Repasamos as obras que o propio Beiras publicou na súa intensa traxectoria e as que outros lle dedicaron. Textos polas que pasa a política, a análise económica e os cambios sociais de Galicia das últimas décadas, páxinas nas que agroma a rebeldía, a desobediencia, as chamadas á acción. O legado en palabras de Xosé Manuel Beiras
Sempre que morre unha persoa, de seguro que lle quedaron cousas por dicir, sobre todo por escrito; textos nos que se pode rastrexar a súa voz e o seu pensamento. No caso de Beiras hai que recoñecer que nos legou un amplísimo corpus de obras, publicadas durante décadas, nas que foi deixando a súa visión sobre a política, a economía ou os cambios sociais de Galicia e do resto do planeta. Nestes libros recolléronse artigos xornalísticos, discursos parlamentarios e achegas en obras colectivas sobre moi diversos asuntos.
Podemos seguir e recuperar o seu pensamento, máis ou menos esperanzado ou pesimista, pero sempre desobediente, sempre radical, indo á raíz dos problemas, sempre estratéxico, indo alén dos movementos máis inmediatos.
A estes textos sobre o sucesivo acontecer persoal e colectivo ao longo da súa traxectoria hai que unir os que foi producira, sobre todo nas primeiras décadas, o Beiras economista e académico, dende os tempos da Revista de Economía de Galicia. Neste senso, falar do Beiras presente nos libros é falar, inevitablemente, do seu O atraso económico de Galicia, publicado por Galaxia en 1973 e que contou con novas edicións nos anos 1981, 2005 e 2020, estas dúas últimas en Laiovento xa como O atraso económico da Galiza.
Falar do Beiras presente nos libros é falar, inevitablemente, do seu O atraso económico de Galicia, publicado por Galaxia en 1973
O atraso... non foi o primeiro ensaio económico de Beiras. Ademais de traballos máis específicos, publicara libros como El problema del desarrollo en la Galicia rural (Galaxia, 1967) ou Estructura y problemas de la población gallega (Banco del Noroeste, 1970). Pero O atraso... acadou outra dimensión como texto holístico sobre a realidade económica e social do país e as súas causas, polo seu éxito e impacto inmediato e porque nel se recollen as influencias teóricas e políticas que Xosé Manuel Beiras fora acumulado nos anos precedentes, lecturas de Albert Memmi, Frantz Fanon, Robert Lafont que o van levando a unha perspectiva de Galicia como territorio marcado polo colonialismo interno.
O máis interesante do libro, con todo, son as posteriores actualizacións que o propio Beiras vai facendo do mesmo, adaptando a súa análise ás sucesivas transformacións que nas décadas seguintes vai sufrindo o país. Así, xa na segunda edición de 1981 o autor escribe no seu limiar que “se hoxe conquerira arrecadar os folgos pra escribir outra volta encol do tema, non escribiría un atraso, escribiría A espoliación da Galiza”. E na cuarta edición, publicada en 2020, Beiras escribe: “Morfolóxicamente, todo mudou entre a Galiza que eu tentei retratar hai cinco decenios e a de arestora. Haberá quen pense que para millor -feliz el. Certamente, o atraso, como síndrome da nosa realidade social, é sen dúbida pasado”.
O Beiras que podemos reatopar nos libros está, esencialmente, nas obras publicadas por Laiovento, a editorial creada en 1991 por un grupo de persoas -entre elas o propio Xosé Manuel Beiras-
Mais engade “a patoloxía subxacente que se manifestaba daquela na realidade ostensíbel en forma de atraso, foi erradicada? Ou só mudaron as formas en que se manifesta na superficie do noso corpo social? Foron erradicadas as causas das nosas graves doenzas, ou só mudaron os síntomas?”. E conclúe: “no cerne da cuestión: deixou Galiza de ser unha colonia interna da formación capitalista española, ou simplesmente pasou a ser tal a respeito da Unión Europea, e o Estado Español un ‘protectorado’ dela?”. Unha idea, a do “espolio”, que detalla no texto As veas abertas de Galiza, incluído nesta derradeira reedición e na que parafrasea o título da obra do seu amigo Galeano.
O Beiras que podemos reatopar nos libros está, esencialmente, nas obras publicadas por Laiovento, a editorial creada en 1991 por un grupo de persoas -entre elas o propio Xosé Manuel Beiras, canda a Manuel González Millares, Xesús Couceiro (presidente, na actualidade), Afonso Ribas Fraga, Pepe Carreiro e Francisco Pillado- e que foi dirixida durante anos polo propio Pancho Pillado ata que en 2014 este abandonou esta función.
Neste caso, dous libros son fundamentais: Por unha Galiza liberada e as Prosas de combate e maldizer. Tamén as entrevistas en profundidade que en varias ocasións lle realizaron dúas persoas que sempre estiveron moi próximas, como Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán-Vello
Neste caso, dous libros son fundamentais: Por unha Galiza liberada (publicado inicialmente por Xerais en 1984 e reeditado por Espiral Maior en 2008 como Por unha Galiza liberada e novos ensaios) e as Prosas de combate e maldizer (publicado por Laiovento en 1991, cunha reedición en 2020). Na segunda edición das Prosas..., Beiras bota a vista atrás e enlaza co tempo presente as reflexións que facía nos inicios da década dos 90 do pasado século: “Se naquel contexto era eu ás veces tan crítico e mordaz, como tería que o ser hoxe fronte ao brutal proceso de involución en curso, tal como se a historia dese en camiñar a recú”. E cita, entre outras catástrofes, a “emerxencia de metamorfoses varias do fascismo no centro do sistema-mundo”, a “redución da cidadanía ao rol de inerme súbdita de voraces poderes oligárquicos” ou a “putrefacción do malnacido réxime do setenta e oito, con golpistas no cumio do poder xudicial”.
Tamén as entrevistas en profundidade que en varias ocasións lle realizaron dúas persoas que sempre estiveron moi próximas, como Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán-Vello. Estas conversas publicáronse en A nación incesante (Laiovento e Espiral Maior, 1989) e tamén en A estrela na palabra (Laiovento e Espiral Maior, 2004). Nestas dúas obras Xosé Manuel Beiras debulla co vagar dunha conversa entre amigos a súa visión sobre o momento daquela presente, os cambios políticos mundiais que precederon á caída do bloque socialista ou as transformacións sociais no cambio de século e milenio.
Igualmente interesante resulta a lectura de O estado da Nación, que recolle os discursos de Beiras no Parlamento de Galicia durante os debates de política xeral
Igualmente interesante resulta a lectura de O estado da Nación (Laiovento, 1996, cunha segunda edición aumentada en 2001), que recolle os discursos de Beiras no Parlamento de Galicia durante os debates de política xeral nos que durante anos confrontou a visión de país do nacionalismo de esquerdas á que ofrecía Manuel Fraga e o Partido Popular nestes mesmos debates.
Ou o posterior ensaio O proxecto común da nación galega (Laiovento, 2016), no que Beiras analiza -con pesimismo- o momento político: “ando un algo entristecido por todo o que está a acontecer arredor de nós. Para vencer o desánimo, teimo en tentar comprendelo”. O libro recollía en parte artigos publicado por el no Galicia Hoxe entre os anos 2005 e 2011.
Tamén atopamos a Beiras en obras colectivas (homenaxes a Avilés de Taramancos ou Marcos Valcárcel) e tantos e tantos limiares, comezando polo prólogo á novela Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras e rematando -por destacar só un par deles- polo que encabezaba A Galicia Posible, do tamén recentemente finado Carlos Mella, a quen definiu como “un paisano sabio”.
Beiras nos libros doutros
Dous dos libros máis recentes sobre Beiras exploran os seus anos mozos, o seu tempo de formación humana e política. Moi especialmente Un socialismo propio: o cooperativismo no Beiras mozo
Son moitas as páxinas escritas por Beiras, que se engaden á pegada que o intelectual e político deixou en obras doutros autores, dende Os anos escuros de Xosé Luís Franco Grande -no que podemos seguir os anos universitarios de Xosé Manuel- ata Un longo e tortuoso camiño de Xosé Ramón Quintana Garrido, que percorre a evolución seguida polo BNG ata o ano 2009, con amplo protagonismo de Beiras.
Dous dos libros máis recentes sobre Beiras exploran os seus anos mozos, o seu tempo de formación humana e política. Moi especialmente Un socialismo propio: o cooperativismo no Beiras mozo (Companha editora, 2025) de Carlos Calvo Varela, que recupera os textos publicados na Revista Galega de Economía e que, seguindo as influencias que recentemente viñera recollendo, propugnaban un cooperativismo de base agropecuaria inspirado no modelo danés como alternativa propia para Galicia.
E, igualmente, Unha historia mínima do Partido Socialista Galego (Companha editora, 2025), de Millán Fernández, que repasa a historia do partido fundado entre outros por Beiras en 1963 e ata o ano 1981. Neste caso a obra, que conta cun limiar do propio Beiras, percorre os debates internos e transformacións ideolóxicas da formación, tanto nos anos da clandestinidade coma durante o proceso de Transición.
Retratos de ida e volta
Beiras foi retratado e tamén retratou. Hai catro anos publicouse Retratos en fite. un conxunto de textos nos que Beiras deixou a súa “moi persoal evocación de persoas coas que eu tivera trato de amizade ou camaradaxe, ou relación dalgún xeito discipular, no decurso da miña vida
Beiras foi homenaxeado no ano 2011 no libro Á beira de Beiras. Ensaios e apuntamentos (Galaxia), unha obra coral na que colaboraron Xosé María Álvarez Cáccamo, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Justo Beramendi, Fermín Bouza, Eduardo Galeano, María Pilar García Negro, Fernando González Laxe, Margarita Ledo Andión, Xoán López Facal, Ramón Máiz, Carlos Mella, X. L. Méndez Ferrín, Teresa Moure, Camilo Nogueira ou Ramón Villares, entre moitos outros e outras.
Beiras foi retratado e tamén retratou. Hai catro anos publicouse Retratos en fite (Laiovento, 2022), un conxunto de textos nos que Beiras deixou a súa “moi persoal evocación de persoas coas que eu tivera trato de amizade ou camaradaxe, ou relación dalgún xeito discipular, no decurso da miña vida”. Foron escritos ao longo de varias décadas, por encargo ou por desexo, e neles aparecen moitas persoas que compartiron espazos vitais, políticos, académicos ou sociais con Xosé Manuel Beiras ou que, anteriores a el, foron importantes como referentes. Neste libro que toma como referentes o Libro dos amigos de Ramón Otero Pedraio ou os Retratos de esguello de Luis Seoane temos textos sobre Isaac Díaz Pardo ou Camilo Nogueira, Pancho Pillado ou Manolo Caamaño, Lidia Senra ou Xoana Torres, Ricardo Carvalho Calero ou Martiño Noriega.
Unha “excepcional cultura humanística”
E habería que falar tamén das súas traducións, comezando por Camus, Anouilh, Sartre ou Benjamin Constant. Pero tamén de Michael Löwy ou Edgar Morin
E habería que falar tamén das súas traducións, comezando por Camus (Os xustos, Calígula, Catro cartas a un amigo alemán...), Anouilh, Sartre ou Benjamin Constant (Adolphe, Laiovento, 2020). Pero tamén dos textos en francés de Michael Löwy (Patria ou Terra Nai? Ensaios sobre a cuestión nacional. Laiovento, 1999) ou o Espertemos de Edgar Morin (Laiovento, 2022). Neste último texto, un dos volumes que publicou Xosé Manuel Beiras como autor ou tradutor, Morin enceta unha reflexión sobre a incerteza que domina o momento actual e -citando a Ortega y Gasset- escribe “non sabemos o que nos está a pasar e iso é precisamente o que nos está a pasar”. “Que nos pasa? A nosa impericia provén dunha miopía con respecto a todo o que vai máis alá do inmediato? Dunha percepción imprecisa? Dunha crise de pensamento?”, escribe o filósofo e sociólogo francés finado o pasado mes de maio, preguntándose “Como navegar nun océano de incerteza?”, interrogantes que de seguro dominaban tamén o pensamento de Xosé Manuel Beiras nestes últimos anos.
Esperanza Mariño afondou no Beiras literario e tradutor en Fíos de transparencia acesa (Laiovento, 2025), un ensaio que percorre os textos narrativos (e mesmo poemas!) publicados polo autor xa dende finais dos anos 40, con apenas 12 anos, unha mostra -pola variedade das achegas e temas tratados- da “excepcional cultura humanística” de Xosé Manuel Beiras.
A desobediencia
A traxectoria de Beiras estivo marcada pola rebeldía, pola insubmisión, pola desobediencia. En exhortación á desobediencia, fai explícita esta idea nunha obra que compila artigos xornalísticos publicados nos anos anteriores, ademais de incorporar novos textos nacidos no ronsel dos efectos da crise económica da Gran Recesión e á calor do 15-M
A traxectoria de Beiras estivo marcada pola rebeldía, pola insubmisión, pola desobediencia. En exhortación á desobediencia (Laiovento, 2013), Beiras fai explícita esta idea nunha obra que compila artigos xornalísticos publicados nos anos anteriores, ademais de incorporar novos textos nacidos no ronsel dos efectos da crise económica da Gran Recesión e á calor do 15-M e das acampadas nas prazas.
Beiras estivo nesas prazas -colaborou neses anos no libro colectivo 15-M: O pobo indignado (Laiovento, 2011) e os seus chamamentos á mobilización encaixaron nesa cidadanía indignada que tamén seguía a referentes como Stéphane Hessel ou o bo amigo de Beiras José Luis Sampedro. “Non abonda pois cunha simple alternativa política partidaria. Cómpre un movemento, non un partido, un proceso de mobilización da cidadanía do común, unha nova cultura política que practique a indignación e a desobediencia”, reclamaba Beiras nesa obra. Unha “rebelión cívica organizada como pobo e como motor da emancipación cara a una creba democrática co réxime existente”.
Rebelión, desobediencia, a mesma que lle recoñeceu e enxalzou Eduardo Galeano no retrato que fixo del:
A primera vista parece un león.
Y es.
Pero tiene la delicadeza del ciervo,
la paciencia del gato,
la lealtad del perro,
la solidaridad de las aves, que se ayudan en el vuelo,
el sentido del honor del toro de lidia, que se crece en el castigo,
y la inteligencia de los raros hombres que dan prestigio a la condición humana.
Gallego tenía que ser.
Queríamos felicitarlos por este reciente homenaje a la desobediencia. Es más que nunca necesario reivindicar, una vez más y mil veces la multiplicación de las puertas que nos conducen a la diversidad y a la libertad.