A reclamación dunha banca pública rexurdiu en numerosas ocasións durante a gran recesión, máis aínda ante as notables inxeccións de fondos públicos para o rescate de entidades como a desaparecida Novacaixagalicia. Volveu xurdir nos últimos anos ante o agravamento da exclusión financeira, a perda de servizos bancarios básicos en numerosas contornas que mesmo está dando lugar á intervención e posta á disposición de fondos públicos para paliala.
CIG-Correos reclama recuperar a banca pública para "dotar a cidadanía dun servizo esencial" e "parar os pés con feitos reais" ás grandes entidades bancarias
Esa reivindicación volve ecoar agora, despois de que o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, anunciase a creación dun imposto temporal aos grandes bancos como parte das medidas para afrontar a crise de prezos. Quen a lanza nesta ocasión é a sección sindical da CIG en Correos, dende o convencemento de que "o mellor imposto á banca é recuperar a Caixa Postal", isto é, a entidade financeira estatal que existiu durante a maior parte do século XX.
A través do seu secretario nacional, John Vivanco, a CIG-Correos encadra a súa reclamación no que considera "un escándalo" de partida: que "as entidades bancarias que se opoñen ao imposto", caso do Santander, estean ao mesmo tempo "vendo reforzada a súa actividade mediante acordos coa empresa pública Correos" para prestar servizos financeiros. Sánchez, di, debera exercer a "valentía" e "dotar a Coreos da entidade financeira pública da que xa dispuxo".
"Recuperar a banca pública", razoa, serviría para "dotar a cidadanía dun servizo esencial" que "en moitos territorios, sinxelamente, non existe". Pero tamén para "combater o desprezo" que a banca "amosa cada día recortando horarios de atención" ou "pechando oficinas mentres aumentan as comisións". Correos, resalta, ten capacidade de afrontar o reto pola "súa capilaridade" en todo o Estado, máis aínda nas zonas rurais.
"Non hai ningún tipo de escusa para non volver dotar a Correos da entidade financeira propia, é unha cuestión de vontade política", agrega a CIG, que apela directamente tanto ao PSOE e Unidas Podemos como "aos demais partidos que habitualmente dan estabilidade" ao Goberno central. "Non deixar a ninguén atrás" na actual crise, conclúe, pasa por "dotar a cidadanía de medios e pararlles os pés con feitos reais a eses poderes ocultos" que, di, o propio presidente Sánchez "denuncia".
A 'Caja Postal de Ahorros' existiu como tal de 1916 a 1991, cando o Estado a integrou en Argentaria, pouco despois privatizada e diluída no BBV
A Caja Postal de Ahorros existiu como tal entidade financeira ligada a Correos dende 1916 ata 1991. Daquela, o Goberno do PSOE de Felipe González integrouna no novo grupo Argentaria, que a xuntou con outras entidades públicas como Banco Exterior de España, Banco Hipotecario de España, Banco de Crédito Local, Banco de Crédito Agrícola e Banco de Crédito Industrial.
En 1993, o propio gabinete de González comezou a privatización de Argentaria (primeiro o 25,99% e despois, o 23,35% do seu capital) e o Estado perdeu o control en 1996, coa venda doutro 25%. A privatización culminou en 1998, en tempos de Aznar, e en 1999 quedou absorbida polo Banco Bilbao Vizcaya (o BBV, que pasou a denominarse BBVA).