O 15 de decembro de 2020 recibín o primeiro 'emilio' de Xose. Ata entón para min era Beiras. Agora que leo tantas dedicatorias nas redes é moi sinxelo saber quen era “dos seus seus imprescindibles”. Chamarlle Xose non estaba ao alcance de moita xente, ou non debería, e eu mesma creo que nunca me atrevín a chamalo así. De feito, nunca o chamaba de ningunha maneira, por vergoña e respecto. Vexo escritas moitas cousas para renderlle homenaxe pero os seus emilios, un termo só apto para xeracións analóxicas nativas (termo coma el mesmo os denominaba), sempre os asinaba coma Xose. Alomenos así asinaba os que me mandou a min. Aínda que despois festexara o San Manuel. Costumes.
(…) encantoume falarmos. sinto moita confianza contigo. lémbrome ás veces da primeira entrevista que me fixeras -a persoa que intermediara advirtírame de que te sentías insegura ou tíñasme certo temor 'reverencial', e iso fixérame rir por dentro. e xa ves: axiña empatizamos e ao cabo fomos amigos. (…)
Temor reverencial, medo, vergoña… Seguro que sentín todo iso e moito máis. Ía entrevistar por primeira vez ao tradutor de Camus, ao gran intelectual que sen gobernar nunca este país acertou a transformalo moitas veces. A quen tivo máis dunha vez que durmir no sofá. Ía entrevistar á mente máis áxil en activo. E eu que ía facer? Como ía eu disimular a miña ignorancia? Eu estudara en París un ano, quizais podía comentalo, si, iso faría. Falaríalle que preto de onde el estudara, na Sorbonne, eu coidaba todas as mañás a unha nena de catro anos para conseguir cartos e poder viaxar a conta miña e non do sacrificio da miña familia.
(…) benquerida Bea, hoxe teño algo de vagar para che escribir, malia que o que cáseque non teño son azos, non tanto físicos coma anímicos. o dos físicos non me inqueda, só me amola, mais xa estou afeito: cando novo, tés o teu corpo ao teu servizo; cando vello, andas ti ao servizo do teu corpo. e xa levo un feixiño de anos a facer a aprendizaxe desa nova -e incómoda- experiencia. por certo que che vou pasar un texto que escribín ao respecto o pasado outono, porque coido que así entenderásme millor. pior asunto éche o dos azos anímicos, que andan ben minguados. e non, no meu caso, polo lerio da peste vírica, senón polo da outra, a social e política -que resulta máis letal porque non mata corpos, senón almas -como as do premonitorio relato de Gogol- e mais porque non ten visos de rematar, senón de perdurar e ir a pior aínda -existen vacinas para erradicala, mais a actual 'esquerda imaxinaria' teima en non administralas -mesmo sospeito que nin sequer as coñece, por falla de memoria e cultura. (iso de 'esquerda imaxinaria' non é invento meu, senón o título dun lúcido ensaio de dous xornalistas franceses de hai anos, publicado durante o mandato de Lionel Jospin, nada menos). (…)
Beiras marcha un 8 de outubro, xusto despois da morte de Maricarmen. Lembro cando nun mitin de 2012, en Lugo, pronunciou por primeira vez ‘Os recortes matan’. Eu non estaba alí porque daquela estaba case prohibido facer a campaña de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), que acabou irrompendo con 9 deputados e entrando no Pazo do Hórreo tras un simbólico desfile desde a Praza de Galicia. Ao día seguinte metinme con el, con Xose, e Martiño Noriega nun cuartucho sindical de San Caetano (onde tiña un acto de campaña) para tratar de lograr que repetira unha frase pola que foi acusado de todo o que se pode acusar a un político por parte de quen non alcanza a ter a humildade de saber que está ante unha das mentes máis lúcidas. Aquela acabou sendo unha frase insignia da esquerda. Foi el quen a dixo. El que chamaba necios aos necios.
(…) descubríramo en setembro a miña irmá Carme, que é unha boísima oculista -miráramo ela porque o meu do SERGAS estaba de vacacións, mais comezaron a tratarmo no seu servizo des que se reincorporou ao traballo a fin de mes. caso de producirse o 'furado', afectaráme á visión, mais seica non perderei a vista -e afortunadamente temos dous ollos, e o dereito funciona 'a tope'. sonche os 'achaques' -iso que agora non se menciona, nesta in-civilización que tenta facernos pensar que somos inmortais, porque lle ten pavura á morte, e estúpidamente deféndese mutilando a linguaxe: así non se di 'vellos', senón 'maiores', cousa que dá risa nunha cultura popular como a nosa na que se di 'o meu fillo máis vello' para o que en español se di 'mi hijo mayor', e mesmo cando ese fillo é aínda un neno (…).
Porque se Beiras fosilizase, sería a estatua de Rodin ‘Le Penseur’. Beiras, o economista, o profesor do seu prezado discípulo Manolo Xordán (o profe que me suspendeu economía cando eu estudaba, algo había que suspender na carreira para experimentar o que é); Beiras o tradutor, Beiras o que non gobernou, pero legou un país imaxinado ao que tivo que renunciar tras os traspés e traizóns e algunha mala decisión. Beiras transformou xeracións de galegos e galegas e augurou a descomposición dos valores da sociedade. Eses que sempre defendía: igualdade, fraternidade e liberdade.
(…) Levo como podo a sensación de impotencia perante o tráxico espectáculo que estamos a padecer os que, coma min, viamos vir o actual proceso de descomposición, non só do rexime no que nunca crimos, senón do sistema de valores sen os que ningunha sociedade pode resultar habitábel, e deféndome 'patas arriba' de que a tolemia imperante me faga perder o sentido do humor. meses atrás boteime a reler de cabo a rabo a Molière, e non só as súas obras senón os ataques inquisitoriais que padeceu por mor das máis reveladoras da patoloxia social do seu tempo: poderían doadamente trasladarse ao noso. por fortuna, sigo vivo e ben de saúde(…).
Levo varios días, desde que souben que se estaba indo, lendo as súas palabras, as que tivo comigo. Algo que detesto é a apropiación indebida da dor, creo que cada quen ten que saber o lugar que ocupou na vida das persoas, pero eu hoxe sinto dor real, privada, porque este correo electrónico escrito desde a ‘reboraina’ forma parte do íntimo. Un aprezo segredo para a maioría da xente, porque eu tamén tiven que contar, con profesionalidade, cando se encarou a Feijóo no escano do hemiciclo. A Feijóo chamáballe necio. Tamén contei algún dos seus portazos asemblearios, a súa marcha e contei que era o momento de volver á casa común do nacionalismo.
(…) cómo levas o traballo?. xa imaxino. deséxoche moitos azos. bicos. xose. (…)
Chegamos a ter un plan. O Xose que escribía 'emilios' quería contar unha parte da súa vida que xa se sentía preparado para contar despois de moitos anos, incluída a súa historia política máis recente, e prestoume un libro del para tal fin que nunca lle devolvín. Chegamos a falarmos da idea, pero a pandemia, e a enfermidade despois, acabou por converter aquela idea tola nunha utopía. Porén, na miña mesa de noite permanece aquel libro canda un exemplar da Revolution française. Ás veces facemos poesía sen sabelo.
(…) eu á morte non lle teño medo, só respeito. dende ben novo, abofé. era eu aínda un rapazolo cando escribira nun desaparecido caderno de notas que levaba daquela, que 'o grave non é a morte, senon a idea da morte'. e onte, mentras agardaba a miña quenda no hospital, recibo un sms do Suso Veiga para darme conta de que morrera Manolo Xordán, un dos meus discípulos máis queridos e fideis ao meu enfoque do estudo da economía -e foi unha pancada que puxo as cousas no seu sitio: eu aínda estaba eiqui, en moi boas condicións para os meus anos, e non tiña dereito a me laiar polo meu ollo esquerdo (…)
Xosé Manuel Beiras regaloume máis dunha década de xornalismo. Un xornalismo que vexo morrer coma el mesmo me dicía tantas veces cando me preguntaba como estaba eu e ofrecía consolo. Ou cando me preguntaba polas crianzas na mesma ringleira na que dicía que estaba lendo a comedia de Aristóteles que frei Guillermo de Baskerville salvou do lume. E vaise o Beiras mentres España debate unha fronte ampla. Outra vez a historia facendo poesía política.
(…) e coido que abonda por hoxe: xa chega ben de 'rollo'. moitos bicos, cóidate, e non tomes a serio o que che conto do meu ánimo: son unha 'montaña rusa', non un barco que se afunde. máis bicos. xose.