Rescatados e rescatadas, intervidos e intervidas. As alegrías bancarias dos anos da burbulla inmobiliaria, entre outros factores, desembocaron este sábado no rescate ás finanzas españolas para asistir o sector bancario. É o resultado da cita de urxencia do Eurogrupo, os ministros de Economía e Finanzas da zona euro, que a través de videoconferencia abordaron durante tres horas o xeito en que se efectuará o que se veu dando en chamar de múltiples xeitos pero en ningún caso "rescate", cando menos dende o Goberno de España, e que suporá unha inxección de ata 100.000 millóns de euros de cartos comunitarios -prestados- no Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) para que este, á súa vez, faga o propio cos bancos problemáticos, un 30% do total de entidades, segundo cálculos do Ministerio de Economía.
A operación que puxo a proba a resistencia e os dotes diplomáticos do gabinete de Mariano Rajoy e, nomeadamente, do titular de Economía, Luis de Guindos, chegou despois de que o Fondo Monetario Internacional (FMI) adiantase de madrugada o seu informe sobre a banca española. "O núcleo do sistema financeiro de España é sólido, pero persisten importantes vulnerabilidades", titulaba a institución o seu comunicado oficial para explicar, esencialmente, que o seu Programa de Avaliación do Sector Financeiro (PESF) detectou que, "nun escenario desfavorable", os bancos "máis grandes" estarían "suficientemente capitalizados como para resistir novos deterioros", pero "varios bancos necesitarían incrementar as reservas de capital en arredor de 40.000 millóns de euros". Finalmente, os cartos dispoñibles serán máis do dobre. Por que? Tanto De Guindos como o propio Eurogrupo falan de contar cunha "marxe de seguridade". A cantidade é o "suficientemente elevada", vén dicir o ministro, para contar cos fondos que precisan os bancos en problemas e bastante máis. A cifra exacta coñecerase cando as dúas avaliadoras "independentes" que radiografían os bancos rematen o seu traballo, algo que acontecerá ao longo deste mes.
O titular de Economía só accedeu a recoñecer de que cantidade estaba a falar ata que o Eurogrupo a fixo pública a través dun comunicado. Tratábase de exercer a "cortesía" cos seus colegas europeos, xustificou nunha multitudinaria rolda de prensa na que amosou evidentes xestos de incomodade e tensión ante os informadores, aos que reiterou que "o mecanismo que se ideou e que se acordou é extremadamente positivo", tanto para a economía española como para a supervivencia do euro. Esa foi unha das dúas grandes ideas forza da comparecencia. A outra: "isto non ten nada que ver cun rescate". É "unha declaración política dende o punto de vista do que é a petición de apoio financeiro" á UE. Os cartos son só para os bancos e, polo tanto, "as concidións vánselles impoñer aos bancos e non á sociedade española". Ademais, asegura, o FMI só xogará un papel de "asesor", sen supervisar a política macroeconómica do Executivo. "Non hai ningún tipo de condicionalidade nin de reformas económicas fóra do sector financeiro", mantén.
De Guindos nega que haxa novas condicións ou recortes, pero o Eurogrupo advirte de que as finanzas do Estado van ser "vixiadas moi de cerca" e os axustes, "regularmente revisados"
No entanto, esas afirmacións de De Guindos non coinciden co comunicado do Eurogrupo. Nese documento, a xeito de advertencia, os ministros comunitarios amósanse "convencidos de que España vai facer honra aos seus compromisos sobre o excesivo déficit e coas reformas estruturais, coa fin de corrixir os desequilibrios macroeconómicos". "O progreso nestas áreas vai ser vixiado moi de cerca" e "regularmente revisado". Isto acontecerá "en paralelo coa asistencia financeira", da que si falou o titular de Economía.
Nesta liña, a versión optimista do acontecido que transmite De Guindos reitera que a asistencia comunitaria non só non será prexudicial para a cidadanía, as súas condicións de vida e os servizos públicos que recibe, senón todo o contrario. "A razón última de todo iso que se stá facendo" é "ter entidades financeiras máis solventes e que estean en disposición de dar crédito", afirma e, "como non pode ser doutro xeito", a "razón de ter entidades fortes" é "que dean crédito ás pequenas e medianas empresas e ás familias, non hai máis razón ca esa, non lle estamos a facer un favor a absolutamente ninguén", insiste.
E, por que estas explicacións non as ofreceu Mariano Rajoy? "Eu son o membro do Eurogrupo e non o presidente do Goberno", di De Guindos, que engade ademais que o acordo non se tería acadado "sen a axuda" presidencial. Na axenda do xefe do Executivo para o sábado non figuraba acto público ningún. A súa primeira aparición pública segue a estar prevista para o domingo en Gdansk (Polonia), para ver en directo o partido da Eurocopa entre as seleccións española e italiana.
A análise do FMI
Á espera das auditorías independentes o propio De Guindos explica, a grandes trazos, o estado do sector bancario apoiándose no informe do FMI. "O núcleo do sector financeiro español está ben xestionado e resistiría novos shocks, pero existen aínda importantes vulnerabilidades no sistema", di a institución, cuxa subdirectora de Mercados Monetarios, Ceyla Pazarbasioglu, afirma que, malia ás medidas adoptadas para "reducir" esas "vulnerabilidades" nos "bancos máis problemáticos", o "grao e persistencia do deterioro económico pode implicar novas perdas". "A plena implementación das reformas, así como o establecemento dun mecanismo de apoio público crible serán críticos para manter a estabilidade financeira no futuro", engade, nun contexto no que, evidencia, a "solidez financeira dos distintos bancos" é "fundamental para toda análise do sector financeiro dun país".
Para chegar a estas conclusións o Fondo Monetario realizou "probas de tensión" baseadas en "datos confidenciais e detallados de cada banco" que, malia ao anunciado, aseguran, non tiñan "por obxecto establecer unha cifra definitiva para as necesidades de capital, senón detectar deficiencias críticas nalgúns segmentos e institucións determinadas". Así e todo, non só ofrecen o dato dos 40.000 millóns de euros, senón que acrecentan que "as necesidades de capital" dos bancos en problemas "superarían esa cifra debido aos custos de reestruturación e reclasificación dos préstamos que poidan identificar nas valoracións independentes" que actualmente ten en marcha o Goberno español. "É mellor sobreestimar que subestimar", advirten.
Pachi Vázquez lamenta que Feijóo "ande escapado" malia á gravidade da situación e Jorquera ve constado que "todas as estratexias de Rajoy non serviron para nada"
Mentres, en Galicia, a Xunta opta polo mutismo. Nesta liña, o presidente, Alberto Núñez Feijóo, evitou realizar valoración ningunha sobre o posible rescate ante os xornalistas que o abordaron en Celanova, onde a RAG celebra unha sesión plenaria extraordinaria en honra de Celso Emilio Ferreiro. No mesmo acto o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, lamentou que o PP "ande escapado" malia á gravidade da situación. "Galicia navega sen timonel nun día dramático", lamenta. Dende o BNG, nunha primeira "valoración de urxencia" o seu candidato á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, amosouse convencido de que o rescate vai significar "a perda total de soberanía do Estado español sobre a política económica" e "agravará a crise, como xa aconteceu en Grecia, Portugal e Irlanda". "Todas as estratexias de Rajoy foron erradas e fallidas. Non serviron para nada. O Estado español perde o control sobre o sistema financeiro", di o nacionalista, para quen "o normal" sería que "se depurasen as correspondentes responsabilidades políticas".