Sería posible construír unha historia da política galega a través dos hoteis composteláns. Dende os traballos de redacción do primeiro Estatuto nos anos 30 do século pasado aos Pactos do Hostal. Dende os acordos que desaloxaron a Alianza Popular da Xunta a finais dos 80 ata o primeiro pacto de coalición de esquerdas entre PSdeG e BNG en 2005. Da fundación de diversas forzas políticas a escisións dunhas cantas.
Nunha "emocionante" conversa de "reencontro", Pontón agradece a "contribución ao cambio" que supón o apoio de Anova ao BNG nun contexto no que "moi poucos votos" poden decantar a presidencia, advirte
O histórico Hotel Compostela é un deses hoteis que servirían para contar a historia política do país polos acontecementos e xuntanzas que acolleu durante case un século. Na última década e media, por exemplo, foi escenario dalgúns dos movementos posteriores á dolorosa escisión do BNG en 2012. E este 9 de febreiro acolleu un acto que, en boa medida, pecha ese círculo con Ana Pontón, Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega compartindo escenario ante un gran logotipo do Bloque e o lema da campaña da formación soberanista para o 18F.
Despois de que, a mediados do pasado xaneiro, Beiras e Noriega ratificasen xunto a Pontón o apoio de Anova ao BNG e pechasen así, en boa medida, as feridas abertas dende 2012, os tres puxérono en práctica cun acto preelectoral conxunto, convocado polo Bloque e Anova en forma de conversa conducida pola xornalista María Obelleiro, directora de Nós Diario. Ante unha sala ateigada por persoas que, en boa medida, apoiaran siglas distintas en anteriores convocatorias electorais, Pontón acolleu con "emoción" un momento de "reencontros" centrado en boa medida en apelar á mobilización de "todo o voto que queira cambio" en verbas da candidata.
Beiras apela ao "pobo que leva loitando moito tempo" en diversas mobilizacións. "Hai que ir votar, que ninguén pense que o seu voto non é importante, é decisivo" se se "concentra" no Bloque. "O nerviosismo do PP é directamente proporcional á posibilidade real de cambio", mantén Noriega.
"Este é un pobo que leva loitando moito tempo", evocou Beiras antes de citar diversas protestas cidadás do presente e do pasado. "Quen se mobiliza" debera agora "concentrar o voto na única alternativa" creada no propio país, "unha organización que é máis que unha organización". "Hai que ir votar, que ninguén pense que o seu voto non é importante, é decisivo" e "sería tristísimo", coida, que "a xente que pensa que hai que defenderse" non optase polo BNG.
"Moi poucos votos -advirte Pontón- poden facer que a balanza caia para un lado ou para outro". En boa medida, agrega Noriega, a iso se debe o "nerviosismo" do PP. "O seu nerviosismo é directamente proporcional á posibilidade real de cambio", sinala o ex-alcalde de Santiago porque o BNG, advertira previamente Pontón, "está disputando a presidencia" e "se alguén ten dúbidas, observen a TVG, que ata inventa noticias para atacarnos". "Sorride -animou- porque iso quere dicir que a campaña vai moi ben".
A situación dos medios públicos de comunicación ás portas do venres negro número 300, a ausencia de Alfonso Rueda nos debates electorais propostos por RTVE e a Cadena SER ou a situación da sanidade pública foron algúns dos asuntos abordados nunha conversa que Pontón agradeceu pola "contribución ao cambio" de Beiras e Noriega. "Xogámonos moito máis que un goberno, xogámonos como van ser as nosas vidas e Galiza na próxima década", sinala a líder do Bloque.