Na noite do 8 ao 9 de xuño de 2012, hai agora dez anos, o Fondo Monetario Internacional adiantou os resultados dun informe que estaba a elaborar sobre a banca española. Advertía de que, nun escenario desfavorable, "varios bancos necesitarían incrementar as reservas de capital en arredor de 40.000 millóns de euros". Inmediatamente despois, os gobernos da zona euro reuníronse de urxencia por videoconferencia. Pola mañá, o daquela ministro de economía do Goberno de Mariano Rajoy, Luis de Guindos, compareceu en rolda de prensa para asegurar que España lle viñan de conceder un préstamo de ata 100.000 millóns de euros para sanear a banca.
No novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, facemos memoria daqueles días non só nos aseguraran que aquilo non era un rescate. Tamén que se trataba unicamente dun crédito aos bancos e que os bancos ían ter que devolver o que recibisen. Escoitaramos, asemade, que a operación supuña unha "magnífica" noticia para a entidade resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova.
Para facer memoria e poñer contexto escoitamos o que dicían naqueles días o ministro De Guindos e o propio Mariano Rajoy, que rexeitaba entrar en "debates nominalistas", pero mantiña que o aprobado non era un rescate. Mentres, en Galicia, Alberto Núñez Feijóo aplaudía o rescate bancario e aseguraba que o gabinete de Rajoy o conseguira porque xeraba "confianza" na Unión Europea. Tamén afirmaba que non tiña ningunha información sobre a posibilidade de que Novagalicia Banco correse risco ningún.
Despois das declaracións chegaron os feitos. Novagalicia Banco transferiu ao 'banco malo' máis de 5.000 millóns de euros en ladrillo tóxico e, a cambio, recibiu outro tanto en axudas públicas. A factura total do rescate da entidade resultante da fusión xa superaba os 10.000 millóns, uns 9.400 en axudas públicas. A finais de 2013, o Estado vendíaa ao venezolano Banesco por 1.000 millóns: o resultado, uns 8.600 millóns públicos perdidos.
De todas estas cousas falouse na comisión de investigación que, despois de varios intentos da oposición, o PP accedeu a abrir no Parlamento de Galicia en 2013. Son xa case dez anos dende que abriu por primeira vez, se ben a maior parte do tempo estivo paralizada por vontade dos populares. Así segue tamén dende finais de 2021. Neste episodio do Fálase quixemos falar con dous representantes da oposición nesa comisión, Noa Presas, do BNG e Pablo Arangüena, do PSdeG, para preguntarlles polo balance que fan do rescate, dez anos despois, e tamén polas razóns que, ao seu xuízo, manteñen a comisión paralizada.
Novas xeracións da música galega en VINTE
No segundo treito deste novo episodio do Fálase cambiamos completamente de ton e de ambiente cunhas músicas que arrecenden a verán. Da man de María Yáñez, directora de VINTE, coñecemos un pioneiro do urban-pop-punk chamado Filloas, o novo proxecto musical do vigués Iago Galego. Ademais, achegámonos á Xeración Sónica de Pontevedra para sabermos como son as músicas de Maloserá, unha das bandas de mozas e mozos xurdidas ao abeiro deste proxecto do Concello pontevedrés.
As Miudiño Sessions promovidas dende A Regueifa 2.0 ou Manuel Seixas e a súa grande ópera exipcia pasan tamén por un episodio do Fálase no que, sen saír do mundo da música, nos mergullamos nun mosaico que ben podería ser unha desas carpetas do instituto forradas con recortes de vellas revistas. Esta será unha carpeta ben senlleira porque nela compartían espazo as Tanxugueiras con Julio Iglesias, Amistades Peligrosas, Carlos Jean, Xoel López, Marta Sánchez... Todas elas e eles son parte da lista dos 100 artistas galegos máis escoitados en Spotify
Con VINTE tamén coñecemos a historia de dúas mozas ucraínas acabadas de chegar á Coruña e anotamos dúas festas na axenda
Ademais de todas estas propostas musicais, estes días VINTE convídanos a coñecer a Alisa e Anastasia, dúas mozas ucraínas que chegaron dende Khárkiv á Coruña buscando refuxio a través da arte. Elas participaron nos retratos da mocidade queer coruñesa que realizou O Novo Normal, pero había moito máis que contar.
Finalizamos o repaso polo máis destacado de VINTE falando de dúas festas. Unha, a que promoven os colectivos Tr3mor e Malfario en forma de festival, o Whore Wheels, o vindeiro xuño en Santiago. E antes, tamén en Compostela, este 19 de xuño o Café Derby 21 pecha a súa temporada no Riquela Club cun episodio ao vivo. Nuno Pico (Grande Amore) e Lucía Aldao serán protagonistas nun capítulo que promete ser todo un festival.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.