Competencia suxire ante a exclusión financeira no rural que se poidan retirar cartos nos comercios

Sistemas electrónicos de pagamento © Abanca

A comisión que vixía os mercados recomenda ás administracións que non pechen os seus incentivos á instalación de caixeiros a unha única entidade bancaria, como fixo a Xunta con Abanca

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) vén de facer público este martes un estudo sobre os servizos de retirada de efectivo en caixeiros automáticos que afonda nas análises sobre a exclusión financeira no rural. O documento constata que “o uso de efectivo como medio de pago reduciuse nos últimos anos, pero segue sendo importante para a poboación, especialmente para as persoas máis novas e as de maior idade”. E ante a redución do número de caixeiros automáticos, Competencia propón que se desenvolva un marco normativo que permita obter cartos en efectivo en comercios empregando tarxetas bancarias.

Caixeiro de Abanca subvencionado pola Xunta en Lousame CC-BY-SA Praza Pública

Competencia describe os servizos cashback e cash-in-shop como aqueles que permiten obter cartos en efectivo nun comercio. O primeiro consiste en que o usuario compre un produto pero pague por el con tarxeta máis do que custe e reciba a volta en efectivo. No segundo caso non se mercaría nada senón que directamente o usuario solicitaría do comercio que cobre unha contía da súa tarxeta e lla entregue en efectivo.

“Sería recomendable unha regulación expresa destes servizos, xa que desde o punto de vista regulatorio non existe unha regulación concreta, téndose que apoiar os operadores en excepcións á Lei de Servizos de Pago”, di Competencia, que considera que un marco xurídico específico podería “facilitar unha maior implantación do servizo”. Tamén aposta por medidas de fomento da introdución de terminais TPV de cobro con tarxeta nos establecementos minoristas.

O informe constata que Abanca ten “entre o 40% e o 50%” do total de caixeiros do país e é o primeiro operador nas catro provincias

O informe de Competencia tamén analiza o peso das principais entidades bancarias no total de caixeiros de cada provincia. No caso de Galicia, o documento constata que Abanca ten “entre o 40% e o 50%” do total de caixeiros do país e é o primeiro operador en cada unha das catro provincias, mentres que a nivel estatal é Caixabank o líder en 22 das 50 provincias.

Abanca é líder no número de caixeiros nas catro provincias galegas © CNMC

A CNMC tamén analizou os diversos tipos de axudas que diversas administracións veñen implantando para que as entidades bancarias instalen caixeiros en vilas sen outros servizos financeiros. En Galicia a Xunta subvenciona a Abanca con 1,2 millóns de euros en catro anos para que instale caixeiros en 38 concellos que non tiñan. O Goberno galego estaba disposto a pagar 14.200 euros por caixeiro e ano e a oferta da empresa reduciuno á metade, 7.100 euros, cifras moito máis reducidas que as medias estatais que analiza a CNMC. Segundo o informe, a contía media das axudas doutras administracións oscila entre 12.000 e 16.000 euros ao ano por caixeiro.

Fronte á subvención a unha única entidade, como fixo a Xunta, a CNMC aposta por sistemas que permitan a entrada de máis operadores e melloras tecnolóxicas 

Porén, o informe de competencia recomenda outros sistemas de axudas distintos ao empregado pola Xunta. O Goberno galego optou por convocar unha subvención por concorrencia competitiva (ao proceso presentáronse Abanca e Caixa Rural Galega) para elixir unha única entidade bancaria durante catro anos. Pero Competencia recomenda apostar polos denominados “sistemas dinámicos de adquisición” que permiten non ter que subvencionar ou contratar o servizo cun único operador senón que permiten a entrada posterior de novos operadores “polo que o risco de impacto sobre a competencia é menor” e “en mercados moi cambiantes tecnoloxicamente falando permiten a participación de novos entrantes que poden propoñer solucións novidosas”.

O conselleiro de Facenda, no centro da imaxe, na posta en servizo dun dos primeiros caixeiros subvencionados pola Xunta, en Chandrexa de Queixa CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.