Nuns días inaugurarase no barrio vigués de Navia unha nova "Biblioteca", como así foi definida polo Concello. O espazo, reivindicado dende hai anos pola veciñanza desta populosa área, duns 10.000 habitantes, conta con grandes dimensións e ao redor de 200 postos de lectura (ampliables se fose necesario), pero carece de libros e tamén de ordenadores para o seu uso público.
"Facía moita falla un espazo de estudo no barrio, pero a pesar do tamaño do local, non terá nin unha pequena biblioteca na que poder consultar, trocar ou ler", di a asociación veciñal
A nova instalación municipal xa foi duramente criticada pola Asociación Veciñal Novo Vigo, que sinala que "facía moita falla un espazo de estudo no barrio, pero a pesar do tamaño do local, non terá nin unha pequena biblioteca na que poder consultar, trocar ou ler". "No seu día dixemos e publicamos varias veces que non ía ser biblioteca, e non nos creron, reclamamos varias veces a necesidade dunha biblioteca así como tamén presentamos proxecto por rexistro para o uso do local con máis de 3.000 sinaturas da veciñanza do barrio apoiándonos, e caeu en 'saco roto' no Concello", lembran. "Agora temos un espazo de lectura, necesario pero totalmente insuficiente para as necesidades do noso barrio", conclúe a entidade.
Ás criticas veciñais uníronse tamén as da Marea de Vigo e mais do BNG, que poñen sobre a mesa o problema da carencia de bibliotecas nos distintos barrios da cidade. Mentres unha cidade de poboación semellante (e moita menor superficie) como A Coruña ten oito bibliotecas municipais (ademais dunha estatal e outra provincial), Vigo só conta coa Biblioteca Pública Juan Compañel, de xestión mixta Xunta/Concello, e a Biblioteca Pública Neira Vilas, de propiedade municipal e de xestión privada, no barrio do Calvario.
"Esta é a nova dimensión das políticas culturais da cidade, supón un grande avance porque Vigo tiña carencia de bibliotecas", di Abel Caballero
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presumiu hai uns días de que coa nova instalación que entrará en servizo en Navia, na que se investiron 500.000 euros, a cidade contará con "máis de 800 postos de lectura". "Xa estamos entrando nun rango de número de postos de lectura que Vigo necesita", afirmou Caballero, que conclúe que "esta é a nova dimensión das políticas culturais da cidade, supón un grande avance porque Vigo tiña carencia de bibliotecas".
"Cremos que a maior cidade de Galicia debe contar cunha boa rede bibliotecaria municipal que permita dotar de servizos todos os barrios", di Bamad
A apertura deste novo espazo en Navia foi tamén criticado pola Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (BAMAD). "As bibliotecas non son salas de lectura. A sala de lectura é un dos servizos que pode ser dado polas bibliotecas pero non o único. Para contar con servizos bibliotecarios a biblioteca debe contar cun tamaño adecuado, contar con documentos (libros e outros soportes de información) e estes deben estar xestionados de maneira profesional (xestión documental) por un persoal adecuado ao tamaño da biblioteca e ao número da poboación que debe atender", sinala nunha carta enviada a Abel Caballero.
"Cremos que a maior cidade de Galicia debe contar cunha boa rede bibliotecaria municipal que permita dotar de servizos bibliotecarios todos os barrios e ofrecer os seus servizos á maioría da poboación do seu concello", subliña a entidade, que lembra os Estándares de Bibliotecas públicas definidos pola Xunta de Galicia, que fixa os servizos, dotación de persoal e demais características que debe cumprir unha biblioteca para ser considerada como tal.
A Coruña conta con 8 bibliotecas de barrio (ademais dunha estatal e unha provincial) fronte ás dúas instalacións das que dispón Vigo
Ademais, eses estándares inclúen unha serie de recomendacións para cada localidade en función da súa poboación. Para unha cidade como Vigo (de máis de 200.000 habitantes) o documento fixa a necesidade de que conte cunha biblioteca central e un mínimo de seis bibliotecas de proximidade.
Hai tres anos o editor e mestre Manuel Bragado reclamaba para o barrio de Navia neste artigo "unha biblioteca pública dinamizadora, á semellanza da Xosé Neira Vilas, que funciona con éxito no Calvario, capaz de tecer comunidade e contribuír a arraizar a unha veciñanza que precisa de sinais de pertenza e identidade. No actual proceso de hibridación informacional, a biblioteca pública constituíuse na primeira institución cultural das comunidades locais. A nova Navia precisa unha biblioteca con urxencia".
Hai dous anos abriu tamén no barrio de Bouzas unha sala de lectura situada na Casa do Patín, nun proxecto no que o Concello tamén renunciou a instalar unha biblioteca. Nun futuro inmediato só está prevista a posta en marcha por parte do Concello da Biblioteca de Teis, no edificio da Seguridade Social, pero aínda non está confirmado se se tratará dunha sala de lectura ou dunha verdadeira biblioteca. Ademais, está prevista a construción da Biblioteca do Estado na rúa Lalín. Porén, tamén este proxecto xerou varias dúbidas nas últimas semanas.
Persiste a dúbida sobre o propio futuro da biblioteca Juan Compañel unha vez que a Biblioteca do Estado entre en funcionamento
Este martes o Goberno central respondeu no Congreso a unha pregunta realizada por Galicia en Común sobre os prazos de execución da nova Biblioteca do Estado, informando de que o proxecto de execución se adía ata o ano 2021. "Se non temos proxecto antes de 2020 é que non teremos Biblioteca do Estado en Vigo ata dentro de polo menos catro anos", denunciou Yolanda Díaz.
Ademais, persiste a dúbida sobre o propio futuro da biblioteca Juan Compañel unha vez que a Biblioteca do Estado entre en funcionamento, xa que en principio os seus fondos e persoal serán trasladados á nova instalación. A Xunta comprometeuse a manter os "usos culturais" do actual espazo da Juan Compañel, situado na Cidade Vella. Porén, o BNG esixe que o inmoble se converta nunha "biblioteca de barrio" para manter o actual servizo ao centro da cidade.
O BNG propón unha biblioteca móbil que percorra os diferentes barrios e parroquias "diante da falla de vontade política do Goberno local para poñer en marcha a rede municipal"
O BNG critica tamén "a equiparación confusa que se está a facer entre salas de lectura e bibliotecas". “Non hai biblioteca sen persoal bibliotecario, que oriente, que catalogue, que axude á comunidade lectora a coñecer os seus fondos, que dirixa a adquisición de novos libros e que dinamice”, afirma o concelleiro Xabier Pérez Igrexas.
A formación nacionalista vén de propoñer que o Concello se dote dunha biblioteca municipal móbil que percorra os diferentes barrios e parroquias "diante da falla de vontade política do Goberno local para poñer en marcha a rede municipal de bibliotecas". “O que hai en Navia é un espazo moi diáfano pero que só está dotado de mesas e cadeiras, cero libros e cero persoal bibliotecario, e cero oportunidades, polo tanto, de que nese barrio se promova a lectura para democratizar o acceso á cultura precisamente a través dos libros”, conclúe Igrexas.