desagrazadamente non poderei ver".

Rajoy, durante a quenda de preguntas © Goberno de España

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.