Comezan a funcionar os primeiros 5 caixeiros dos 38 que a Xunta subvenciona a Abanca

O conselleiro de Facenda, no centro da imaxe, co caixeiro que a Xunta subvenciona en Chandrexa acompañado por cargos de Abanca e da Deputación de Ourense, que non participa no programa CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego prevé axudar ao banco con 1,2 millóns de euros en catro anos e salienta que haberá un “servizo de asistencia financeira e de formación”, pero obvia que non será de máis de dúas horas á semana

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e varios directivos de Abanca desprazáronse este martes a Chandrexa de Queixa para visitar un dos primeiros cinco caixeiros automáticos xa en funcionamento grazas á axuda que a Xunta comprometeu coa entidade bancaria para que os instale en vilas que xa non contan con servizos financeiros, nalgún caso tras pechar oficinas a propia Abanca. O Goberno galego comprometeu 1,2 millóns de euros en catro anos para subvencionar a instalación e mantemento de caixeiros en principio en 38 concellos, dos que xa están en funcionamento os de Chandrexa de Queixa, A Arnoia, O Páramo, Toques e Lousame.

Facenda salientou este luns, tanto por escrito como nas declaracións do conselleiro en Chandrexa, que a veciñanza disporá ademais do caixeiro “dun servizo de asistencia financeira e de formación”, pero o seu comunicado obvia non só a contía da subvención senón que esta non contempla que o servizo de formación e asistencia sexa de máis de dúas horas á semana. A propia Abanca, noutro comunicado similar, si aclara que “cada acción formativa terá unha duración de dúas horas”, pero non concreta a súa periodicidade. No acto, un responsable da entidade bancaria salientou o "bo criterio" da Xunta por convocar esta subvención.

Caixeiro de Abanca subvencionado pola Xunta co seu logotipo institucional © Abanca

As condicións da Xunta mesmo lle permiten subvencionar caixeiros alí onde Abanca decida pechar oficinas nos próximos anos

Como vén contando Praza.gal desde antes mesmo de que a Xunta convocase a subvención, o Goberno galego apostou por subvencionar á banca a instalación e mantemento de caixeiros e un máximo de dúas horas á semana dun servizo de asistencia e formación á cidadanía para que opere con eles. O Goberno galego estaba disposto a gastar ata 2,8 millóns de euros en catro anos e ata 14.200 euros por caixeiro e ano, e a oferta gañadora de Abanca rabaixouno á metade, a 7.100 euros por caixeiro ao ano. Hai mes e medio a entidade asegurou que malia á subvención perderá 2.000 euros ao ano con cada un destes caixeiros, polo que o fai polo seu compromiso coa clientela.

Porén, as condicións fixadas pola Xunta mesmo permiten que se subvencione caixeiros alí onde a entidade gañadora decida pechar oficinas nos próximos anos, o que só suporá unha rebaixa na porcentaxe de subvención dun 25%, segundo se fixou na convocatoria. Ademais, entre os 38 concellos que ata o momento se adheriron ao programa da Xunta hai varios nos que a propia Abanca pechou oficinas nos últimos anos.

Fronte á cifra de 38 concellos que a Xunta volveu repetir este martes, Abanca fala de 36, que identifica: Aranga, Coirós, Dodro, Lousame, Paderne, Santiso, Toques, Vilasantar, Vilarmaior, Dumbría, Monfero, O Páramo, Ribeira de Piquín, Samos, A Arnoia, Baltar, Os Blancos, Carballeda de Avia, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Larouco, Lobeira, Melón, Oímbra, Petín, Piñor, Pontedeva, Porqueira, Rairiz de Veiga, Taboadela, A Teixeira, A Peroxa, Vilar de Santos e San Xoán de Río.

Este martes, na súa nota de prensa, a Xunta salientou que ademais da dispoñibilidade do caixeiro a veciñanza terá “un servizo de asistencia financeira co que poder solucionar calquera dúbida e contratar produtos coma nunha oficina bancaria convencional, e dun servizo de formación financeira e banca electrónica para que poidan empregar os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías”. Porén, as bases da subvención contemplan que a Xunta só subvencionará un máximo de dúas horas á semana dese servizo de formación e asistencia.

As bases da subvención din que “o total de horas de prestación do servizo de asistencia e formación máximo subvencionable será de cento catro horas ao ano por concello”, o que suporía dúas horas cada unha das 52 semanas que ten o ano. A Xunta permite que esas horas poidan “distribuírse de xeito asimétrico entre os concellos de destino en función das súas características socioeconómicas e de acordo a un plan personalizado que a entidade beneficiaria deberá presentar”. Isto é, por riba desas 104 horas ao ano, ou dúas horas semanais, o resto do tempo de formación e asistencia que se poida prestar xa correría por conta do banco e non sería unha obriga imposta pola Xunta para entregar a subvención.

Fragmento das bases da subvención que gañou Abanca para instalar caixeiros automáticos CC-BY-SA Praza Pública

Ante estas premisas, o que comunicou este martes Abanca é que “cada acción formativa terá unha duración de dúas horas e nela ensinarase aos asistentes como funciona o caixeiro e cales son as operacións máis habituais que se poden facer, incluíndo unha demostración práctica sempre que sexa posible. Tamén se ofrecerán consellos básicos de seguridade e resolveranse as dúbidas que poidan ter os asistentes”. Abanca non concreta a periodicidade desas accións formativas en cada vila e limítase a indicar que comezarán este mércores 16 no Páramo, o xoves 17 en Chandrexa e o xoves 24 en Lousame.

Os concellos deben poñer os locais e asumir o custo dos subministros de servizos

Por outra banda, Facenda tamén salientou este martes en Chandrexa que “o financiamento corre a cargo da Xunta polo que o concello non tivo que facer ningunha achega económica e só cedeu e acondicionou os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e a prestación dos servizos de asesoramento financeiro e formación”. Porén, os convenios que deben asinar os concellos interesados en participar neste programa prevén que tamén deben ser eles quen asuman custos de electricidade, telefonía ou limpeza

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, observa como un usuario opera no caixeiro de Chandrexa de Queixa CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.