"Escoitei algúns dirixentes de bancos, á señora Botín e ao señor Galán. Se protestan, é que imos na boa dirección". Con estas palabras respondeu Pedro Sánchez tras ser preguntado polas críticas aos impostos á banca e ás eléctricas.
Sánchez cre que se dirixentes de bancos como Botín protestan é que van "na boa dirección": "Son os que protestaron pola suba do SMI ou a reforma laboral"
"Se se fixan, son os mesmos que protestaron e dixeron que subindo o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e coa reforma laboral ía caer España. Sucedeu todo o contrario e, polo tanto, creo que imos na boa dirección", reiterou o presidente do Goberno de España, tras aludir á presidenta do Banco Santander e ao presidente de Iberdrola, durante a rolda de prensa de balance do curso político.
Escotet cre que o imposto á banca sería "daniño para todos os sectores da sociedade": "Non ten nada de positivo; agardemos que non se aprobe"
Só minutos antes, Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, facía tamén balance na presentación dos resultados do segundo trimestre da entidade financeira, que obtivo un beneficio de 104 millóns, un 14% máis. E protestaba pola intención do Goberno de aprobar un novo imposto á banca, como antes o fixeran Botín ou Galán. "Agardemos que non resulte aprobado no trámite parlamentario", confiaba o máximo dirixente da entidade bancaria resultante da fracasada fusión das caixas galegas.
"Son noticias en pleno desenvolvemento, así que hai que tomalo con prudencia ata que haxa unha aprobación", asegurou Escotet, que cre que o gravame á banca "tería unhas consecuencias no crédito e iso é profundamente daniño para todos os sectores da sociedade te tamén para os bancos".
"Vémolo con moita preocupación", dixo en referencia ao imposto. "É difícil de entender que a uns sectores se lles aplique e a outros non; e a uns bancos si e a outros non", insistiu Escotet. "Esperemos que non se aprobe", dixo.
"É difícil de entender que a uns sectores se lles aplique e a outros non; e a uns bancos si e a outros non", critica o presidente de Abanca
"Este tipo de medidas non se están aplicando noutros países, polo que haberá un agravio comparativo da banca española fronte aos competidores europeos. Iso os investidores terano en conta. Creo que o imposto non ten nada de positivo e non cumpre cos criterios para os que foi deseñado", insistiu.
"Interésanos manter os nosos niveis de intermediación elevados, pero se o que se pretende é combater os efectos da inflación polas teóricas ganancias extraordinarias que teriamos, estámonos anticipando moito porque os tipos de interese non subiron dabondo. Hai unha suba progresiva, non unha suba radical de tipos", argumentou.
Escotet advirte da posible inconstitucionalidade do imposto e avisa de posibles accións xudiciais
Escotet foi máis aló, aludindo a unha suposta inconstitucionalidade dese novo imposto. Segundo dixo, se o que se quere é gravar beneficios extraordinarios, tería que facerse sobre o aumento desas ganancias e non aplicarse de xeito retroactivo, algo que cre que é "constitucionalmente cuestionable". "Estamos falando de aplicalo sobre a marxe financeira neta cando tería que ser sobre o aumento da marxe financeira", engadiu.
Ademais, Escotet adiantou posibles accións xudiciais por parte da patronal bancaria contra o novo imposto, aínda que ten dúbidas de que chegue a aplicarse. "É moi probable que aplicando un imposto dese tipo non haxa resultados positivos nalgunhas entidades porque os custos de operación non se descontan dese beneficio extraordinario", rematou.