Sánchez pide perdón polos "indicios moi graves" de corrupción e "eleccións non vai haber ata 2027"

Pedro Sánchez, durante unha Executiva Federal do PSOE o pasado xaneiro CC-BY-NC-ND PSOE

O presidente do Goberno de España e secretario xeral do PSOE anuncia unha auditoría externa das contas do partido e unha reestruturación da súa dirección tras a dimisión de Cerdán, cuxa marcha asegura que el mesmo lle esixiu: "Non debemos confiar nel"

"Pedir perdón á cidadanía" polos "indicios moi graves" de corrupción que atinxen a quen ata este xoves era número tres do PSOE, Santos Cerdán. Foi a primeira mensaxe trasladada este xoves polo secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno de España tras as conversas reflectidas nun informe da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil que implica o ata agora secretario de organización do partido na xestión de supostas comisións ilegais por adxudicacións de obras públicas na etapa de José Luis Ábalos como ministro de Transportes en conivencia co ex-asesor Koldo García.

Tras coñecer a súa imputación polo Tribunal Supremo e aceptar declarar de xeito voluntario, Cerdán comunicou a súa dimisión tanto do cargo no partido como do escano no Congreso. Pedro Sánchez, con xesto grave e visiblemente afectado, asegura que foi el mesmo quen lle pediu a dimisión a alguén de cuxa "integridade" estaba "convencido" ata "esta mañá", momento no que, asegura, coñeceu o devandito informe. "Non debemos confiar nel", laméntase

Santos Cerdán, ex-secretario de organización do PSOE, xunto a Pedro Sánchez e outros cargos nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA PSOE

"Neste mundo non existe a corrupción cero, pero si debe existir a tolerancia cero cando se produce", declarou Sánchez en conferencia de prensa na sede federal do PSOE, formación para a que anuncia dúas decisións. A primeira, que a remuda de Cerdán no posto clave da secretaría de organización virá acompañada dunha "reestruturación" da Executiva federal, o órgano directivo que el mesmo preside. A segunda, que encargará "unha auditoría externa sobre as contas" do partido.

Sánchez desbota impacto do caso no Executivo e diferénciao do "asedio" que, di, sofre por "multitude de cuestións que nada teñen que ver coa realidade"

Asegura sentir Sánchez unha "enorme indignación e profunda tristura" ao "ver que todo un proxecto político se poida ver afectado pola conduta duns poucos" e por extensión, salpicar os "avances sociais" que, resalta, tenta impulsar nun Goberno de España que, advirte, non se verá afectado por esta cuestión. Por ese motivo, a preguntas da prensa, desbota unha crise que implique remudas masivas no Executivo central e frea calquera posibilidade de adiantar a fin da lexislatura: "Convocatoria electoral non vai haber ata 2027".

Neste sentido, Pedro Sánchez cre preciso diferenciar entre este caso e o "asedio" que, de maneira "bastante evidente" está "sufrindo" o Executivo central baseándose en "multitude de cuestións que nada teñen que ver coa realidade". "O Goberno e o PSOE, cando atopan inicios que poden ser substantivos e materia de causas xuiciais, actúa" mentres, "e parecerá o típico que se di", hai "outras organizacións que amparan e ocultan".

Comparecencia de Pedro Sánchez, na sede federal do PSOE este 12 de xuño, tras a dimisión de Santos Cerdán polo caso de suposta corrupción no que está implicado

Nunha situación coma esta, sinala o líder socialista, hai "tres responsabilidades políticas e asúmoas todas: actuar cando se coñece un feito desta gravidade", "colaborar coa xustiza e non entorpecela" e "trasladar as desculpas ás cidadanía" polos presuntos feitos cometidos por un secretario de organización do que "ata esta mañá consideraba veraces todas as explicacións".

As conversas de Santos Cerdán con Ábalos e Koldo García coñecidas este xoves, nas que se fala de pagamentos de varios centos de miles de euros, son para o maxistrado do Supremo instrutor do caso "consistentes indicios" da comisión de presuntos delitos. Ademais, este xoves tamén foron revelados por diversos medios mensaxes entre Cerdán e  García nas que o primeiro pedía presuntamente ao segundo que inchase a votación en favor de Sánchez nas primarias de 2014 nas que foi elixido por primeira vez secretario xeral do PSOE.

"O Goberno e o PSOE, cando atopan inicios que poden ser substantivos e materia de causas xuiciais, actúan, outras organizacións amparan e ocultan"

Sobre esta última cuestión, Sánchez desbota calquera irregularidade naquela primeira elección. A conversa revelada "fala de dous votos" sobre un censo dunhas 130.000 persoas nunha elección interna na que gañou, lembra, "por máis de 17.000 votos".

O PSdeG gaba a reacción de Sánchez

Tras a rolda de prensa de Sánchez, o PSdeG emitiu un comunicado no que quixo "destacar a maneira" na que o presidente do Executivo central "afrontou unha situación complexa, asumindo o erro de confianza, pedindo desculpas á cidadanía e adoptando as decisións necesarias no momento no que coñeceu todos os datos". 

"A rapidez na resposta e a firmeza nas decisións reflicten o compromiso do PSOE cos principios que sempre defendeu: honestidade, transparencia e responsabilidade pública", dixo o PSdeG, que cre que, "a diferenza doutros responsables políticos que adoitan agocharse ou buscar escusas", Sánchez "deu a cara desde o primeiro momento, asumiu o erro e tomou decisións no mesmo día".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.