Beiras loitou "sempre ollando aos lados para alentar a quen nos acompaña" e este venres foi el o acompañado por unha multitude
Era difícil seguir a Beiras, pero as persoas que camiñaron ao seu carón durante os seus 90 anos de vida tentaron continuar facéndoo este venres na súa despedida no Museo do Pobo Galego, un lugar que quedou pequeno. Foi nun acto sinxelo, de menos dunha hora, co auditorio do museo e todos os corredores do claustro ateigados, sen que ninguén puidese moverse, pero no que todos os presentes camiñaron ao longo e ancho da vida de Beiras. Porque boa parte dos discursos incidiron en que o líder non parou de moverse, pero sempre pensando en como acompañar o seu pobo, que este venres o acompañou a el de xeito multitudinario.
Anova, o seu último partido, salientaba o xoves que Beiras ensinou que "a vida haina que loitar cada día, dende a dignidade e sempre ollando aos lados para alentar a quen nos acompaña". E eses acompañantes aos que sempre ollou Beiras foron os que este venres se alentaron entre si en Compostela.
Homenaxe e despedida popular a Beiras
-
Miguel Anxo Fernán Vello no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Goretti Sanmartín no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Gerardo Pisarello na súa intervención no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Ánxel Huete na súa intervención no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Martiño Noriega na súa intervención no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Martiño Noriega no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Ricardo Beiras no acto de homenaxe ao seu pai no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Familiares e amizades no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Amizades e compañeiros de militancia no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Amizades e compañeiros de militancia no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
O himno de Galicia pechou o acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Ducias de persoas seguiron o acto de homenaxe a Beiras no auditorio dende o claustro do Museo do Pobo Galego -
O cadaleito de Beiras sae do auditorio do Museo do Pobo Galego -
O cadaleito de Beiras sae do auditorio do Museo do Pobo Galego -
Centos de persoas agardan na rúa o cadaleito de Beiras -
Centos de persoas agardan na rúa o cadaleito de Beiras -
Centos de persoas agardan na rúa o cadaleito de Beiras -
Camilo Nogueira tamén se achegou a despedir a Beiras -
Ana Pontón ao pé do coche fúnebre co cadaleito de Beiras
Tras o desfile de centos de persoas durante catro horas polo auditorio do Museo do Pobo Galego, a carón do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, ás catro da tarde deu comezo un acto de despedida no que interviron brevemente diversas amizades e acompañantes de Beiras ao longo dos seus 90 anos: Ánxel Huete, Encarna Otero, Luís Soto, Gerardo Pisarello, Martiño Noriega, ou Goretti Sanmartín foron deixando diversas lembranzas sobre o falecido.
Encarna Otero, amiga, historiadora, histórica do BNG e veciña de Compostela, salientou que Beiras "traballou sendo de facto o presidente da Galiza nun outro mundo posible". Agora, dixo, "nos corresponde seguir o seu ronsel máis alá". "Grazas amigo Beiras polo teu grande amor, camiña xa polo teu alba de gloria coa luciña dunha estrela".
Martiño Noriega, amigo e principal discípulo de Beiras, lembrou a súa traxectoria política de loita en defensa do pobo galego, a súa principal arela. Por iso, lembrou, dicía que "a Madrid só irei en condición de embaixador". "Fuches o presidente que merecemos e nunca tivemos", engadiu. Agora, rematou Noriega, Beiras xa fai outro camiño: "Polos rueiros da nosa historia marcha paseniño o noso comandante sen exército para unha revolución".
Beiras "xa non vai pertencer a siglas" porque "pasa a ser patrimonio do pobo galego", dixo o seu fillo Ricardo
A última intervención correu a cargo de Ricardo, un dos seus dous fillos, xunto con Daniel. Lamentou que o seu pai marche "nun tempo ruín, onde o individualismo rachou as conexións que tiñan os paisanos entre eles para resolver os problemas en colectivo". A ese pobo tentou sempre entregarse Beiras, veu dicir o fillo, ao salientar que sendo catedrático de Economía podería traballar nun banco pero preferiu "levantar os domingos para ir a manifestacións". E fíxoo evitando "batalliñas de cargos" nos partidos nos que estivo, que o fillo rematou minimizando: Beiras "xa non vai pertencer a siglas", dixo, porque "Beiras pasa a ser patrimonio do pobo galego".
A continuación, o himno, o "nazón de Breogán" ben alto, como os puños, berros de "viva Galiza ceibe" ou "Galiza ceibe, poder popular", e a Marcha do Antigo Reino de Galicia cunha gaita para acompañar o cadaleito na súa saída a un exterior ateigado por milleiros de persoas nun aplauso eterno. Un pobo que contemplou a caixa pasar por diante do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres deixando unha imaxe para a lembranza similar á dos restos de Castelao entrando nel. Beiras, de momento, marchou ao cemiterio de Boisaca. O pobo ao que pertence decidirá o seu lugar na historia.