Galicia, potencia en cooperativas: 200 novas iniciativas por ano

Evolución anual do número de cooperativas creadas en Galicia sobre a imaxe dun encontro de cooperativas celebrado na Coruña © Montaxe: Praza.gal Imaxe: EspazoCoop

En 2025 creáronse 187 cooperativas no país, un dato que multiplica por catro as cifras de hai unha década e que sitúa a Galicia como o segundo territorio do Estado con máis iniciativas deste tipo postas en marcha, só por detrás de Andalucía e moi por diante de comunidades moito máis poboadas

Durante o pasado ano 2025 creáronse 187 cooperativas en Galicia. Trátase da segunda maior cifra das últimas dúas décadas (só por detrás do dato de 2024: 192) e sitúa o país como o segundo territorio do Estado con máis iniciativas deste tipo postas en marcha, só por detrás de Andalucía -co triplo de habitantes- e por riba de comunidades autónomas moito máis habitadas, como Madrid, Cataluña ou a Comunidade Valenciana. En relación á súa poboación, tan en só Navarra e Murcia se crearon máis cooperativas o pasado ano.

Para EspazoCoop os datos, procedentes do Ministerio de Traballo, amosan "a consolidación do cooperativismo como fórmula de emprendemento colectivo e creación de emprego" en Galicia. A Unión de Cooperativas destaca que os rexistros son "unha mostra do momento de consolidación que vive o cooperativismo galego, especialmente no ámbito do emprendemento colectivo e da economia social".

Galicia é, ademais, o territorio (xunto con Canarias) cun maior peso das mulleres entre as persoas socias: máis do 46%

Galicia foi ademais a cuarta comunidade en número de persoas socias iniciais, con 610 persoas incorporadas aos novos proxectos cooperativos. E, de igual xeito, na estatística destaca que o noso país foi xunto a Canarias (pero esta comunidade cun número moi pequeno de cooperativas) o territorio no que as mulleres representaron unha porcentaxe maior entre as persoas asociadas, con máis do 46%. No conxunto do Estado a proporción foi de algo máis do 39%.

Do total de cooperativas creadas en 2025, 154 foron cooperativas de traballo asociado, o que representa máis do 82% das novas entidades constituídas

Do total de cooperativas creadas en 2025, 154 foron cooperativas de traballo asociado, o que representa máis do 82% das novas entidades constituídas. Por provincias, Pontevedra concentrou a maior parte da creación cooperativa, con 107 novas cooperativas, preto do 57% do total galego. 

Os excelentes datos de 2024 e 2025 engádense a unha tendencia de ascenso iniciada a partir do ano 2017, cando se crearan apenas unhas 39 cooperativas en Galicia. Dende entón a cifra multiplicouse por catro. Nos últimos tres anos xeráronse 1.467 postos de traballo directos vinculados ás novas cooperativas constituídas.

Mentres que entre os anos 2005 e 2015 Galicia creaba entre o 2% e o 5% das cooperativas constituídas no conxunto do Estado, en 2024 e 2025 esta cifra roldou o 12%

As cifras galegas chaman aínda máis a atención situadas no contexto español, onde o número de cooperativas creadas cada ano mantense relativamente estable dende hai dúas décadas, cun descenso nos anos da crise, entre o 2008 e o 2013, e unha leva recuperación dende entón. 

Mentres que entre os anos 2005 e 2015 Galicia creaba entre o 2% e o 5% das cooperativas constituídas no conxunto do Estado, en 2024 e 2025 esta cifra roldou o 12%.

“Detrás destas cifras hai proxectos compartidos, persoas que deciden emprender colectivamente e iniciativas con vontade de permanecer no territorio”, destaca Ana Olveira (EspazoCoop)

A presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira Blanco, sinala a este respecto que “Galicia leva varios anos situándose entre os territorios con maior creación de cooperativas e iso indica que cada vez máis persoas ven nesta fórmula unha opción viable para emprender e crear emprego”.

Olveira destaca tamén a importancia do número de persoas socias que participan nos novos proxectos: “Detrás destas cifras hai proxectos compartidos, persoas que deciden emprender colectivamente e iniciativas con vontade de permanecer no territorio”.

Unha actividade da Unión de Cooperativas EspazoCoop © EspazoCoop

Para EspazoCoop, o cooperativismo "continúa demostrando capacidade para dar resposta a necesidades económicas e sociais desde modelos empresariais máis participativos e vinculados ao territorio"

Para EspazoCoop, o cooperativismo "continúa demostrando capacidade para dar resposta a necesidades económicas e sociais desde modelos empresariais máis participativos e vinculados ao territorio". “Moitas das cooperativas que se crean hoxe nacen xa cunha preocupación clara pola sustentabilidade, polos coidados, pola conciliación ou pola fixación de poboación. Iso tamén explica por que o cooperativismo segue medrando”, apunta Ana Olveira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.