Xosé Carlos Arias, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo, censura "a impericia manifesta" dun Goberno ao que atribúe tamén "un grave problema de comunicación" ante a crise económica. O último episodio, o discurso de Mariano Rajoy tras o rescate financeiro: "Non se pode dar a entender que é como un agasallo; iso si que xera desconfianza na UE". O membro da International Society for the New Institutional Economics e fundador da Revista Economía Aplicada cre que a recapitalización da banca española traerá "melloras" pero será "insuficiente para lograr o crecemento que precisa o Estado".
Por que o Goberno transmite tantas dúbidas e contradicións?
Pois seguramente por unha mestura de dous factores: houbo problemas de comunicación, pero tampouco souberon facer fronte a un problema de crise que se lles fixo moito máis grande do que eles supuñan. Ademais, tampouco axudaron as continuas contradicións institucionais, como o feito de que sexa o Ministerio de Economía o que colla as rendas de todo este proceso financeiro, en lugar do Banco de España, o que sementa moita máis desconfianza. Houbo unha impericia manifesta e un grave problema de comunicación.
Foron moi negativas as desconfianzas públicas amosadas sobre o Banco de España?
O Goberno xerou dúbidas dunha maneira incorrecta e moi lesiva para os intereses do Estado. Xeráronse dúbidas sobre Miguel Ángel Fernández Ordóñez, ao que se usou de chivo expiatorio. É evidente que como gobernador do Banco de España non foi unha marabilla, pero sexa máis ou menos responsable, tampouco é nada positivo que se lle lancen acusacións desde o Executivo porque os mercados non reaccionan nada ben. Houbo un conxunto de moitas cousas moi mal feitas.
Son varias as informacións que falan dun enfado considerable nas institucións europeas coa intervención de Mariano Rajoy tras o rescate financeiro?
Paréceme lóxico ese enfado. Nunha situación como esta hai que estar á altura. Dicir o que se dixo, dando a entender case que nos tocou a lotería, non deixa de ser algo banal e imposible de crer. A quen observa estas actitudes desde o resto de países europeos, isto non lles pode agradar. Entendo que se diga que esta situación pode ser unha oportunidade, pero hai que asumir tamén que é un fracaso colectivo. Iso pódeno entender os estados que van ter que poñer o diñeiro para arranxar a situación, pero o que non poderán entender é que se lles diga que foi Rajoy quen presionou ou que o rescate semella un agasallo... Iso si que xera desconfianza.
"O Goberno amosa unha clara impericia, pero tamén graves problemas de comunicacion"
Por que opta por este discurso o Goberno?
Pode ter algo que ver co estilo político do presidente do Goberno, algo que non me interesa moito, pero que lle deu resultado, incluso na oposición. Será esa táctica de non dicir, de non aparecer nos momentos difíciles, de disimular... Esta aparente tranquilidade pode ser positiva para non inquietar a sociedade, pero unha cousa é calmar a xente e outra moi diferente é enviar unha mensaxe nada crible.
Que suporá este rescate para a economía real, para a sociedade?
Iso é algo que aínda non sabemos porque faltan moitos detalles que se terán que negociar e porque as mensaxes son contraditorias. De Guindos dixo que non afectaría a aspectos macroeconómicos, logo Bruxelas di que si, logo volve dicir que non... Desde logo, os condicionamentos son manifestas, claros e explícitos para o sistema financeiro, pero no resto de políticas é máis dubidoso. O que si haberá será unha vixilancia maior sobre como se cumpren os obxectivos marcados para o déficit e a débeda pública. Eu non creo que haxa máis imposición de recortes porque en Europa vai aparecendo un novo consenso que ten claro que non se pode incidir nesta política suicida que nos levou á recesión. O que si creo é que haberá unha suba do IVE porque foi unha recomendación da UE que España xa rexeitou noutras ocasións.
"Non creo que haxa máis imposición de recortes, pero si unha vixilancia maior sobre España"
Tantos recortes non son a solución?
O problema que tivemos sempre foi a débeda privada e non a pública, e todo este proceso déixao bastante claro. Esta tolemia de pensar que todo se ía resolver con recortes nas administracións públicas e reducindo a débeda pública era equivocado.
E como se explica que durante anos se seguise unha política económica que todos os expertos cualifican agora de suicida?
Esta é unha política económica da que son responsables os dous últimos gobernos españois, porque compartiron o esencial desde hai un par de anos. No entanto, a responsabilidade tamén é limitada, porque todo responde a unha orientación que marcou ese directorio da UE, Merkel e Sarkozy. Estamos nunha unión monetaria, compartimos tipo de cambio, obxectivos de inflación... Isto funciona así pero non nos enterabamos. Parecía que viviamos en Hollywood e agora estamos vendo a parte negativa de estar subordinado a criterios de fóra. Ten partes positivas, pero tamén negativas.
"Pensamos que viviamos en Hollywood e agora estamos vendo a parte negativa de estar subordinado aos criterios da UE"
E tras o rescate, cando fluirá o crédito bancario? Cando se iniciará a recuperación?
O problema que ten a economía española é que está construída sobre unha base de débeda enorme e esta bolsa de débeda ten que desfacerse, ten que haber un desapalancamento da débeda que adoita durar entre sete e dez anos. Iso é o que di a experiencia histórica e o proceso en España non acaba máis que de comezar. Todo o que ocorreu o sábado vai destinado a iso: a poñer en marcha o crédito. O rescate e a recapitalización dos bancos é necesario pero non suficiente. Podemos esperar algunha mellora, pero insuficiente para o crecemento ou para a xeración de emprego que precisa o país.