Galicia destina ás bibliotecas un euro menos por habitante que a media española

Evolución do gasto corrente por habitante das bibliotecas públicas Dominio Público Praza Pública

As bibliotecas públicas galegas están peor financiadas que o conxunto das bibliotecas do Estado, exactamente un euro menos por habitante, segundo os datos oficiais correspondentes a 2015, publicados este luns polo Ministerio de Educación e Cultura. O gasto corrente situouse ese ano nos 8,54 euros por habitante en Galicia, fronte aos 9,55 euros por habitante no conxunto de España. Galicia situábase entón por diante de Andalucía (5,76), Murcia (5,33), Baleares (6,02) ou a Comunidade Valenciana (6,68), pero por detrás de Asturias (8,62), Estremadura (9,62), Castela-León (11,89) ou Castela-A Mancha (12,86). E a moita máis distancia de Cataluña (14,30) ou o País Vasco (17,10). Analizando os datos dos últimos anos, vemos como o financiamento das bibliotecas públicas galegas permanece case estancado, pasando dos 8,25 euros por habitante de 2011 aos 8,54 de 2015. Mentres, a media española si experimentou un crecemento maior, dende os 7,22 euros de 2011.

Bamad-Galicia, a asociación que agrupa os e as profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, valorou de forma negativa estes resultados, sinalando que "non podemos alegrarnos, xa que non nos deixan quedar en moi bo lugar con respecto á media dos datos bibliotecarios do Estado". "Levamos anos incidindo en que os recortes nos orzamentos están deixando uns servizos moi deteriorados que vai costar moito tempo recuperar", sinalou a entidade.

"Levamos anos incidindo en que os recortes nos orzamentos están deixando uns servizos moi deteriorados que vai costar moito tempo recuperar", sinalou a entidade

A asociación subliña outros aspectos negativos, como "a falta de control das políticas e accións levadas a cabo desde os concellos nos que nos encontramos con casuísticas, por desgraza bastantes habituais, de contratacións de persoal non especializado e/ou compartindo praza con outros postos que nada teñen a ver coa xestión da información e documentación". Tamén sinalan a existencia de "bibliotecas municipais con partidas tamén escasas ou inexistentes" ou de "locais que non cumpren os parámetros do que debería ser unha biblioteca pública". Así mesmo, critican "o atraso no desenvolmento das ferramentas de planificación, que lembramos que tiñan que ser aprobadas en 2013". Bamad-Galicia conclúe que "aínda que non somos partidarios de medidas coercitivas" a Xunta "debe mirar pola correcta xestión dos servizos bibliotecarios municipais e, desde logo, non debe premiar aqueles concellos que non cumpran coa obriga de prestar servizos de calidade".

Entre os aspectos positivos, a entidade sinala as axudas ás adquisición de fondos bibliográficos, tanto para a mellora da colección como para o fomento do libro galego. E tamén o apoio á realización de actividades de animación á lectura

A entidade atopa algún elementos positivos nos datos e nas políticas desenvolvidas polo Goberno galego nos últimos anos e destaca que a administración autonómica "está realizando labores que contribúen a mellorar estes datos e que, a pesar dos recortes, sen o seu apoio os datos serían aínda peores". Sinala, por exemplo, as axudas ás adquisición de fondos bibliográficos, tanto para a mellora da colección como para o fomento do libro galego. E tamén o apoio á realización de actividades de animación á lectura (Ler Conta Moito) ou "a mostra de interese na mellora das ferramentas de xestión bibliotecaria coa implementación dun novo software de xestión" e, igualmente, o interese en desenvolver ferramentas de planificación como o Mapa e os indicadores de bibliotecas".

  Nº de bibliotecas Documentos/hab Adquisicións/1000 hab % Poboación inscrita Préstamos/hab Visitas/hab Gasto/hab
A Coruña 148 2,46 87,05 37,88 1,10 2,51 12,05
Lugo 51 2,13 47,94 23,20 0,83 1,45 6,84
Ourense 53 1,92 83,64 22,66 0,54 1,07 5,93
Pontevedra 95 1,74 58,94 29,56 0,65 1,87 5,86
Galicia 347 2,10 72,05 31,41 0,84 1,99 8,55
España 4.606 1,85 75,44 36,23 1,11 2,36 9,55

Observando os datos polo miúdo, aprécianse grandes diferenzas entre os indicadores dunhas e doutras provincias galegas. Vemos que tan só A Coruña se sitúa por riba da media na maior parte dos indicadores, mentres que as outras tres provincias fican moi por debaixo. Hai grandes fendas, igualmente, entre as zonas urbanas e vilas e os concellos pequenos e as zonas rurais. 

Bamad-Galicia pide "regulamentar a cooperación entre as administracións, como se recolle no espírito da Lei de Bibliotecas"

Neste senso, Bamad-Galicia pon o foco na "dispersión e a perda de poboación" que -destaca- "non permiten que concellos pequenos podan prestar servizos de calidade". A entidade sinala que "é necesario regulamentar a cooperación entre as administracións, como se recolle no espírito da Lei de Bibliotecas". "Hai que prestar servizos nos que colaboren os Concellos, as Deputacións e a Xunta e hai que procurar dotar de servizos bibliotecarios a toda a cidadanía, mesmo á que non ten servizos nos seus concellos, mediante servizos de préstamo e lectura electrónica, mediante servizos móbiles... ou outros servizos que podan facilitar a difusión e uso dos recursos bibliográficos", engade.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.