"Os mozos saben disto, pero a ver se saben sachar": maiores de Lousame aprenden a usar o caixeiro que subvenciona a Xunta

Unha ducia de persoas maiores asistiron o 24 de marzo en Lousame á xornada de formación sobre o uso do caixeiro de Abanca subvencionado pola Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Unha ducia de persoas, a maioría mulleres, asisten agradecidas á xornada de formación de hora e media ofrecida por Abanca no marco da axuda que lle dá o Goberno galego para que instale caixeiros en 38 vilas

Once da mañá dun solleiro día de marzo en Lousame. Unha ducia de persoas maiores, a gran maioría mulleres, rodea un caixeiro automático instalado a carón da porta da Casa do Concello. Sobre el, os logotipos da Xunta e Abanca. Dúas persoas moito máis novas explícanlles como funciona cun exercicio práctico de media hora tras unha hora de clase teórica previa nun local veciño. É unha das xornadas de formación a posibles usuarios incluídas dentro da subvención de 1,2 millóns de euros que o Goberno galego prevé destinar a Abanca durante catro anos para que instale e manteña 38 caixeiros automáticos en vilas que carecen de servizos financeiros.

“De marabilla, explican moi ben”, di María Fernanda, unha das veciñas, ao rematar a formación, que pretende ser unha pequena axuda contra a exclusión financeira das persoas maiores no rural. “Os mozos saben moito destas cousas, pero eu dígolles aos meus netos que veñan comigo á leira, a ver se saben sachar”, engade esta muller, que se amosa satisfeita do aprendido e asegura que o intentará repetir pola súa conta.

Caixeiro de Abanca subvencionado en Lousame con información dos servizos que presta e, á esquerda, a sala na que se impartiu a formación a unha ducia de veciñas e veciños CC-BY-SA Praza Pública

O que o xoves 24 de marzo se ensinou á ducia de maiores congregados nunha sala do Concello anexa ao caixeiro, instalado na fachada principal do edificio, foi desde a operación con tarxetas ou libretas ata o pagamento ou domiciliación de recibos. Pero os formadores fundamentalmente puxeron o foco na seguridade, tanto a do sistema como a dos usuarios. Ante a dúbida, pódese dar marcha atrás ou chamar a un teléfono de asistencia, número que non obstante non se indica en ningún punto do caixeiro.

“Todos temos medo, é normal, con calquera cousa nova”, admitía na clase teórica o formador, que recomendaba aos asistentes que os primeiros días tentasen usar o caixeiro acompañados por “un neto ou un fillo”. Despois, xa ante a pantalla e o teclado, cun semicírculo de atentos ollos arredor, a clase práctica permitiulles aos asistentes comprobar como se se despistan ou tardan en pulsar algún botón, o caixeiro os avisa cun son, igual que pita se esquecen retirar os cartos. Tamén aprenderon a configurar as súas tarxetas para que o caixeiro lles ofreza opcións simplificadas de manexo e non o total de operacións posibles que os poden sobrepasar. Ou a pagar un recibo puntual e, despois, se así o desexan, domiciliar os seguintes.

A formación teórica e práctica durou este xoves en Lousame hora e media. “Se é necesario volveremos outra vez para máis veciños”, dicían os formadores ao rematar, malia que as bases da subvención convocada pola Xunta prevían que no seu importe se incluísen ata dúas horas semanais de formación e asistencia in situ para operar co caixeiro, que Abanca ofrece vía telefónica.

Casa do Concello de Lousame e persoas atendendo á explicación sobre o uso do caixeiro, instalado nunha zona na que tamén están o centro de saúde, unha farmacia, centro de día, tanatorio ou a casa da cultura CC-BY-SA Praza Pública

Pero hora e media parece ser suficiente para a ducia de veciñas e veciños que acudiron este xoves de marzo ao Concello de Lousame. Ao remate, antes de que un todo terreo de Protección Civil levase a varios ás súas casas, algúns dos asistentes comentaban que lles parecera o que aprenderan. Varias mulleres dicían que xa viñan empregando a tarxeta para sacar cartos, pero que agora se animarán a máis operacións. “Os recibos xa os temos domiciliados, pero ás veces aparece algún, como o do cemiterio, que chegou o ano pasado, que agora o podemos pagar aquí”, dicíalle unha ás compañeiras.

O caixeiro subvencionado de Lousame, na Casa do Concello, está a só dous quilómetros e medio dunha oficina de Abanca en Noia, pero a súa proximidade a outros servizos municipais fai que a veciñanza agradeza a iniciativa

“Explican moi ben, dá tempo a ler, a mirar, dar volta atrás se fai falta”, estendíase nas súas explicacións María Fernanda, a veciña do comezo. Ela xa usaba a tarxeta para o básico, di, porque cando lle “sacaron” a libreta a filla ensinoulle unha vez o fundamental e díxolle “que espabilase”. E asegura que o fixo, que a xente nova estará máis acostumada á tecnoloxía pero que se ela sabe usar o sacho tamén pode aprender isto.

O caixeiro que a Xunta subvenciona en Lousame, na Casa do Concello, no límite noroeste do termo municipal, está a apenas dous quilómetros e medio da oficina que Abanca aínda mantén aberta na veciña Noia, a media hora camiñando. Non parece este o lugar máis afectado pola exclusión financeira de tipo xeográfico. María Fernanda explica que no seu caso, que vive no sur do municipio, quédanlle máis preto outros caixeiros de Abanca en Taragoña, no concello de Rianxo, ou en Boiro. Pero este ten a utilidade de que ao seu redor están o centro de saúde, unha farmacia, a casa da cultura. “Ao mellor nos outros sitios hai cola e aquí podemos aproveitar para facer as xestións ao vir ao médico”, di.

Abanca prevé rematar en maio a instalación dos 38 caixeiros que lle subvenciona a Xunta e para os que os concellos deben ceder os espazos e asumir os custos de electricidade ou telecomunicacións

Lousame é, xunto con Toques, O Páramo, Chandrexa de Queixa e A Arnoia, un dos cinco primeiros concellos nos que se instalaron os caixeiros subvencionados pola Xunta. Abanca prevé rematar en maio a colocación no total de 38 concellos adheridos á iniciativa do Goberno galego, algúns deles nos que a propia entidade bancaria pechou oficinas nos últimos anos. Agora os concellos deben ceder o espazo para instalar o caixeiro, asumir os custos de electricidade ou telecomunicacións e facilitar un local no que realizar as actividades formativas e o asesoramento.

Segundo Abanca, participar na iniciativa do Goberno galego suporalle unha perda de 2.000 euros anuais por caixeiro aínda recibindo os 7.100 euros ao ano da Xunta, e que o fai por "compromiso social". O Goberno galego estaba disposto a achegar ata 14.200 euros ao ano por aparello, o que consideraba “cartos moi ben investidos” para loitar contra a exclusión financeira malia que o deseño das axudas permite que a entidade bancaria poida recibir subvencións por caixeiros que instale no futuro en lugares onde ela mesma peche a partir de agora oficinas. Abanca asegura que non o fará, que non pechará máis oficinas en ningún dos 134 concellos nos que é a única entidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.