REAS Galicia, con 35 entidades socias, presentou a súa nova web e os resultados da auditoría social. Entre os datos destaca o peso das mulleres (ocupan o 72% dos postos de responsabilidade) e a aposta pola igualdade interna (a diferenza entre os maiores e menores soldos é só dun 23%)
A chamada economía social e solidaria (ESS) abrangue "unha serie de prácticas concretas para mudar as nosas relacións económicas desde o día a día" e as entidades que se adscriben a ela traballan a prol de principios coma o ecoloxismo, inclusividade, equidade ou a xustiza co obxectivo de "superar as desigualdades" e "transformar a sociedade", compartindo os valores recollidos na Carta de principios da Economía Social e Solidaria. En Galicia estas entidades están agrupadas en REAS Galicia (Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia), unha asociación sen ánimo de lucro que, na actualidade, conta con 35 entidades socias.
REAS Galicia vén de abrir unha nova páxina web, que recolle toda a información vinculada á Auditoría Social, aos resultados da súa campaña en Galicia e ás accións que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses. A Auditoría Social é unha ferramenta fundamental da Economía Social e Solidaria que permite ás entidades medir de maneira sistemática o seu impacto social, ambiental e de bo goberno. Trátase dun proceso voluntario de autoavaliación que reforza a coherencia interna e a rendición de contas cara á sociedade.
Participaron 24 entidades da Economía Social e Solidaria en Galicia, que realizaron unha análise en profundidade do seu funcionamento e das súas prácticas. Como novidade desta edición, as entidades recibiron o Selo da Auditoría Social, un distintivo que recoñece o esforzo realizado e permite visibilizar publicamente o seu compromiso cun modelo económico alternativo en coherencia cos ODS, xusto equitativo e sustentable.
Os resultados agregados da campaña amosan unha evolución positiva, "poñen de manifesto o impacto real da ESS galega" e a conforman como "un modelo económico sólido, coherente e en crecemento", destaca REAS
Os resultados agregados da campaña amosan unha evolución positiva, "poñen de manifesto o impacto real da ESS galega" e a conforman como "un modelo económico sólido, coherente e en crecemento", destaca REAS.
A diferenza salarial interna sitúase nun 1,23; o que significa que a persoa que máis cobra supera nun 23% á que menos cobra, unha cifra moi afastada das dinámicas habituais no ámbito laboral. Ademais, as entidades destinan de media un 14% dos seus beneficios a causas sociais e solidarias, reforzando o compromiso coa redistribución da riqueza.
No ámbito ambiental e de consumo responsable, a Auditoría Social revela que o 100% das entidades aplica criterios de consumo responsable na adquisición de bens e servizos, mentres que o 96% opera con finanzas éticas. Os datos refliten ademais que as mulleres representan o 61% das persoas traballadoras e o 51,3% das persoas voluntarias, e que ocupan o 72% dos postos de responsabilidade nas entidades auditadas