Morre Beiras, 90 anos de loita contra a ruda adversidade urxente

Beiras, nun acto público en 2014 CC-BY-NC-SA Anova

Economista, escritor, pai, parella e polemista, por riba de todo foi un animal político atacado e admirado máis alá dos seus pronunciamentos

Chamábase Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado e naceu en Santiago o 7 de abril de 1936, tres meses antes do golpe fascista. Vén de morrer na súa casa da Reboraina, en Brión, con 90 anos, a gran maioría deles de loita contra ese fascismo e tentando construír un país fronte "a ruda adversidade urxente", como di a cita de Pondal que elixiu para o comezo do seu mítico libro O atraso económico de Galicia. Foi economista, escritor, pai, marido e polemista, pero por riba de todo foi un animal político atacado e admirado máis alá dos seus pronunciamentos.

Xosé Manuel Beiras, durante unha entrevista con Praza en 2012 CC-BY-SA Tingaralanga

Fillo da burguesía compostelá e de Manuel Beiras, un dos fundadores do Partido Galeguista identificado coa súa póla dereitista e católica, Xosé Manuel asumiu o galeguismo pero tirou pola banda da esquerda. O pai acabaría recibindo en 1987 a Medalla Castelao. O fillo, principal ariete dialéctico durante décadas das dereitas gobernantes na Xunta, se chamasen Albor, Fraga ou Feijóo, quedou sen medalla en vida.

Beiras estudou Dereito en Santiago e Económicas en París e Londres antes de volver a Compostela como profesor e mesmo decano da Facultade de Económicas a comezos da década de 1970, en plenas protestas estudantís contra a ditadura. Foi nesa época, en 1972, cando publicou, froito dos seus estudos previos e da súa tese doutoral, O atraso económico de Galicia, libro referente que analiza a situación do país como unha "sociedade precapitalista campesiña" combinada cun "raquitismo burgués" e "colonialismo interior". 

'Zapatazo' de Beiras no debate da reforma regulamentaria de 1993 © Trinta anos do Parlamento de Galicia

É no comezo e remate dese libro onde Beiras cita a Pondal: "O caso está na ruda adversidade urxente", un único verso dun poema máis extenso que continúa apelando a "diante da dura proba mostrar o peito enxebre, e sustentar magnánimos noso ideal ardente". E é tamén nese libro onde explicita que o seu ideal para facer fronte ao atraso económico de Galicia estaba -con outras verbas para evitar a censura franquista- na esquerda e no nacionalismo.

Impulsor do PSG na clandestinidade e durante 20 anos voceiro nacional do BNG, co que rompeu para fundar Anova, Beiras reconciliouse en 2024 coa súa antiga formación

Así que Beiras participa na fundación na clandestinidade do Partido Socialista Galego (PSG), e despois, en 1982, do BNG, do que foi portavoz nacional dúas décadas, ata 2002. Co BNG sería deputado entre 1985 e 2005, pero o seu progresivo distanciamento da corrente dominante da Unión do Povo Galego (UPG) rematou en ruptura en 2012, coa escisión da súa corrente Encontro Irmandiño e a fundación dun novo partido, Anova-Irmandade Nacionalista, co que volvería ser deputado entre 2012 e 2016 dentro da coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE), formada con Esquerda Unida e outras formacións menores. Foi nunha época na que procurou a unidade coa esquerda federal e o rupturismo de Podemos para despois declararse arrepentido.

Ana Pontón e Xosé Manuel na reconciliación de Anova co BNG en xaneiro de 2024 CC-BY-SA Praza Pública

A ruptura co BNG duraría doce anos, ata que en xaneiro de 2024 Beiras escenificou coa portavoz nacional, Ana Pontón, un abrazo reconciliador acompañado por Martiño Noriega, o seu principal discípulo, apoio, médico e mesmo "irmán", como o denominaba este.

No persoal, ademais de Noriega, Beiras tivo dous fillos, arquitecto e biólogo, coa filóloga Teresa García-Sabell. Pero a "euménide" da súa vida sería Aurichu Pereira, pintora, falecida o 1 de novembro de 2023. Tras a súa morte, a participación de Beiras en actos públicos foise reducindo. Pero cando o facía, seguía amosando a súa enerxía. O deputado que petara co zapato no propio escano en 1993 pola decisión de Fraga de elevar do 3% ao 5% o limiar de votos para entrar no Parlamento, ou que increpara a Feijóo no seu escano en 2013 tras coñecerse a súa amizade co contrabandista Marcial Dorado, gardaba folgos para facer política en calquera sitio, como durante toda a súa vida. 

Beiras increpando a Feijóo no seu escano en 2013 tras coñecerse a súa amizade con Marcial Dorado © AGE

En 'O atraso económico de Galicia' apelou a loitar contra a "ruda adversidade urxente", citando a Pondal, e homenaxeado como escritor en 2025 elixiu plantar un teixo, lonxevo e de madeira dura

En xuño de 2025, nunha homenaxe en Santiago como escritor, a carón dun monolito coa frase "Meu amor en Compostela", Beiras aínda cargaba contra "toda a panda de impresentables, de desleais, de perxuros, de corruptos, de antidemócratas, de cómplices do xenocidio que comete o Estado de Israel en Palestina que se chama Partido Popular e os seus xerifaltes". Facíao tras plantar un teixo, unha árbore lonxeva e de madeira dura.

Teixo plantado en Santiago, no parque de Galeras, en xuño de 2025 por Beiras, ao fondo na imaxe CC-BY-SA Praza.gal

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.