As fotos de Feijóo e Dorado instalan o Parlamento na crispación

Beiras increpa a Feijóo no seu escano © AGE

"Non merece nin respecto nin resposta". "Ten un presente penoso". "Persiste no ridículo". "Non merece ningunha resposta". Son algunhas das afirmacións que Alberto Núñez Feijóo lanzou este mércores cara ás bancadas da oposición nunha das sesións de control ao presidente da Xunta máis tensas que se lembran na Cámara autonómica. Os tres voceiros da oposición cuestionaban o xefe do Goberno galego polas súas fotos co narcotraficante Marcial Dorado e a combinación destas preguntas coa aposta do líder da dereita por saír ao ataque contra PSdeG, AGE e BNG deu lugar a unha bronca sesión con episodios recorrentes, como que as preguntas vaian do presidente á oposición, e outros inéditos, como a increpación ao presidente ao pé do seu escano por parte do voceiro de Alternativa ou un reproche público do voceiro do PP á Presidenta da Cámara, tamén do PP.

As preguntas que chegaron dende a oposición foron, en esencia, as mesmas ás que tentaron obter resposta hai dúas semanas, durante a comparecencia de Feijóo pola mesma cuestión. "Pasaron trinta días dende que saltou o escándalo pero segue sen contestar", reprocha o socialista Pachi Vázquez, quen reitera a necesidade de saber "de quen" proceden as "ameazas" que o presidente asegura recibir pero, sobre todo, se "vai contestar" ou "vai seguir facéndolle dano a Galicia". "Leva unha sombra pendurada que o acompañará onde vaia causándolle un gravísimo dano á imaxe do noso país", reprochou Francisco Jorquera, do BNG. "Só vostede e o señor Romay Beccaría non sabían quen era Marcial Dorado", recriminou a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz.

"Non merece nin respecto", "ten un presente penoso", afirmou Feijóo

Pero todas as preguntas ficaron, en boa medida, sepultadas pola saída en tromba do presidente e a vaga expansiva creada a continuación. Os cuestionamentos do líder do socialista son, para Feijóo, mostra da "covardía da insinuación" e dunha "actitude política propia da farándula e non da democracia". "Por que non cala?", rematou Feijóo antes de escoitar, coa Cámara xa visiblemente axitada, ao voceiro do Bloque. Jorquera instouno de novo a "dimitir dunha vez" e Feijóo retrucoulle que non ten "ningún tipo de moral", o nacionalista preguntouse se o popular "xustifica o branqueo de capitais" no que incorreu Dorado e o presidente acusouno de "sobreactuar", ata o punto de que "só lle queda facer dúas cousas: ou sacar o zapato ou emocionarse tanto para ver se imita tanto ao que non asume estas cuestións", en referencia a Xosé Manuel Beiras.

Foi neste punto cando o actual líder de AGE se ergueu do seu escano para bater no do presidente e increpalo sonoramente: "É indigno de ser presidente!", clamou. "Xa ve, señor Jorquera, que mentres compite con Beiras para ver quen é o mellor imitador de Beiras eu preocúpome dos galegos e de lamentar este espectáculo bochornoso", proseguiu Feijóo antes de volver situar a Jorquera na "miseria" e na "baixeza moral". Xa coa tensión desbocada chegou a quenda da vicevoceira de Alternativa, increpada á súa vez por deputados e deputadas do PP. "Converte a política nun espectáculo denigrante", censurou antes de preguntar, de novo, polas relacións do presidente co narco.

Beiras bateu no escano de Feijóo: "É indigno de ser presidente", díxolle

"Dado o que acaba de ocorrer -en referencia a Beiras- solicítolle que pida desculpas", repuxo o presidente. "As súas formas son as deses amigos que vostede compartía con Marcial Dorado, como Manuel Cruz, o guerrilleiro de cristo rei que machacou a dúas camaradas miñas, esas son as súas formas, as violentas", argumentou a deputada de AGE, entre novas peticións de explicacións. Pero non obtivo respostas. "Por respecto a esta Cámara" Feijóo declarouse "farto de que nos chamen criminais" ou de recibir "coaccións". "Estamos fartos de tanta ignominia", proclamou entre aplausos dos seus, os mesmos que o acompañaron ao seu compromiso de "seguir traballando, porque a única posibilidade de que se respecte o Estado de dereito e dun goberno democrático é o que eu presido". "Señora, non merece ningunha resposta", insistiu.

Puy reprochoulle publicamente á presidenta que non apercibise ao líder de AGE

Co hemiciclo incendiado aínda quedou lugar para atizar un chisco máis o lume, pero desta volta sen intervención ningunha da oposición. O voceiro do PP tomou a palabra para, "dende o máximo respecto á Presidencia da Cámara", preguntarlle a Pilar Rojo por que non aplicou o artigo do Regulamento que "di taxativamente que os deputados serán chamados á orde" cando "interrompan" unha intervención. "Ocorreu algo inédito, unha achegamento ao presdiente [por parte de Beiras] sen chamada á orde, non sei se porque algún sdeputados nesta Cámara teñen bula", criticou. Coa estupefacción reflexada na faciana Rojo limitouse a aclarar que "varios deputados foron chamados á orde" e instou a "continuar a orde do día". Poucas respostas, máis crispación.

Feijóo, no seu escano durante a sesión © AGE
Beiras increpa a Feijóo no seu escano © AGE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.