"Vexo pazos para albergar as cooperativas, mellores que en Dinamarca", deixou escrito Castelao no Sempre en Galiza. O cooperativismo de base agropecuaria inspirado no modelo danés era unha das propostas e das ambicións máis declaradas do Partido Galeguista.
Calvo Varela publica canda a Beiras un libro que recolle os primeiros traballos científicos do líder nacionalista, de 1959, mais unha biografía da súa formación intelectual naquela etapa
En 1959, con pouco máis de vinte anos, Xosé Manuel Beiras afonda neste modelo nos seus dous primeiros traballos científicos, publicados na nacente Revista de Economía de Galicia, unha fugaz pero importante publicación que veu completar o proxecto político, cultural e económico de Galaxia desde finais dos anos 50 e durante os 60.
Dos seus estudos e dos seminarios do especialista en economía cooperativista Georges Lasserre durante o seu último curso en París —a onde Beiras chegara precisamente cunha bolsa da editorial— e mais das súas conversas con Cruz Gallástegui xurdiu o programa teórico máis completo daquela proposta cooperativista clásica do galeguismo do primeiro terzo de século.
No Ano Internacional das Cooperativas, e desde Companha Editora (selo da cooperativa Sacauntos), Carlos Calvo Varela (Ordes, 1988) publica canda o líder nacionalista Un socialismo propio: o cooperativismo no Beiras mozo, onde se recuperan aqueles esquecidos textos, traducidos ao galego, e que inclúe tamén un estudo introdutorio dos primeiros anos de formación política e intelectual do profesor.
Beiras afonda no cooperativismo agropecuario en Dinamarca, "o gran modelo económico do galeguismo de preguerra e do Partido Galeguista"
Porque un achado "azaroso" que derivou na idea de editar de novo aqueles estudos acabou sendo moito máis ca iso, como conta Carlos Calvo. "Xa que este ano está dedicado ás cooperativas pola ONU, queriamos facer algo na editorial, sacando algún libro de tradición cooperativista galega... Buscando na Revista Revista de Economía de Galicia topei cos textos de Beiras, case de casualidade, e comenteille a posibilidade de editalos a Antón Sánchez [ex-deputado e ex-portavoz nacional de Anova], que axiña llo trasladou a Beiras. Ao pouco xa estabamos metidos no choio", explica.
O libro acabou sendo moito máis que a edición e publicación daqueles textos, non é?
A idea era traducilos, porque obviamente estaban en castelán, e facer unha edición modesta. Pensamos en meterlle un estudo introdutorio que se foi ampliando a través de varias conversas con Beiras, así que acabamos facendo un primeiro capítulo que é unha biografía da súa formación intelectual, política e económica desde que nace ata que saca eses textos aos 23 anos, en 1959.
Sorprendéronlle os textos ao lelos?
Sorprendéronme porque son do primeirísimo Beiras, antes do marxismo, da teoría anticolonial... É completamente diferente ao que logo vimos. El mesmo se está formando como economista. O relevante é que o modelo danés era o gran modelo económico do galeguismo de preguerra e do Partido Galeguista e a difusión deste modelo era máis a partir dos grandes técnicos agrícolas, como Cruz Gallástegui, ou do xornalismo dos cadros galeguistas, como no caso de Xerardo Álvarez Gallego. E en plena posguerra, xusto antes do plan de estabilización, do final da autarquía, aparece un rapaz dándolle forma teórica a ese programa tradicional da economía.
Como explicaría o que supuña aquel modelo danés para o galeguismo e para Galicia?
Quen máis o está a estudar é o historiador Miguel Cabo Villaverde, e é moi interesante porque ao manexar os arquivos e materiais de traballo que tiñan no día a día daquela, atópase que, fronte a outros modelos doutros países que tiñan moito máis peso simbólico para o galeguismo, como os de Irlanda ou Portugal, a nivel práctico a gran referencia era Dinamarca. Un país dunhas características moi parecidas a Galicia por demografía, peso do sector agrario... Ao contrario de aquí, onde o desenvolvemento agrario baseábase nas sociedades agrarias sen case Estado, alí había un proceso de modernización bastante espectacular da man dos campesiños e do sistema cooperativista.
"Dinamarca era unha especie de utopía futurista para o galeguismo; cando imaxinaban a Galiza ideal, a gran referencia era o modelo danés"
Era unha referencia Dinamarca?
Mesmo a nivel de imaxinario político, cando imaxinaban a Galiza ideal, a gran referencia desa modernidade, case con tinturas futuristas, era ese modelo danés. Imaxinaban ese modelo, as sedes das cooperativas nos pazos das aldeas, como escribiu Castelao. Nos artigos da prensa da época vese como ás figuras galeguistas chamáballes moito a atención o nivel cultural de Dinamarca, cun modelo moi asociado ás escolas rurais. E coincidía que aquel era un país tamén eminentemente agrario, cunha industria de base agraria, un nivel cultural impresionante e uns elevados estándares de consumo, con bo transporte, trens eléctricos... Era unha especie de utopía futurista para eles. Ademais, era un modelo que esquivaba os dous extremos aos que case lle tiñan o mesmo medo: o capitalismo puro e o socialismo de Estado máis autoritario. Era a terceira vía ideal.
"O primeiro Beiras abraza unhas teorías sociais democráticas e antagonistas ao réxime franquista, pero bastante conservadoras"
Aquel Beiras non era o que todos podemos ter na cabeza agora...
Ese primeiro Beiras é un rapaz que se cría nunha familia moi especial, que constrúe unha burbulla en pleno franquismo, un espazo cultural, onde educalo. Hai unha imaxe moi reveladora: Beiras sempre di que no edificio da rúa do Vilar, onde vivía, ao saír cara á rúa había propaganda nazi pegada, pero el entraba na casa e as paredes estaban cheas de láminas de Castelao. Aprendeu a ler usando a revista Nós e vivía nunha burbulla onde se transmitía o galeguismo. Naquela altura, o piñeirismo estaba empeñado en recrutar xente nova e crear futuros cadros dirixentes, e aí dábanlle moita importancia á economía. Nese contexto, Beiras emerxe como a figura máis importante. El empeza cunhas teorías sociais, se ben democráticas e antagonistas ao réxime, bastante conservadoras. Lía o que lle proporcionaban Piñeiro ou Illa Couto, pero cando lle dan a bolsa para ir a París coñece moitas outras opcións.
Daquela, botando a vista atrás, aquelas ideas iniciais de Beiras estaban moi afastadas do que logo defendería...
E non tivo o máis mínimo problema con nada revisando aqueles tempos e aqueles textos. Na parte biográfica que fixemos ao principio do libro, e tendo en conta que todos intentamos facer reaxustes e que pode ser molesto repasar ideas que logo mudaron, Beiras mantivo un respecto absoluto. Díxome que fixese o que quixese con aqueles textos e non puxo problema ningún, o que dá mostra tamén do seu talle intelectual. Non intentou convencerme de nada, nin xustificar por que daquela pensaba outra cousa... Dixo que así fora e nada máis.
E dedica eses primeiros textos ao cooperativismo. Non chegou nunca a ser este modelo todo o impulsado que debera ser en Galicia?
Nun primeiro momento houbo un entusiasmo moi grande no galeguismo; Ramón Piñeiro cambia de idea e o cooperativismo reactívase no repertorio galeguista, pero as experiencias prácticas —a propia Coren ten os seus antecedentes, precisamente, en 1959— veñen moi condicionadas pola lei de cooperativas. Logo hai unha perda de entusiasmo paulatino polo limitado contexto político xeral, totalmente distinto ao que se dá nos países escandinavos, onde o modelo tiña un grande apoio e con grandes cargos técnicos... Pero aquí, xa co desastre científico que supuxo o golpe de Estado...
"Puido Galicia ser unha Dinamarca? É indubidable que o desenvolvemento social, organizativo e técnico no agro galego antes do golpe era moi importante; dábanse pasos moi importantes"
Puido Galicia ser unha Dinamarca?
O que é indubidábel é que se miramos o proceso de desenvolvemento, tanto social como organizativo e técnico, no agro galego nos momentos previos ao golpe de Estado, estábanse a dar pasos moi importantes. Non sei se de aí sairía un modelo cooperativo puro ou outro, pero era unha fase ascendente impresionante. Os casos prácticos, como o matadoiro cooperativo do Porriño, non saíron ben, pero había un gran nivel de experimentación social desde as sociedades agrarias parroquias. É moi probable que aquel modelo tivese un desenvolvemento favorable, pero iso xa nunca o saberemos, claro.