1.308 cooperativas activas (un 3,2% máis que en 2015) que dan traballo a ao redor de cen mil persoas en Galicia e producen o 4,5% do PIB (e o 10% no conxunto de España). A Cidade da Cultura acolleu este venres unha xornada de difusión do cooperativismo, organizada por EspazoCoop -entidade nacida hai uns meses froito da unión de Ugacota, Ucetag e Sinerxia-. O evento buscaba poñer en valor as potencialidades desta fórmula empresarial que, segundo se salientou, "nos últimos anos experimentou un boom en Galicia".
A xornada foi inaugurada por Celso Gándara, presidente da Unión de Cooperativas EspazoCoop, e por Covadonga Toca, Secretaria Xeral de Emprego. A continuación, o escritor Suso de Toro realizou unha reflexión arredor do cooperativismo como factor de cambio social. A concelleira de Políticas Sociais de Santiago, Concepción Fernández, foi a encargada de clausurar a xornada, que foi tamén amenizada polas actuacións da compañía de teatro A Panadaría.
"Foi un dos sectores que mellor resistiu a crise, e o seu ritmo de crecemento non afrouxou coa recuperación", destacouse, engadindo que o conxunto da economía social en Galicia suma máis de7.000 entidades, integradas por 320.000 persoas. "Proba de que o cooperativismo está a ser unha alternativa de emprego durante a recesión é que, das 178 cooperativas creadas no últimos seis anos, 161 (o 90%) son empresas de traballo asociado, unha fórmula que se converteu en porta de acceso ao mercado laboral cando o autoemprego é case a única vía para ocuparse", explicaron os organizadores da xornada.
"As cooperativas distínguense doutras empresas pola súa achega á xeración de emprego estable, ao desenvolvemento humano e profesional das persoas que agrupan, á creación dun tecido social e empresarial eficaz e solidario, á cohesión social e a solidariedade nos territorios nos que actúan, á democracia na toma de decisións, ao fomento do concepto de responsabilidade social empresarial. En definitiva, son empresas que achegan solucións concretas a colectivos e a territorios", engadiron.
Presentación de EspazoCoop
O evento serviu tamén como presentación pública de EspazoCoop. Neste momento a entidade representa a 190 cooperativas, 1.142 socios/as traballadores/as, 340 socios/as consumidores/as e a 570 persoas contratadas, cunhas cifras de facturación que superan os 45 millóns de euros. Ademais das súas funcións representativas na defensa de dereitos e necesidades das cooperativas asociadas, mediante a presenza en distintas entidades e foros, EspazoCoop promove a difusión do cooperativismo e o coñecemento das empresas cooperativas, entre diferentes colectivos e na sociedade en xeral, realiza actividades formativas, proporciona servizos de asesoramento e de xestión para as cooperativas asociadas. Ademais, fomentamos "que as cooperativas aproveiten o espazo asociativo para a intercooperación entre elas, apoiando colaboracións para abrir novas oportunidades organizativas, comerciais e de traballo".
"A Unión de cooperativas Espazocoop aspira a ser a entidade de referencia no ámbito do cooperativismo galego, no marco da economía social e solidaria, con vocación de influencia na sociedade e de transformación social, consolidando os valores e principios cooperativos e colaborando na consecución dunha economía baseada na primacía das persoas, o desenvolvemento sostible e a responsabilidade social", salientan os seus responsables,