Tocounos asistir a unha desas multitudinarias expresións de recoñecemento e afecto que o pobo galego outorga en contadas ocasións aos seus
Ainda atordoado polo seu pasamento, escrebo esta reflexión persoal desde a urxencia de expresar publicamente algunhas das ideas e emocións do venres 9 de outubro, o día da súa despedida cívica no Museo do Pobo Galego.
O que alí vivemos foi un acontecemento histórico. Un enterro que enfía perfectamente na serie das homenaxes populares rendidas durante as exequias dos líderes cívicos máis selectos do país. Tocounos asistir a unha desas multitudinarias expresións de recoñecemento e afecto que o pobo galego outorga en contadas ocasións aos seus.
Por moitos motivos, Beiras entrou xa por dereito propio na estirpe dos pais e nais da patria galega, nese ronsel aberto por Curros, Rosalía, Castelao ou Otero Pedrayo. Non hai no noso tempo outro persoeiro que, coma el, reuna tantos servizos prestados á articulación política, intelectual e cultural do país: enlace xeracional entre o galeguismo do interior do grupo Galaxia e a formación do sistema de partidos políticos en Galicia durante a adaptación do franquismo á democracia liberal que se deu en chamar “Transición”; figura clave na articulación da ciencia económica na Universidade compostelana apartir do tardofranquismo; referente do socialismo marxista galego; escritor e tradutor requintado; líder político do nacionalismo galego contemporáneo, corresponsable do paulatino éxito electoral do BNG durante os anos do fraguismo, e do éxito de AGE durante os anos duros do feijooismo.
Por todo isto, cando menos, Beiras foi o referente incontornable da vocación política e a inspiración intelectual de varias xeracións de galegos e galegas rabudas coma él, durante os últimos cincuenta anos. Por iso os que tivemos ocasión de cantar en Bonaval o hino galego o día 9 de outubro, vimos pasar por diante de nós, en cada estrofa, a nosa propia vida reflectida na súa memoria.
Beiras foi un home extraordinariamente sensíbel. Como bo marxista, nunca aspirou ao coñecemento por simple aspiración meritocrática, senón como ferramenta de penetración na realidade e de articulación dos sentimentos colectivos ao servizo da transformación social. Daí que o seu maxisterio fose non tanto o da cátedra universitaria, senón o da conversa socrática cos centos de persoas que a el se achegaron en mitins, tascas e tabernas de todo o país, fascinadas pola súa desbordante personalidade, e que lle deron tamén o seu alento sentimental, que tanto necesitaba. Ese método socrático brillará sempre nos imprescindibles libros de conversas con Pancho Pillado e Miguel Anxo Fernán Vello.
Extraña que a historiografía contemporánea galega, tan dotada de xente lúcida, ainda non se atrevese a ensaiar unha biografía á altura da personaxe. Descoñezo as razóns, mais intúo que afrontar con pretensión de obxectividade histórica unha vida tan ricaz, lonxeva e controvertida sen incomodar a alguén, comezando polo propio Beiras e seguindo polas nosas afoutas tribos castrexas, non é tarefa doada. Beiras padeceu mesmo até o día do seu enterro a mesma caste de malditismo que acompañou no seu día a Castelao: ambos eran burgueses dun talento desbordante, radicalizados polas circunstancias históricas, mais cuxa entrega á política acabou provocando o abandono dos seus; cismas e inimizades case perpetuas, amén do estrabismo de quen só quere ver os aspectos máis cortantes da súa traxectoria.
Alén das cacofonías dos sucesivos beirismos, Beiras foi sobretodo un mestre na ética da derrota, porque sofreu moitas e, malia todos os seus erros e fracasos, nunca deixou de erguerse, buscar orquestra e cantar incansablemente as súas melodías co zapato na man, erguido contra a inxustiza.
Que Feijoo ou Rueda non fixeran acto de presenza no Museo do Pobo Galego retrata a súa consabida natureza de férridos e duros. Con bo criterio, a executiva do BNG non dubidou en reivindicar a Beiras como seu, malia todas as desavinzas políticas experimentadas tras o cambio da Portavocía Nacional na XI Asemblea do BNG do ano 2003, a rutura de Amio e o arrinconamento electoral do BNG no 2016. Esa reivindicación debe agradecerse e valorarse como un xesto de concordia sincera. Tamén o PSdG estivo presente na homenaxe póstuma. Porén, o 9 de outubro foi unha oportunidade perdida para que outro líder indiscutido do nacionalismo galego contemporáneo, o de matriz marxista-leninista, mostrase esa concordia a título póstumo que os funerais galegos adoitan propiciar, agora que xa non hai disputa real posible polas chaves da “casa común”.
Como todo líder, Xosé Manuel cometeu tamén erros, mesmo reiterados, até o punto de ter deixado tras de sí unha peculiar Santa Compaña, no ronsel das sucesivas experiencias organizativas que liderou. Desde o PSG, Esquerda Nacionalista, Encontro Irmandiño, AGE, Anova e En Marea, pasando polo propio BNG, o beirismo foi unha voz solista acompañada por distintas orquestras ao longo do tempo. Non todas estiveron á altura do seu crooner estelar, nin souberon tocar ao unísono un repertorio apto para todos os públicos, alonxado da rebuscada música de vanguarda revolucionaria que poucos entenden e ainda menos comparten.
En todo caso, alén das cacofonías dos sucesivos beirismos, Beiras foi sobretodo un mestre na ética da derrota. Quizá sexa esta a súa ensinanza máis profunda. Porque sofreu moitas e, malia todos os seus erros e fracasos, nunca deixou de erguerse, buscar orquestra e cantar incansablemente as súas melodías co zapato na man, erguido contra a inxustiza.
As derrotas de Beiras son tamén as nosas derrotas. Porque, malia os nosos esforzos, o profundo desacougo que sentimos contra o terrible mundo que temos dediante non é quen de traducirse en poder popular fronte a Barbarie. Por moitas combinatorias que intentamos, nin unha ideoloxía do século XIX, o nacionalismo, nin outra do século XX, o leninismo de liberacion colonial, é quen de destilar unha fórmula democrática maioritaria que resolva os problemas materiais e identitarios da Galicia do século XXI. Beiras praticou co exemplo a búsqueda incesante desa arela mesmo despois de cada derrota, de cada fracaso; e esa ética na derrota, alén do resistencialismo e o onfalismo de vanguarda que tanto nos mola, é o mellor exemplo que a súa figura debe inspirarnos no mundo que nos toca viver. O seu mellor legado.
Aínda que os seus restos mortais descansen en Boisaca, Beiras, por petición popular, debería inaugurar as honras do Panteón no século XXI, en aplicación da Lei 5/2023
Coido que todos os e as que estivemos na despedida de Beiras tivemos sentimentos encontrados ao velo marchar de Bonaval cara Boisaca. Porque, se un lé o artigo 2 da Lei 5/2023, do Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, e aínda que a disposición adicional primeira prohiba os enterramentos en Bonaval, non será capaz de encontrar outra persoa que cumpra mellor os requisitos para arriquecer coa súa figura o panteón onde xacen os restos de Castelao, Rosalía ou Domingo Fontán:
No Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, dándolle continuidade ao Panteón de Galegos Ilustres sito na Igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela, honraranse as galegas e os galegos que se teñan distinguido durante a súa vida polos servizos prestados a Galicia, particularmente:
– Na defensa dos valores compartidos polo pobo galego, como o respecto á dignidade das persoas e aos seus dereitos, á liberdade ou á solidariedade.
– Na reivindicación da cultura, da lingua galega e da personalidade histórica de Galicia.
– Na contribución ao coñecemento científico e ao desenvolvemento das ciencias humanas, sociais, naturais, da saúde ou tecnolóxicas.
– Na creación artística e literaria galega.
Polos seus servizos á construción nacional de Galicia, e aínda que os seus restos mortais descansen en Boisaca, Beiras, por petición popular, debería inaugurar as honras do Panteón no século XXI, en aplicación da Lei 5/2023. Porque, desde o 8 de outubro do 2026, Beiras pasou a ser patrimonio senlleiro de todo o país.