Xosé Manuel Beiras, na fronte unha estrela

Xosé Manuel Beiras, nunha entrevista con Praza en 2012 CC-BY-SA Tingaralanga

Beiras sentiuse interpelado pola morte de Castelao con apenas 13 anos. No seu pasamento exerceron as comparanzas entre ambas figuras, as máis delas con xustiza e precisión

Xosé Manuel Beiras sentiuse interpelado pola morte de Castelao. Tiña 13 anos e provocoulle "toda unha reacción emocional pero ao mesmo tempo, moi racionalizada". "Sempre dixen que eu, en rigor, no profundo, son independentista dende a morte de Castelao, o que significa que en orixe non é unha postura política concreta senón unha actitude anímica, unha vivencia e mais unha maneira de entender a realidade do meu país e a miña pertenza a el", explicou en decembro de 2001 a Miguel Anxo Fernán Vello e Francisco Pillado Maior.

Esa reflexión fai parte do segundo volume de conversas dos autores con Beiras, para o que escolleron o título A estrela na palabra, (Laiovento/Espiral Maior, 2004), envolvendo o entrevistado nos célebres versos de Curros Enríquez e con eles, sinalándoo coma ponte entre o galeguismo histórico e a política galega naquel inicio do século XXI. Tamén coma un líder nato, como unha persoa lúcida e sinalada, como antónimo da indiferenza.

Beiras, nun cartel como candidato do Bloque-PSG, nunha comparecencia como líder de Anova e encabezando o BNG nas eleccións galegas de 1997 CC-BY-NC-SA CCG | Anova | BNG

"Durante moitísimos anos -resaltaban- Xosé Manuel Beiras foi o principal artífice de que milleiros de homes e mulleres soñasen outra Galiza posíbel". A mesma "pola que xa loitaran" Bóveda, Otero Pedrayo, Casal... Ou o propio Castelao, con quen este 8 de outubro de 2026 emerxeron as comparanzas, as máis delas con xustiza e precisión, para despedir a Beiras no seu pasamento.

Beiras protagonizou conversas oceánicas, como a súa propia figura política e persoal. Autor de discursos de innumerables referentes intelectuais, alleos ao tirapuxa curto, que desbordaban as lóxicas partidarias, lexislativas ou procedimentais

Beiras marcha fisicamente aos 90 anos. Gustáballe dicir que el nacera coa Fronte Popular, aquel artefacto político que na que foi fin da II República coseu as esquerdas e o galeguismo co fío do antifascismo. Alianzas amplas pola esquerda e o país foron as que procurou, contribuíu a tecer e liderou nas súas múltiplas vidas políticas. Con disxuntivas, con eleccións, con erros, con acertos.

"Eu nazo por segunda vez entre 1981 e 1982", ilustraba no devandito libro para explicar como se implicara no proceso para fundar o BNG. Propuxéranllo despois do seu "descenso aos infernos", os anos da súa profunda depresión tras o fracaso político do Partido Socialista Galego (PSG) que nunca ocultou, todo o contrario. Tamén niso Beiras foi diferente e pioneiro, falando ás claras da súa saúde mental, do naufraxio político e persoal e do seu posterior retorno e renacemento.

Xosé Manuel Beiras, intervindo nun pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

Aquelas foron conversas oceánicas, como a propia figura de Beiras. Política, intelectual, persoal e mesmo esteticamente inacabable. O líder que cando accedía á tribuna do Parlamento, nos segundos que destinaba a pousar o reloxo ou axustar os papeis e os lentes xeraba unha atmosfera imposible de desatender antes de abordar discursos que non eran para todos os públicos nin para unha conxuntura de tirapuxa curto. En cada consideración ligaba o país co mundo, apoiábao nos seus innumerables referentes intelectuais e proxectábao cara ao futuro sen desatender a crítica dura nin o humor.

O Beiras que se indignaba con todo o que interpretaba como inxusto aquí e alá era o mesmo home entrañable na distancia curta, acolledor, agarimoso, retranqueiro e leal. Que nunca esquivou o conflito, pero procurou a irmandade

O presidente que non foi desbordaba as lóxicas partidarias, lexislativas ou procedimentais. O seu era outra cousa. Unha cousa superior. E era consciente diso. Asolagaba o hemiciclo, a compostelá Praza da Quintana ou as aulas da Universidade de Santiago nas que tamén loitou, ensinou e, sobre todo, fixo máis amplos os horizontes intelectuais de moitas xeracións universitarias ás que teimou en vencellar con infinitas causas, dende os dereitos dos desposuídos á pugna por unha Galicia dona de si. Aos que gababa afirmando que entendían mellor as súas explicacións en torno á economía galega que os conselleiros de Fraga cos que lle tocaba confrontar.

Non foron poucos os intentos por caricaturizar a Beiras. Un deles fíxoo seu, converténdose en "usurpador cordial" da figura d'O señorito da Reboraina de Otero Pedrayo para lle dar a volta con retranca a quen a esquerda e dereita lle afeaban as súas orixes burguesas. E con elas, ao seu coñecemento de idiomas, aos seus estudos na Sorbona ou mesmo os seus dotes para tocar o piano, aspecto que por algún motivo Alberto Núñez Feijóo considerou boa idea reprocharlle cando o tivo enfronte nas urnas e no Parlamento.

Beiras agarima a Martiño Noriega nun acto de Anova Dominio Público @Anova_irmandade

Nese terreo da caricatura con brocha gorda entraban tamén os sinalamentos de Beiras como home iracundo ou desagradable ao trato, especialmente acusados cando estivo máis preto de chegar a liderar politicamente o país. Para dar en crelos, non obstante, condición indispensable era non telo tratado nunca. O Beiras que se indignaba con todo o que interpretaba como inxusto aquí e alá era o mesmo home entrañable na distancia curta, acolledor, agarimoso, retranqueiro e leal. Que nunca esquivou un conflito, pero que procurou a irmandade. A irmandade desa estrela que, explicaba Pillado Maior, quería ser "semente de futuro".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.