Cuberto coa bandeira galega deseñada por Castelao e co seu sombreiro, Beiras é despedido no Museo do Pobo Galego por milleiros de persoas que salientan o humano por riba do político
Un aplauso ininterrompido de 18 minutos de duración, desde que o cadaleito saiu pola porta do Museo do Pobo Galego ata que o coche fúnebre arrancou con destino ao cemiterio de Boisaca, foi a despedida que milleiros de persoas deron na tarde deste venres a Xosé Manuel Beiras. Foi unha manifestación popular masiva que para os que viviron a primeira lembrou, esta vez con máis xente, a chegada dos restos de Castelao en 1984 ao Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, daquela condicionada pola forte presenza policial. Desta volta non houbo cargas senón apertas e bágoas, e berros sobre os aplausos: "Galiza ceibe, poder popular" ou "Beiras, amigo, o pobo está contigo".
Homenaxe e despedida popular a Beiras
-
Miguel Anxo Fernán Vello no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Goretti Sanmartín no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Gerardo Pisarello na súa intervención no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Ánxel Huete na súa intervención no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Martiño Noriega na súa intervención no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Martiño Noriega no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Ricardo Beiras no acto de homenaxe ao seu pai no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Familiares e amizades no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Amizades e compañeiros de militancia no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Amizades e compañeiros de militancia no acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
O himno de Galicia pechou o acto de homenaxe a Beiras no auditorio do Museo do Pobo Galego -
Ducias de persoas seguiron o acto de homenaxe a Beiras no auditorio dende o claustro do Museo do Pobo Galego -
O cadaleito de Beiras sae do auditorio do Museo do Pobo Galego -
O cadaleito de Beiras sae do auditorio do Museo do Pobo Galego -
Centos de persoas agardan na rúa o cadaleito de Beiras -
Centos de persoas agardan na rúa o cadaleito de Beiras -
Centos de persoas agardan na rúa o cadaleito de Beiras -
Camilo Nogueira tamén se achegou a despedir a Beiras -
Ana Pontón ao pé do coche fúnebre co cadaleito de Beiras
A xornada deste venres comezou a poucos metros de onde repousan os restos de Castelao, coa bandeira que el deseñou co lema "Denantes mortos que escravos" cubrindo o cadaleito de Xosé Manuel Beiras, instalado no auditorio do Museo do Pobo Galego. Sobre a caixa, tamén, o seu sombreiro e un ramo de cravos vermellos. A un lado, unha coroa de rosas brancas co lema "Bo e xeneroso". Esa era a escena no lugar elixido pola familia para facilitar a ese pobo o seu adeus a Beiras. A pouco máis dun par de paredes do Panteón.
Ás doce do mediodía abriuse ao público a sala e por alí comezaron a pasar todo tipo de persoas. Amalia e Virginia, dúas veciñas da súa casa da Reboraina, en Brión, e ao pouco dúas Anas, Pontón e Miranda, a líder do BNG e a súa eurodeputada. "Era unha gran persoa, axudaba no que podía", valoraban as primeiras, mentres as segundas dicíanse "co corazón encollido" pola perda. E así, centos e centos de persoas que ían pasando polo edificio compostelán a carón de Bonaval.
Unha longa ringleira de persoas foi deixando flores e flores unidas aos ramos ou coroas chegados de todo tipo de entidades políticas ou sociais
"Viviu 90 anos, unha vida plena, agora que descanse e atope nesta alba de gloria o camiño a onde quedará como unha estrela para sempre", dicía Encarna Otero, veciña como el de Santiago, amiga de varias xeracións da familia dun "compostelán universal", como tamén salientaba a alcaldesa, Goretti Sanmartín, satisfeita "co privilexio de compartir anos con el".
Dentro da sala, a familia de Beiras e os amigos máis achegados recibían apertas de coñecidos e descoñecidos ao final dunha longa ringleira de persoas que ían deixando flores e flores que se unían aos ramos ou coroas chegados de todo tipo de entidades políticas ou sociais.
Adeus a Beiras
-
Cidadanía ás portas do Museo do Pobo Galego na despedida de Beiras -
Ana Pontón e Goretti Sanmartín na despedida de Beiras -
O ex-presidente da Xunta Fernando González Laxe na despedida de Beiras -
Henrique Monteagudo e Víctor Fernández Freixanes, presidente e ex-presidente da Real Academia Galega, na despedida de Beiras -
Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura Galega, na despedida a Beiras -
Emilio Pérez Touriño, ex-presidente da Xunta, na despedida a Beiras -
José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, na despedida a Beiras -
Paula Prado, José López Campos e Valentín García, na despedida a Beiras -
Camilo Nogueira, na despedida a Beiras -
Abel Caballero, Carmela Silva e David Regades, na despedida a Beiras
Polo Museo do Pobo Galego foron pasando este venres os ex-presidentes da Xunta Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, os dous alumnos de Beiras en Económicas, ao igual que o alcalde de Vigo e antigo contrincante electoral, Abel Caballero; o tamén histórico do nacionalismo galego Camilo Nogueira; os líderes de BNG e PSdeG, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro; a número 2 do PPdeG, Paula Prado, acompañada polo conselleiro de Cultura, José López Campos, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García; os presidentes da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo e Dolores Vilavedra; Jesús Palmou, ex-conselleiro de Presidencia e Xustiza con Fraga. Non estiveron nin o actual o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nin o anterior, Alberto Núñez Feijóo, que non se pronunciou en público sobre a morte de Beiras.
Á saída do cadaleito de Beiras do Museo do Pobo Galego milleiros de persoas o despediron cun aplauso de 18 minutos, o que tardou o coche fúnebre en arrancar cara ao cemiterio de Boisaca
Tras o desfile de centos de persoas durante catro horas, ás catro da tarde deu comezo un acto de despedida, algo menos dunha hora, no que interviron brevemente diversas amizades e acompañantes de Beiras ao longo dos seus 90 anos: Ánxel Huete, Encarna Otero, Luís Soto, Gerardo Pisarello, Martiño Noriega ou Goretti Sanmartín foron deixando diversas lembranzas sobre o falecido. Rematou o acto Ricardo Beiras, un dos dous fillos, xunto con Daniel, xusto antes de que soasen Alfonsina y el mar, o tema que Beiras tocaba á súa Aurichu, e o himno galego. Un himno cantado por todos os presentes no que soou ben forte o "nazón de Breogán" e que ao rematar foi seguido de berros de "Galiza ceibe, poder popular".
A continuación, o cadaleito foi sacado ao son da Marcha do Antigo Reino de Galicia en medio de aplausos polos ateigados corredores do Museo do Pobo Galego. E, ao saír pola porta do edificio, milleiros de persoas congregadas no exterior extenderon o aplauso durante 18 minutos, o que tardou o coche fúnebre en arrancar cara ao cemiterio de Boisaca. Alí repousa xa un dos bos e xenerosos.