As participacións preferentes, un produto de inversión complexo que se distribuiu de xeito masivo entre os impositores das caixas e os clientes da banca española, seguirán provocando protestas, mobilizacións e titulares. Só en Galicia, segundo as organizacións de afectados, o número de persoas cos seus aforros "secuestrados" podería ascender ás 100.000, cun patrimonio afectado superior aos mil millóns de euros. Os clientes de Novagalicia Banco (NGB), que ten unha cota de mercado superior ao 45% en Galicia, teñen severos problemas para recuperar os seus aforros. A banca cotizada ten a posibilidade de canxear estes produtos por outros máis líquidos, se ben con menor rendabilidade. "Eu lles digo que collan o canxe e marchen correndo", di un traballador dun banco galego, que non quere aparecer citado nesta nova. Os afectados falan do "curraliño".
Na entidade dixéronlle que o seu depósito a prazo fixo era "de clientes preferentes", de aí o nome
"Fai case un ano fun ao banco a preguntar polos meus aforros, por todo o que lía na prensa", comenta Antonio, de Domaio (Moaña). Este veciño asegura que as novas que se publicaban nos medios sobre a recapitalización de Novacaixagalicia o tiñan "asustado". Na entidade dixéronlle que o seu depósito a prazo fixo era "de clientes preferentes", de aí o nome. "Aseguráronme que as participacións preferentes eran para os clientes preferentes", insiste. En Adicae ou en outros foros de afectados tamén se repite esta historia. Argumentario que é rotundamente falso. O cualificativo de "preferentes" non fai referencia á calidade do cliente, senón que este ten preferencia sobre os accionistas. Pero só sobre os accionistas. En caso de quebra cobrarían primeiro os posuidores de bonos, cédulas hipotecarias ou pagarés.
O cualificativo de "preferentes" non fai referencia á calidade do cliente, senón que este ten preferencia sobre os accionistas
As meirandes entidades financeiras españolas están levando a cabo unha masiva operación de canxe de preferentes por outros produtos máis líquidos. Pero este cambio está motivado non tanto pola contestación social, senón pola necesidade das propias entidades. Segundo Basilea III, regulamentación financeira da Unión Europea, as participacións preferentes non computarán como capital principal. Isto é, non servirán para reforzar a ratio de solvencia. De aí que estén negociando este cambio por accións ou outros activos que si se valoren como capital de máxima calidade. Malia á maiúscula indignación e mobilización social, na páxina web de La Caixa segue aparecendo esta definición das participacións preferentes: "As participacións preferentes son títulos-valores mobiliarios de renda fixa, emitidos por La Caixa. A orde de prelación, con relación aos acredores, sitúa aos titulares de participacións preferentes tras todos os acredores comúns e subordinados". É máis, fala dunha rendabilidade moi "competitiva". Non menciona no destaque principal que se trata dunha imposición fixa de carácter perpetuo. Só nun dos puntos indica que "existen emisións de carácter perpetuo, aínda que a sociedade emisora ten a opción de amortizar anticipadamente". Non só existen, son perpetuas.
O caso NGB
As accións de Novagalicia Banco non están abertas aos clientes minortistas, razón pola cal non se pode producir un canxe das mesmas características que no caso de Banco Popular (que absorberá o Pastor), La Caixa ou Banco Sabadell. Desde a entidade insisten en que están a traballar co Banco de España para topar unha solución. Polo de agora, e como confirmou Antonio a Praza, o que están ofrecendo son préstamos. Desde NGB aseguran que esta alternativa é "excepcional" e só para "necesidades urxentes de liquidez".
O día tres de marzo, e en coordinación con Adicae, haberá numerosas protestas por todo o Estado
Para "loitar polos nosos dereitos", como di Antonio, proseguirán as asembleas, charlas informativas e mobilizacións. "Non é tanto que necesite os cartos agora, pero non admito que se rían dos clientes, sobre todo coa xente máis maior". Esta tarde hai un encontro informativo en A Guarda (Centro Cultural, 20 horas) e o domingo unha asemblea no Auditorio de Cangas (11 horas). O día tres de marzo, e en coordinación con Adicae, haberá numerosas protestas por todo o Estado contra o "novo curraliño financeiro".