Feijóo ve máis preto “un futuro propio” para Novagalicia Banco grazas a un rescate europeo que, ao igual que Rajoy denominou “liña de crédito”, e que cre que posibilita “a recapitalización” da entidade galega. Mentres o BNG insiste nun banco público e o PSdeG se suma con contundencia á idea, o presidente da Xunta cre que NCG estará “en disposición de sortear todas as dificultades que atopou pola ausencia de reformas financeiras en España”, en clara alusión ao anterior goberno socialista.
Toda a dereita sumouse ao argumento: o rescate financeiro é o mellor para Novagalicia. Así o dixo tamén o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, que o considera “unha magnífica noticia” para a viabilidade do banco porque “contribúe a darlle esperanzas”, aínda que aclara que “son os actuais xestores de NCG os que teñen a obriga de saber aproveitar esta nova oportunidade”. Tamén o conselleiro de Industria, Javier Guerra, amosou a súa satisfacción pola chegada dese “préstamo” á banca española, algo que incluso ve “positivo” para arranxar o problema das preferentes, aínda que todo depende de “como se capitalicen os bancos”.
O Goberno galego e o PPdeG ven no "rescate parcial" á banca "unha magnífica noticia" para o futuro de Novagalicia Banco
En nome do PPdeG, Pedro Puy, o seu voceiro parlamentario, teimou na mesma idea logo de asegurar que ve “máis doado” o éxito do plan de NCG Banco agora antes que o “rescate parcial” á banca española. Segundo o portavoz popular, hai que intentar que Galicia “manteña unha entidade autónoma” e remarca que “o mellor” é que se produza un saneamento do banco “de forma mixta”, con achegas privadas e públicas.
Por iso, co que non está de acordo Puy é coa proposta de banca pública na que insiste o BNG e á que se une agora o PSdeG. “Non compartimos o modelo de banca pública, os feitos e a historia nos demostra que non é bo, eficiente nin viable”, di o voceiro do PP, que critica “o continuo cambio de opinión” dos socialistas galegos.
O PSdeG únese á petición de BNG e EU de crear unha banca pública galega
Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG, pediulle a Feijóo que “unha vez que o diñeiro público constitúa o soporte do banco galego”, este se convirta “no banco público galego”. “Que quede saneado, que garanta depósitos de cidadáns, crédito para empresas e familias e elemento clave para desenvolvemento da economía galega”, asegurou o líder dos socialistas, que insiste en que “non é xusto que comunidades como Madrid teñan unha solución que Galicia non ten” e pide á Xunta que pasará con Novagalicia agora que vén de presentar ante o Banco de España un segundo plan de saneamento que require unha inxección pública.
Ao mesmo tempo, o BNG insiste na creación dun banco públigo galego, ao igual que Esquerda Unida (EU), que reclama unha saída "qeu garanta o carácter galego e o control público da entidade". "A actual participación pública nela tense que traducir na constitución dunha entidade de banca pública galega", di EU nun comunicado.
NCG Banco, a falta de que a propia entidade ofreza a cifra necesaria de recapitalización, precisará algo máis de 4.000 millóns, logo do avance que xa fixera o subgobernador do Banco de España, Javier Aríztegui. O banco galego pedía un esquema de protección de activos para a entrada de investidores privados, pero variou xa a proposta e agora aposta por unha inxección de capital público ao que se sume, se fose o caso, a entrada de fondos de investimento.