Este sábado 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca, unha iniciativa que dende 1997 promove a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil. Coincidindo con esta xornada, as bibliotecas galegas organizaron ao longo de toda esta semana unha ampla programación de actividades que, baixo o lema ‘Bibliotecas, sempre ao teu carón‘ destacan o papel fundamental que xogan ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera situación e moito máis en momentos de crise.
Xa durante a crise económica iniciada no ano 2008 as bibliotecas demostraron ser esenciais para moitas persoas e mesmo incrementaron o seu número de usuarios e usuarias a pesar de sufrir recortes de financiamento e persoal. Durante a primavera, a pandemia de coronavirus obrigou a pechar as instalacións durante varias semanas e, posteriormente, introducíronse importantes restricións de capacidade e amplas medidas de precaución para evitar contaxios. Todo un reto que as bibliotecas tiveron que superar para continuar cumprindo as súas funcións, básicas tanto nos barrios das cidades coma nas localidades de menos poboación, onde bibliotecarias e bibliotecarios desenvolven un papel esencial como dinamizadoras e dinamizadores culturais, a pesar das limitacións de medios, xa denunciadas en varias ocasións por Bamad-Galicia, a asociación de profesionais de arquivos, bibliotecas, museos e centros de documentación de Galicia. Falamos con Eugenio Gómez, vogal de bibliotecas de Bamad-Galicia.
"Non houbo coordinación entre todas as administracións implicadas para ofrecer unhas bases comúns. Iso levou a que cada bibliotecario, individualmente, tivese que elaborar o seu propio protocolo para enviar á súa administración"
Como afrontaron as bibliotecas galegas os últimos sete meses de pandemia, primeiro cun confinamento total que obrigou a pechar as instalacións e despois con medidas de restrición que aínda se manteñen?
Na primeira fase de confinamento total o labor máis importante das bibliotecas foi desenvolver a través das novas tecnoloxías os servizos que se ofrecían presencialmente. Por exemplo, trasladando ás redes sociais ou a retransmisións en streaming moitas das actividades culturais que habitualmente se desenvolven na bibliotecas, como charlas ou contacontos, tentando que non se notase moito a diferenza e sen deixar orfos os usuarios.
E na segunda fase o reto foi a necesaria adaptación dos postos de traballo, que foi onde notamos a maior deficiencia por parte das administracións, sobre todo por unha falta de coordinación. A pesar de que había protocolos feitos pola Xunta e polo Ministerio de Cultura, notamos unha falta de apoio por parte do Goberno galego. As bibliotecas forman parte dunha rede de bibliotecas públicas de Galicia, pero non houbo coordinación entre todas as administracións implicadas para ofrecer unhas bases comúns. Iso levou a que cada bibliotecario, individualmente, tivese que elaborar o seu propio protocolo para enviar á súa administración.
"Quero destacar a capacidade de resposta que tiveron os bibliotecarios e bibliotecarias na pandemia para ofrecer de forma dixital todos os servizos que se ofrecían habitualmente"
Como é agora o día a día nas bibliotecas?
As bibliotecas deben estar atentas a un gran número de cuestións: os aforos, contar con materiais de protección, asegurarse de que os usuarios poden desenvolver con seguridade a súa actividade diaria. E, en xeral, buscamos ofrecer os servizos sen que se noten estas dificultades e obstáculos. Quero destacar a capacidade de adaptación que teñen os bibliotecarios e bibliotecarias, a capacidade de resposta que tiveron na pandemia e o rápido que se puxeron a traballar e que se adaptaron á situación para ofrecer de forma dixital todos os servizos que se ofrecían habitualmente. Creo que é algo que puxo enriba da mesa o valor da nosa profesión, a pesar das deficiencias que poida haber pola falta de coordinación entre administracións ou pola falta de financiamento.
Esa falta de financiamento é algo que levades anos denunciando. Mellorou algo a situación?
Hai problemas que arrastramos dende a anterior crise e dos que aínda non nos recuperamos. Un deles é o descenso no financiamento, que se produciu a partir de 2010. A pesar de que este ano o orzamento dedicado pola Xunta aumentou un chisco, 40.000 euros, pero aínda non recuperamos o nivel que existía. Somos un servizo que é dos primeiros nos que se recorta e despois tamén é dos últimos en recuperar o nivel anterior.
"Hai problemas que arrastramos dende a anterior crise e dos que aínda non nos recuperamos. Un deles é o descenso no financiamento, que se produciu a partir de 2010"
Durante a última crise económica demostrouse que precisamente neses momentos de crise as bibliotecas eran aínda máis necesarias para moitas persoas, para garantir o seu acceso á cultura e á información. A pandemia de coronavirus e a posible crise económica que pode chegar están poñendo isto de manifesto outra vez?
Dende sempre se pensou na biblioteca como un servizo esencial e máis en situacións coma esta, de crise, onde hai moita xente que non ten acceso a determinados recursos. As bibliotecas son a súa porta de acceso á cultura, á información, ás novas tecnoloxías... Por iso durante os últimos meses era obrigatorio que abrísemos e que mantivésemos os mesmos servizos. Pero para poder facelo con seguridade é imprescindible contar cuns protocolos claros que garantan a seguridade do persoal, para que despois ese persoal poida ofrecer seguridade aos usuarios.
Estamos cumprindo as normas que establecen as autoridades sanitarias, pero sen deixar de cumprir a nosa función esencial. Durante o estado de alarma, coas bibliotecas pechadas, vimos ás portas de moitos centros a moitas persoas que estaban empregando a rede wifi da instalación, porque non tiñan acceso a internet na súa casa. Ese é un exemplo de ata que punto son necesarias as bibliotecas.
"Durante o estado de alarma, coas bibliotecas pechadas, vimos ás portas de moitos centros a moitas persoas que estaban empregando a rede wifi da instalación, porque non tiñan acceso a internet na súa casa. Ese é un exemplo de ata que punto son necesarias as bibliotecas"
Hai tres anos nesta entrevista Xoán Manuel Pérez Lijó, secretario de Bamad-Galicia, denunciaba que "en moitos lugares o bibliotecario ou bibliotecaria realiza labores de dirección (porque están sós ou soas) pero está contratado ou contratada como auxiliar de biblioteca"... Segue habendo falta de persoal nas bibliotecas?
O problema é que as bibliotecas municipais moitas veces son atendidas por unha soa persoa, que non ten a categoría profesional para o tipo de servizo que ofrece e que son mulleres (a maioría) e homes-orquestra. Teñen que facer de todo, ocuparse de todas as tarefas e atender todos os servizos que existen nunha biblioteca. Outro problema é que en moitas bibliotecas existe unha dotación de prazas que na práctica non se cobren: prazas que existen na RPT, están provisionadas nos orzamentos, pero non se ocupan. Iso fai que aumente a carga de traballo para o persoal.
"As bibliotecas municipais moitas veces son atendidas por unha soa persoa, que non ten a categoría profesional para o tipo de servizo que ofrece e que son mulleres (a maioría) e homes-orquestra"
Supoño que a situación é peor nos concellos pequenos...
Si, moito máis nos concellos pequenos. Ademais, en moitos deles (os que contan con biblioteca, porque hai moitos que non teñen este servizo) a poboación está moi dispersa, non hai un núcleo claro, polo que hai que facer un esforzo maior para chegar a toda a poboación á que teñen que dar servizo.
Houbo moitos peches de bibliotecas nos últimos anos?
Houbo algúns peches, pero hai que ter coidado cando se manexan estes datos, porque a estatística de referencia é a do INE, que presenta algúns erros, porque basicamente cando unha biblioteca non responde á carta que envían dáse a biblioteca por pechada, e non sempre é así. Non houbo unha gran redución de puntos de servizo nos últimos anos, aínda que durante a crise económica, dende o ano 2010, si que houbo un descenso, que se detivo a partir de 2017.
"As bibliotecas son moito máis que libros: son música, son cine, son actividades culturais..., e alí onde hai unha biblioteca, convértese nun centro dinámico e nun centro social"
Moitas persoas poden pensar nas bibliotecas unicamente como almacéns de libros, pero son moito máis. Primeiro, porque acollen en emprestan todo tipo de soportes culturais, pero tamén pola multitude de actividades que nelas se organizan, non si?
Exactamente. As bibliotecas sempre foron unha avanzadilla: sempre que había un novo soporte ou unha nova forma de acceso á cultura, aí estaban as bibliotecas para ofrecelo e dalo a coñecer. As bibliotecas son moito máis que libros: son música, son cine, son actividades culturais..., e alí onde hai unha biblioteca, convértese nun centro dinámico e nun centro social. Quizais o que máis costa é desterrar a idea de que as bibliotecas son só aulas de estudo. Debemos desterrar a idea do lugar onde só se vai ler, que tamén, pero son un lugar para ler a prensa, para escoitar música e para realizar actividades de dinamización cultural, dende obradoiros de robótica a contacontos.
"A cuestión non é que Internet che ofreza toda a información, senón que a fonte e a resposta que che dea sexan fiables. E aí é onde está o labor dos bibliotecarios"
Semella que agora temos en Internet toda a cultura do mundo e toda a información do mundo. E podería parecer que as bibliotecas como espazo físico e os seus e as súas profesionais son menos necesarias. Pero podemos dicir que é todo o contrario? Que precisamente porque hai un infinito de información, de obras e de fontes aí fóra é máis necesaria que nunca a función dos bibliotecarios e bibliotecarias? Sodes os mediadores e os ordenadores dese infinito?
Si, a cuestión non é que Internet che ofreza toda a información, senón que a fonte e a resposta que che dea sexan fiables. E aí é onde está o labor dos bibliotecarios e do resto de institucións da memoria -arquivos, museos... A de non só dar unha resposta, senón dar unha resposta adecuada a ti, que é fiable e que procede dunha fonte que non te vai enganar.