Galicia lidera o peche de bibliotecas no Estado na última década: 74 menos que en 2008

Biblioteca do barrio coruñés da Sagrada Familia CC-BY-SA Jorge Castro Ruso

As bibliotecas públicas son entidades fundamentais para o achegamento da cultura á cidadanía e a súa democratización. Sempre foron moito máis que un espazo que almacenaba libros, pero nos últimos anos cada vez empresta máis servizos ás poboacións locais. Así mesmo, son cada vez máis usadas. O pasado ano o número de usuarios e usuarias inscritas en Galicia achegouse ao millón de persoas (994.195), que sumaron máis de nove millóns de visitas en sala (9.011.912), incrementando o número de usuarias (989.122) e visitas (8.123.955) do 2016.

Na última década, dende o 2008, desapareceron 74 bibliotecas e 76 puntos de servizo en Galicia

O INE publicou este luns a súa estatística de bibliotecas, que actualiza cada dous anos. As cifras constatan a importancia central que estes lugares seguen a ter para o acceso á cultura e á información. Porén, o que tamén amosa a estatística do INE é que o número de bibliotecas e puntos de servizo existentes en Galicia non deixa de descender, cunha caída ininterrompida dende o 2006. 

Na última década, dende o 2008, desapareceron 74 bibliotecas e 76 puntos de servizo. Galicia foi a comunidade autónoma na que máis bibliotecas pecharon, por diante de Aragón, Castela-A Mancha, Baleares, Canarias, Murcia, Comunidade Valenciana, Asturias ou Estremadura. En cambio, Andalucía, Cataluña, Madrid, Cantabria, A Rioxa e Castela-León incrementaron dende o 2008 o seu número de bibliotecas.

O descenso no número de bibliotecas e puntos de servizo céntrase nas zonas rurais e está ligado aos procesos de despoboamento, envellecemento e perda de servizos nos concellos con menos habitantes

O descenso no número de bibliotecas e puntos de servizo céntrase nas zonas rurais e está ligado aos procesos de despoboamento, envellecemento e perda de servizos nos concellos con menos habitantes. A Lei 7/1985 reguladora das bases do réxime local obriga a que todos os concellos con máis de 5.000 dispoñan de biblioteca pública. Porén, nas localidades con menos poboación comeza a ser cada vez máis habitual carecer de servizo bibliotecario. 

O Censo de bibliotecas públicas de Galicia 2014 xa recollía un total de 57 concellos sen biblioteca. Na Coruña (Cerdido, Fisterra, Monfero, As Somozas e Vilarmaior) e Pontevedra (Agolada, Dozón, Fornelos de Montes e Oia) eran poucas as localidades nas que isto sucedía, pero en Lugo esta circunstancia dábase en 14 concellos e en Ourense en 30 lugares.

Dende entón, as zonas sen servizo bibliotecario ampliáronse. Ademais, algunhas bibliotecas foron reducindo o número de horas de apertura. Nos dous últimos anos, o número de bibliotecas que abren máis de 40 horas á semana pasaron de 115 a 111 e as que abren de 21 a 40 horas descenderon de 269 a 248. En cambio, aumentaron as que abren de 11 a 20 horas e as que o fan 10 horas ou menos á semana. 

Descende tamén o número de persoas que compoñen os cadros de persoal das bibliotecas

Descende tamén o número de persoas que compoñen os cadros de persoal das bibliotecas. Medidos en número de xornadas laborais completas, o número de traballadores e traballadoras descendeu en 56 persoas na última década, mentres se mantiña o número de bolseiros/as e persoas voluntarias non incluídas nos cadros de persoal. O pasado ano había nas bibliotecas galegas 404 empregos de bibliotecarias profesionais e 552 auxiliares de biblioteca, facendo funcionar as 476 bibliotecas e 619 puntos de servizo.

O Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia, elaborado pola Xunta no 2016, destaca que "os recursos humanos constitúen un factor clave para o éxito da biblioteca pública" e que "os estándares establecen a necesidade de que todos os concellos conten cunha dotación de persoal bibliotecario acorde co segmento poboacional ao que pertenza o municipio".

En canto aos fondos, aquel documento sinalaba que "preto do 90% das bibliotecas públicas de Galicia dispoñen dunha colección cuantitativamente adecuada respecto ao que establecen os Estándares", e o mesmo se destacaba sobre o número de postos de lectura existentes nas bibliotecas Galicia. Porén o Mapa recoñecía que o persoal era "despois dos espazos e o equipamento informático, o indicador que presenta unha porcentaxe menor de adecuación aos estándares", cun 34% de bibliotecas cun cumprimento "baixo" dos mínimos establecidos.

O Mapa de Bibliotecas Públicas elaborado pola Xunta en 2016 recoñecía que o persoal era "despois dos espazos e o equipamento informático, o indicador que presenta unha porcentaxe menor de adecuación aos estándares"

"Nos concellos pequenos danse todo tipo de situacións, mesmo bibliotecas sen persoal, nas que é o propio alcalde ou un concelleiro o que abre a biblioteca cando unha persoa quere acceder a un libro; iso non son bibliotecas, realmente, porque non están dando servizo, aínda que nas estatística figuren como tales", destacaba nesta entrevista Xoán Manuel Pérez Lijó, secretario de Bamad-Galicia. "Mesmo hai localidades nas que persoas que foron contratadas para labores de limpeza ou conserxería acaban ocupándose da biblioteca, algo que non nos parece mal se a esas persoas se lles dan coñecementos axeitados; e moitos lugares nos que o bibliotecario ou bibliotecaria realiza labores de dirección (porque están sós ou soas) pero está contratado ou contratada como auxiliar de biblioteca", engadía.

O gasto realizado nas bibliotecas galegas mantense estable na última década, con leves ascensos no mellor dos casos, equivalentes ao incremento do IPC. O gasto en persoal pasou de 30,1 millóns de euros en 2008 a 35,7 millóns en 2018. En cambio, o gasto en adquisicións mantén unha tendencia á baixa: dos 13,2 millóns de hai unha década, o pasado ano foi de 11,5 millóns, despois de acadar un mínimo no ano 2016 (9,5 millóns).

Con respecto ao 2008 o número de persoas inscritas nas bibliotecas de Galicia creceu en máis de cen mil. Descende en cambio o número de visitas en sala e mantense o de préstamos de libros impresos

Con respecto ao ano 2008 o número de persoas inscritas nas bibliotecas de Galicia creceu en máis de cen mil (dende as 872.116). Descende en cambio o número total de visitas en sala (aínda que cunha importante recuperación nos dous últimos anos) e mantense o número de préstamos de libros impresos (2.572.347), en descenso despois de acadar o seu máximo nos anos 2012 e 2014, cando roldou os tres millóns. En xeral, as cifras de persoas inscritas e de préstamos creceron de forma importante durante os peores anos da crise, confirmando o papel das bibliotecas como instrumentos de democratización da cultura, importantes para moitas persoas e imprescindibles para outras.

Biblioteca do barrio coruñés da Sagrada Familia CC-BY-SA Jorge Castro Ruso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.