Tras o acto aberto ao público celebrado o venres pola tarde no Museo do Pobo Galego, a familia e os máis achegados trasladaron o corpo de Xosé Manuel Beiras ao cemiterio santiagués de Boisaca. E por alí seguiu pasando este sábado a cidadanía a renderlle homenaxe e trasladar afectos.
O corpo de Beiras descansa xa no cemiterio compostelán polo que este sábado seguiu pasando a cidadanía a renderlle homenaxe
A tumba de Beiras, no suroeste do camposanto, á esquerda da porta principal, distinguíase este sábado do resto pola gran cantidade de flores alí transportadas desde o acto cívico do Museo do Pobo Galego, onde se recibiron de todo tipo de entidades. Coas lousas aínda sen colocar sobre a terra que xa acolle o seu corpo, a cor maioritariamente branca das flores víase atravesada por todas partes por franxas azuis da bandeira de Galicia.
Ao redor da tumba, a maior ou menor distancia, podía verse este sábado xente en silencio respectuoso. Un que acomodaba unha flor. Outra que mesmo se persignaba. Pobo como ao que Martiño Noriega agradecía a asistencia á despedida do seu amigo. Mentres, Ana Pontón criticaba o "sectarismo" do PP e a Xunta co seu perfil baixo ante o pasamento.