Beiras: seis décadas de encrucilladas para explicar a historia política de Galicia

Xosé Manuel Beiras, na asemblea fundacional do BNG, celebrada en Riazor en setembro de 1982 © Fundación Galiza Sempre

Beiras atravesa e é atravesado pola historia política de Galicia, da que en moitas ocasións foi protagonista e motor principal, e que sen o seu concurso tería sería moi diferente en varios momentos e encrucilladas. Tivo varias vidas (políticas), todas coherentes entre si e que probablemente non se entenden na súa totalidade sen poñelas en relación coas anteriores

A través da vida de Xosé Manuel Beiras, falecido este 8 de outubro de 2026 aos 90 anos, podemos percorrer a historia -sobre todo a historia política- de Galicia na segunda metade do século XX e mesmo adentrarnos no devir do presente século XXI. Beiras atravesa e é atravesado por esa historia, da que en moitas ocasións foi protagonista e motor principal, e que sen o seu concurso tería sería moi diferente en varios momentos e encrucilladas. Beiras tivo varias vidas (políticas), todas coherentes entre si e que probablemente non se entenden na súa totalidade sen poñelas en relación coas anteriores. 

Naceu en abril de 1936, aínda en plena República e apenas uns meses antes do Golpe de Estado que levou á terrible represión fascista e a case corenta anos de ditadura. Forma parte, polo tanto, desa xeración de homes e mulleres (en 1936 nace tamén, por exemplo, Camilo Nogueira) que décadas máis tarde se terán que enfrontar á tarefa de construír -e reconstruír- unha alternativa política galega baixo a pesada bota do Franquismo, tendendo pontes coas estruturas e procesos anteriores.

Poucas veces Beiras foi alleo a esa responsabilidade. Cunha formación de primeiro nivel en Dereito, Económicas e Economía Política acadada en Santiago, Madrid, París ou Londres, grazas en boa medida ao apoio económico do núcleo de Galaxia, en 1963 -con apenas 27 anos- participa na fundación do Partido Socialista Galego, unha formación que naceu cunha orientación socialdemócrata e europeísta e que a aceleración ideolóxica do seu tempo acabou por levar a posicións máis radicais. 

Cartel do PSG para as eleccións de 1977 realizado por Siro López © CCG

Primeira encrucillada

Forma parte dunha xeración de homes e mulleres que se terán que enfrontar á tarefa de construír -e reconstruír- unha alternativa política galega baixo a pesada bota do Franquismo, tendendo pontes coas estruturas e procesos anteriores. Poucas veces Beiras foi alleo a esa responsabilidade

Nese tránsito ideolóxico do seu PSG xoga un papel fundamental o propio Beiras e a propia evolución que o mozo Xosé Manuel vai levando a cabo a través de lecturas -Albert Memmi, Frantz Fanon, Robert Lafont...- e dos contactos políticos que vai establecendo nun tempo de organización da esquerda nos derradeiros anos da ditadura. É, en certa maneira, a súa segunda vida política, na que Beiras toma as rendas do seu destino político. En 1971 asume o cargo de secretario xeral do PSG, que xa dous anos antes elaborara coa UPG un Documento Conxunto que establece o ideario nacionalista da formación, o mesmo que unha perspectiva anticolonial, a mesma que Beiras defende na súa obra O atraso económico de Galicia (1972). Hai que dicir que o PSG nunca deixou de ser un partido de cadros, con escasa implantación social.

En 1963 -con apenas 27 anos- participa na fundación do Partido Socialista Galego, unha formación que naceu cunha orientación socialdemócrata e que a aceleración ideolóxica do seu tempo acabou por levar a posicións máis radicais. Nese tránsito ideolóxico xoga un papel fundamental a propia evolución que o mozo Xosé Manuel vai levando a cabo nos anos 60

O PSG e Beiras chegan ao remate da ditadura co obxectivo de ser a grande alternativa socialista en Galicia. Son os anos nos que manteñen relacións estreitas con outras formacións socialdemócratas do Estado, coma o Moviment Socialista de Catalunya o Partit Socialista del País Valencià ou o propio PSOE, que ata 1974 non era máis que outro pequeno partido de cadros. O crecemento do PSOE posterior a Suresnes deixa o PSG e ás restantes formacións do campo socialdemócrata ante a disxuntiva de integrarse no partido liderado por Felipe González ou competir contra el. 

O PSG opta por manter a súa independencia e preséntase ás primeiras eleccións democráticas, en xuño de 1977, baixo o lema de "o socialismo galego somos nós". O resultado non deixa lugar a dúbidas: en Galicia o PSOE faise co 15,58% dos votos e lidera con claridade a esquerda, mentres que o PSG fica no 2,42% (27.197 votos), a metade dos que obtén por exemplo o PSP (4,72%). Un grupo de destacados militantes, o chamado Colectivo Socialista de Ceferino Díaz, Fernando González Laxe ou José Luís Rodríguez Pardo), abandona o partido e ingresa no PSdeG.

Intervención de Xosé Manuel Beiras no acto político do Bloque o 25 de xullo de 1982 © Fundación Galiza Sempre

Lidera o BNG ata levalo ás portas da Xunta

En 1982 participa no proceso que dá lugar á fundación do Bloque Nacionalista Galego

Beiras xa non está neste proceso; os seus problemas de saúde mental déixano fóra de xogo durante anos, ata que comeza a súa terceira vida política. En 1982 participa no proceso que dá lugar á fundación do Bloque Nacionalista Galego, constituído oficialmente en setembro dese ano na asemblea que ten lugar no Frontón Municipal de Riazor, na Coruña. Xosé Manuel Beiras, que xa intervira nos actos do Día da Patria dese ano en Santiago, pasa a formar parte do primeiro Consello Nacional da formación e é o encargado de pechar a asemblea de Riazor. Un mes máis tarde encabeza a lista do Bloque-PSG ás eleccións xerais pola provincia da Coruña.

O BNG convértese na alternativa ao PP e a Manuel Fraga e Xosé Manuel Beiras eríxese en líder da oposición e posible presidente da Xunta

Non son anos doados para o BNG malia a refundación de Riazor. O proceso sáldase co abandono de varios dos grupos que participaran nel (Galicia Ceive, unha parte do PSG...) e nos comicios celebrados nos anos seguintes a formación frontista segue a perder apoios (en 1985 o BNG só obtén un escano no Parlamento galego, o do propio Xosé Manuel Beiras pola Coruña). Todo comeza a cambiar na segunda metade da década: apoiado nunha fiel base militante, no innegable liderado social de Beiras e na moderación dalgún dos seus postulados, o BNG gaña primeiro a competencia interna co PSG-EG por liderar o campo da esquerda nacionalista e, a partir de aí, continúa o seu crecemento: 1 escano en 1985, 5 en 1989, 13 en 1993, 18 en 1997...

'Zapatazo' de Beiras no debate da reforma regulamentaria de 1993 © Trinta anos do Parlamento de Galicia

O BNG convértese na alternativa ao PP e a Manuel Fraga e Xosé Manuel Beiras eríxese en líder da oposición e posible presidente da Xunta, unha alternativa que semella cada vez máis próxima, á vista dos excelentes resultados urbanos do BNG nas eleccións municipais de 1999. Porén, as eleccións de 2001 deixan o primeiro descenso electoral do Bloque, que perde un escano. 

Nunha lexislatura convulsa sucédese o histórico achegamento entre Beiras e Fraga, a crise do Prestige e as manifestacións contra a Guerra e a crise interna no BNG que acaba coa dimisión de Beiras, que por primeira vez dende o 1985 non forma parte das listas da formación nas eleccións ao Parlamento galego. Beiras conforma o Encontro Irmandiño como corrente de oposición dentro do Bloque, nun proceso que anos máis tarde, despois da asemblea de Amio en 2011, acaba levando á escisión que despois se converteu en Anova.

Unha viaxe de ida e volta

Á fronte de Anova chega a un acordo con Esquerda Unida para conformar a Alternativa Galega de Esquerda (AGE), formación que lidera con éxito nas eleccións de 2012

É a cuarta vida política de Xosé Manuel Beiras, que á fronte de Anova chega a un acordo con Esquerda Unida para conformar a Alternativa Galega de Esquerda (AGE), formación que lidera con éxito nas eleccións de 2012, nas que AGE obtén 12 escanos e supera con claridade ao BNG. O liderado de Xosé Manuel Beiras volver demostrar a súa forza, especialmente entre as novas xeracións, con momentos tan recordados como o mitin no que Martiño Noriega chamou ao "exército zapatista galego", alzando os calzados ao aire en lembranza da histórica imaxe de Beiras no Parlamento, unha mostra da potencia simbólica do propio Beiras como figura. Neste caso, mesmo remudando aquel outro xesto simbólico, en 1993, cando -en imitación de Khrushchev- sacou un zapato no propio Parlamento galego.

Antón Sánchez e Xosé Manuel Beiras, no remate dun acto político de Anova CC-BY-SA Praza Pública

A quinta vida política de Beiras supón un certo regreso a 1982, desandando o camiño de separación que comezara 12 anos antes. En 2024 pide o voto para Ana Pontón e o BNG

Nestes anos embárcase tamén nun proceso máis amplo de confluencia que coincide co nacemento de Podemos e que acaba levando á creación en 2015 de En Marea, candidatura que nas eleccións xerais dese ano obtén máis de 400.000 votos e 6 escanos, superando ao PSdeG converténdose na segunda forza política de Galicia. As eleccións ao Parlamento galego de 2016 deixaron un sabor amargo na esquerda, coa posibilidade truncada de chegar ao Goberno da Xunta. En Marea continuou como proxecto, pero o devalo electoral e os conflitos internos acabaron debilitando e esfarelando o espazo, no que Beiras foi perdendo protagonismo. 

A quinta vida política de Beiras supón un certo regreso a 1982, desandando o camiño de separación que comezara 12 anos antes. Nas semanas previas ás eleccións de febreiro de 2024 Beiras pide o voto para Ana Pontón, chamando á mobilización do "voto do cambio" en torno ao BNG, un achegamento que se iniciara xa nos anos anteriores.

Beiras, nun mitin de AGE © AGE

Nestes máis de 60 anos Xosé Manuel Beiras estivo presente en case todos os procesos e encrucilladas importantes, unindo a súa biografía á historia do país e da esquerda política. Imposibles de entender e de explicar a unha sen a outra

Son máis de seis décadas de historia política de Galicia. Dende o máis duro da ditadura franquista ata o mundo de Trump e o ascenso do novo fascismo. Dende os discursos anticoloniais e sesentaoitistitas ata o convulso presente, atravesando a caída do Muro de Berlón e a invocada fin da historia. Nestes máis de 60 anos Xosé Manuel Beiras estivo presente en case todos os procesos e encrucilladas importantes, unindo a súa biografía á historia do país e da esquerda política. Imposibles de entender e de explicar a unha sen a outra.

Xosé Manuel Beiras, Encarna Otero, Ana Pontón, Camilo Nogueira e Alfredo Suárez Canal, nos intres previos á presentación do documental sobre o 40 aniversario do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.