Múltiples mostras de afecto e valoración da súa figura histórica tras o pasamento de Beiras

Xosé Manuel Beiras durante unha entrevista con Praza.gal CC-BY-SA Tingaralanga

Os principais líderes políticos e figuras da sociedade galega están a amosar o seu pesar pola morte do político e intelectual, que será despedido este venres no Museo do Pobo Galego

A morte de Xosé Manuel Beiras, aos 90 anos, está a provocar numerosas mostras de condolencias e valoracións da súa figura humana e política. Antes da súa despedida pública, nunha sala que se abrirá este venres 9 de outubro ás 12.00 horas no Museo do Pobo Galego, onde ás 16.00 horas haberá un acto de homenaxe, figuras da política e de toda a sociedade galega están a comunicar o seu pesar a familia e achegados polo falecemento dun home que marcou as últimas décadas da historia galega. 

Martiño Noriega, o seu principal discípulo, apoio, médico e mesmo "irmán", despediu a Beiras nas redes sociais cualificándoo como "o noso Comandante sen exército para unha revolución" que agora "marcha paseniño" polos "rueiros da nosa historia". 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha primeira valoración, salientou a "gran pegada" que Beiras deixa "en varias xeracións de galegos e galegas, entre as que me inclúo". Pontón di que foi "referente de coraxe, compromiso e amor por Galiza" cun "lugar para sempre no corazón e na historia do Pobo galego". Tamén o BNG como formación salientou a Beiras como "figura fundamental" na "propia historia do BNG".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou que Beiras "marcou as últimas décadas da vida política de Galicia e intentou aportar o mellor de si mesmo, sen deixar a ninguén indiferente". "Todo o meu afecto á súa familia. O nacionalismo galego perde, sen dúbida, un referente", engadiu en redes sociais.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, considera a Beiras "unha das grandes figuras da política galega, cunha pegada fonda na historia do noso país, un intelectual comprometido, cunha vos propia, crítica e sempre inconformista" ao que di unido por "unha visión socialista do mundo e a convicción de que non hai progreso para Galicia sen xustiza social".

Desde Anova, o seu partido, saliéntase que "o Beiras tivo mil vidas e, en cada unha delas, deixou unha profunda pegada, non só en quen o rodeaba senón en todo un país". "Desobediente e eterno, o noso camarada e irmán deixounos esta noite máis orfos, mais coa absoluta certeza de que a vida haina que loitar cada día, dende a dignidade e sempre ollando aos lados para alentar a quen nos acompaña. Descansa, Xosé Manuel, que seguimos nós", di a formación política. 

Antón Sánchez, outro dos seus principais discípulos políticos, considera que o seu "referente", "mestre" e "irmán" deixa "un baleiro imposible de encher" pero que a historia "resérvalle un sitio sobranceiro entre os loitadores ao servizo dunha Galiza liberada e dun mundo máis xusto".

Desde fóra de Galicia tamén chegan pésames: Pablo Iglesias, Yolanda Díaz ou Arnaldo Otegi son outras das moitas persoas que veñen amosando o seu recoñecemento pola figura e a persoa de Beiras.

[Información en ampliación]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.