Henry Ward Beecher escribiu que "unha biblioteca non é un luxo, senón unha das necesidades da vida", nunha das moitas citas que destacan a importancia persoal e social destes centros públicos. A pasada semana o INE presentou a Estatística de Bibliotecas correspondente ao ano 2014, que permite medir en termos cuantitativos o seu estado actual en España e en Galicia. Unha primeira ollada aos datos ofrécenos unha serie de conclusións claras: o número de bibliotecas descende (hoxe hai 497 en Galicia, fronte ás 550 de 2008); cada vez se incorporan menos libros novos aos seus fondos, nun contexto de fortes recortes orzamentarios; así mesmo, redúcese o persoal que traballa nelas; e, finalmente, vemos que durante os anos de crise económica se rexistrou un importante incremento do número de préstamos domiciliarios de libros e outros materiais e tamén do número de persoas socias, caendo lixeiramente o das visitas en sala.
O número de bibliotecas vén reducíndose de forma constante nos últimos anos. Das 550 de 2008 pasamos a 522 en 2010, 505 en 2012 e 497 na actualidade. Destas, só 122 permanecen abertas máis de 40 horas á semana. A maior parte (258) abre entre 20 e 40 horas semanais. 76 fano entre 10 e 20 horas e outras 41 son de acceso público menos de 10 horas cada semana. Con todo, o número de habitantes por cada punto de servizo en Galicia (4.113) é inferior á media española, onde cada biblioteca lles dá servizo a 5.321 persoas.
Hai uns anos Manuel Rivas escribiu nun artigo que "non hai ningunha entidade, nin sequera deportiva, que en proporción teña tantos asociados como as bibliotecas públicas". En efecto, máis dun millón de galegos e galegas son socios e socias dalgunha destas entidades (en concreto, 1.023.183), o que representa o 38% da poboación. Esta cifra experimentou en 2014 un lixeiro descenso, despois de anos dun constante crecemento dende os 872.116 inscritos e inscritas de 2008 (unha suba do 17,4%). Con todo, no conxunto de España atopamos que o número de persoas socias de bibliotecas públicas (case 22 millóns, un 47% da poboación) é, en proporción, moi superior ás cifras galegas. Tamén é superior o número relativo de visitas en sala: 4,4 por habitante, fronte ás 3,6 de Galicia.
A este respecto, en 2014 as bibliotecas galegas sumaron un total de 9.832.080 visitas, case un millón menos que en 2012 (10.709.770) e dous millóns por debaixo do dato de 2008 (11.890.775). Entre 2010 e 2012, nun dos períodos máis duros da crise económica, si que se rexistrara un aumento no número de visitantes.
Si creceu nos últimos anos o número de libros prestados polas bibliotecas públicas galegas. Dos 2,5 millóns de exemplares de 2008 pasamos aos 2,9 millóns en 2014, cun pequeno descenso -iso si- dende o 2012. O número de préstamos creceu case un 20% en seis anos. Ademais, cómpre salientar o papel cada vez máis importante que as bibliotecas xogan máis aló da consulta ou empréstito de libros físicos, comezando pola propia figura orientadora do bibliotecario ou bibliotecaria. Como dixo Neil Gaiman, "Google pode devolverche 100.000 respostas, pero un bibliotecario pode devolverche a correcta". Ademais, estes centros públicos ofrecen puntos de conexión gratuíta á rede, acceso a bases de datos dixitais ou a posibilidade de consultar ou levar para a casa libros electrónicos (6.864 préstamos en 2014 en Galicia), filmes e outros materiais audiovisuais (559.303) ou discos de música (60.494). Manuel Rivas engadía naquel artigo: "fálase moito dos baixos índices de lectura en España, pero fálase pouco da gran revolución vivida en moitas cidades, grandes e pequenas, ao crear, e con baixo custe, redes de bibliotecas públicas".
Outros datos, coma os ofrecidos hai uns meses pola Enquisa de hábitos e prácticas culturais do Ministerio, amosan que dende o 2007 se vén rexistrando un notable incremento das persoas que acudiron algunha vez no ano a unha biblioteca pública (do 13,4% ao 18,6%). A nivel español, as cifras son algo superiores (22,7% en 2015) e tamén se constata un aumento (dende o 17,6% de 2007).
2003 | 2007 | 2011 | 2015 | |
---|---|---|---|---|
% de persoas que foron ese ano a unha biblioteca | 26 | 13,4 | 16,3 | 18,6 |
Redución dos orzamentos
As bibliotecas públicas galegas veñen experimentando reducións nos seus orzamentos, uns recortes que afectan sobre todo ás compras de novos libros e outros materiais. O gasto total en adquisicións diminuíu en 2,6 millóns de euros entre 2012 e 2014 en Galicia, ata quedar no 10,4 millóns, a cifra máis baixa dende o ano 2006. En consecuencia, o número de altas de novos libros nos fondos das bibliotecas públicas galegas é menor cada ano: dos 477 mil de 2008 pasamos aos 338 mil en 2012 e os 245 mil en 2014. En toda España, as altas caeron dende os 7,4 millóns de 2008 ata os 4,6 de 2014
A partida de persoal viuse menos afectada, pero tamén se atopa en descenso. O número de traballadores e traballadoras nas bibliotecas públicas galegas reduciuse nos dous últimos anos, dende as 1.300 xornadas laborais completas ata as 1.285. No conxunto do Estado, pola contra, entre 2008 e 2014 o número de traballadores e traballadoras (medidos en xornadas laborais completas) si aumentou: de 20.321 a 20.734.
2008 | 2010 | 2012 | 2014 | |
---|---|---|---|---|
Persoal | 1.311,65 | 1.297,38 | 1.299,82 | 1.285,1 |
Gastos en adquisicións | 13.165.256 | 11.060.714 | 13.023.470 | 10.405.732 |
Altas de libros | 476.891 | 365.154 | 338.243 | 244.636 |
A partida que os orzamentos da Xunta lle dedican cada ano á adquisición de fondos bibliográficos para as bibliotecas públicas sufriu un brutal recorte entre 2009 e 2013, caendo dende os 2,4 millóns ata os 650.000 euros, ao redor da cuarta parte. Nos tres últimos orzamentos presentados polo Goberno galego a achega continuou reducíndose, sendo de 560.000 euros para o ano 2016. Ademais, nos dous últimos anos a Xunta deixou fóra do reparto desta axuda as bibliotecas públicas daqueles concellos que teñen máis de 30 mil habitantes (Arteixo, Carballo, Narón, Oleiros e Vilagarcía, ademais das sete grandes cidades), localidades nas que vive o 42% da poboación.