O despezamento e venda por partes do que algún día foi considerado o sistema financeiro galego segue adiante. Despois de que o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) valorase Novagalicia Banco en -3.091 millóns de euros, desmentindo polo tanto a "solvencia" da entidade resultante da fusión das antigas caixas de aforro, o mesmo fondo estatal vén de avaliar o Banco Gallego, entidade participada en case un 50% por NCG Banco e o resultado é tamén un buraco. Neste caso, o FROB, "sobre a base dos informes de valoración encargados a tres expertos independentes", establece unha "valoración económica" co "resultado negativo de 150 millóns de euros".
Dado o buraco, o que queda é a venda, e esta producirase ao longo desta primavera, segundo informou o propio FROB. Será antes do 30 de abril cando o Banco Gallego desapareza como tal e a operación realizarase "sobre a base" do seu valor negativo. O banco chegará ao momento da venda despois de que o pasado 30 de xaneiro acordase "unha redución de capital por perdas" e unha posterior amplicación de capital de 192 millóns de euros "con achegas de cartos" á que o propio FROB achega 80 millóns na súa condición de "accionista único" de Novagalicia Banco. Desa xunta de accionistas saíu tamén a denominada "operación acordéon", segundo a cal os actuais investidores perden todos os seus cartos.
A venda do banco pódese producir sen máis consentimento que o da empresa compradora
Neste contexto, o FROB "lembra" que a saída dos fondos estatais do Banco Gallego pode supoñer "non só o desinvestimento da participación" senón tamén a "venda do conxunto da entidade, o que inclúe a transmisión de accións polo FROB, en representación e por conta dos demais accionistas da entidade", aínda que cun matiz: non hai "necesidade" de que ninguén "distinto do comprador" dea o seu "consentimento" para a venda. Tampouco será necesario que se cumpran "os requisitos do procedemento esixidos en materia de modificacións estruturais das sociedades mercantís". O único que si se cumprirá é que o banco será vendido cun procedemento "que asegure a concorrencia" de varias empresas.
Cando culminen os plans do FROB rematarán os 150 anos de historia do que hoxe é o Banco Gallego, cuxa orixe está en 1847 en Compostela baixo o nome Banco Olimpio Pérez. Tras diversas fusións tomou o seu nome actual en 1987 e en 1993 foi mercado por Banco21, unha entidade madrileña destinada ás rendas altas. Sería en 1998 cando Caixanova entrase no accionariado do Banco e nos seguintes anos expandiuse por todo o Estado, cun "plan de expansión" específico. Menos de dúas décadas despois, o seu valor é negativo.