Xosé Manuel Beiras, homenaxeado como escritor: a "relevante achega" que completa o seu legado

Homenaxe da AELG a Xosé Manuel Beiras, o 14 de xuño de 2025 CC-BY-SA Praza.gal

Na súa intervención Beiras admitiu que nunca se recoñeceu como escritor fronte a outros compañeiros e compañeiras da Xeración dos 50 e dixo que a homenaxe é "un honor realmente inmerecido", aínda que manifestou a súa "absoluta felicidade" polo acto

Dende hai tres décadas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) homenaxe cada ano a un autor ou autora no seu lugar de orixe. Nesta ocasión a homenaxe ao escritor na súa Terra celebrou a figura de Xosé Manuel Beiras, economista, político e tamén autor -ensaísta e tradutor- e que ademais formou parte do Consello Directivo da AELG entre 1982 e 1986.

Foi en Santiago, onde Beiras naceu en 1936. O acto iniciouse no Parque de Galeras, onde se descubriu un monolito e foi plantada unha árbore escollida por Xosé Manuel Beiras, un teixo; posteriormente interviron a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, ademais do propio homenaxeado. No monolito pódese ler a frase “meu amor de madrugada”.

Homenaxe da AELG a Xosé Manuel Beiras, o 14 de xuño de 2025 CC-BY-SA Praza.gal

Beiras foi tamén preguntado pola actualidade política e destacou que "Sánchez sabe bastante ben o que ten que facer en cada momento, lévao demostrado", sinalando que ten "enfrente" os "antidemócratas" do Partido Popular

No seu discurso, Xosé Manuel Beiras lembrou a súa infancia nas rúas compostelás dos anos da posguerra, tamén neste espazo que hoxe ocupa o Parque de Galeras, nas beiras do río Sarela. Un río, destacou, que neses anos era coñecido como "río dos sapos", e que adoitaba cruzar cos seus irmáns a través da ponte para ir á zona de Casas Novas. Beiras admitiu que nunca se recoñeceu como escritor fronte a outros compañeiros e compañeiras da chamada Xeración dos 50 e dixo que a homenaxe é "un honor realmente inmerecido", aínda que manifestou a súa "absoluta felicidade" polo evento.

Xosé Manuel Beiras foi tamén preguntado pola actualidade política polos xornalistas que cubrían o acto. Ante os indicios de corrupción que afectan ao ex-número tres so PSOE, Santos Cerdán, e as peticións de adianto das eleccións xerais, Beiras destacou que "Sánchez sabe bastante ben o que ten que facer en cada momento, lévao demostrado". "O que pasa" -engadiu- "é que enfrente hai toda a panda de impresentables, de desleais, de perxuros, de corruptos, de antidemócratas, de cómplices do xenocidio que comete o Estado de Israel en Palestina que se chama Partido Popular e os seus xerifaltes".

No Auditorio do CGAC Miguel Anxo Fernán-Vello, que ofreceu unha laudatio de Xosé Manuel Beiras que foi respondida polo homenaxeado

A continuación, a celebración trasladouse á súa segunda localización, o Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea, onde lle foi entregada a Letra E, unha peza escultórica elaborada por Silverio Rivas. No acto interviron de novo Goretti Sanmartín e Cesáreo Sánchez, ademais de Beatriz Maceda Abeleira, vicepresidenta da AELG e de Miguel Anxo Fernán-Vello, que ofreceu unha laudatio de Xosé Manuel Beiras que foi respondida polo homenaxeado, unha intervención que pechou o evento. Finalmente, tivo lugar un xantar de confraternización no restaurante A Nave de Vidán.

Na súa intervención, Goretti Sanmartín referiuse ás facetas de Beiras como “creador de textos teoría económica e política, autor de artigos xornalísticos de indubidábel valor, tradutor para a nosa lingua de obras de relevancia mundial, e autor tamén, menos coñecido mais a tempo estamos, de obra narrativa e poética”. 

Homenaxe da AELG a Xosé Manuel Beiras, o 14 de xuño de 2025 CC-BY-SA Praza.gal

Ademais do seu coñecido labor como político, economista e profesor universitario, Xosé Manuel Beiras publicou unha quincena de ensaios

“Esta letra E, concedida por méritos propios, é boa oportunidade para nos mergullarmos na súa ampla obra, nas páxinas escritas en distintos rexistros, no pensamento necesario, na expresión precisa. Mais tamén, a Beiras coñecémolo en boa medida por esa rara facultade, da que moi poucas persoas gozan, de dominar a palabra, de crear discurso con vontade tamén literaria, de construír pezas orais que, a maior parte das veces, se esvaecen conforme se pronuncian mais que deixan pouso, deixan pegada en quen as escoita” afirmou a alcaldesa.

Ademais do seu coñecido labor como político, economista e profesor universitario, Xosé Manuel Beiras publicou unha quincena de ensaios, entre os que destaca O atraso económico de Galicia (1972), Prosas de combate e maldicer (1991), O Estado da Nación (1996) ou o recente Retratos en fite, publicado en 2022 por Laiovento. Ademais, é responsable de cinco traduciuóns do francés ao galego, entre elas tres obras de Albert Camus. En 2022 recibiu o premio Luís Porteiro Garea da USC polo seu “labor activo a prol da lingua galega, un recoñecemento que se une a outros, coma o Premio Trasalba. 

A AELG destaca que Beiras desenvolveu ao longo da súa ampla traxectoria "unha relevante achega ao mundo da escrita", tanto no ensaio como na tradución, que permite "completar o seu legado como unha das figuras máis relevantes do proxecto plural e diverso, sempre en marcha, da Galiza"

A AELG destaca que Beiras desenvolveu ao longo da súa ampla traxectoria "unha relevante achega ao mundo da escrita", tanto no ensaio como na tradución, que permite "completar o seu legado como unha das figuras máis relevantes do proxecto plural e diverso, sempre en marcha, da Galiza". 

Xosé Manuel Beiras únese así a unha longa xeira de autores e autoras homenaxeadas pola AELG nos actos dedicados O/A Escritor/a na súa Terra. A primeira homenaxe tivo lugar en 1995 en Noia, dedicada a Antón Avilés de Taramancos, e nos anos seguintes seguiron outras a Bernardino Graña, Manuel María, María Xosé Queizán, Xosé Neira Vilas, Uxío Novoneira ou Luz Pozo Garza.

Homenaxe da AELG a Xosé Manuel Beiras, o 14 de xuño de 2025 CC-BY-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.