A diferenza dos centros de ensino, e tamén de museos, arquivos e outros equipamentos culturais, a Xunta non decretou este xoves o peche das bibliotecas que dependen da súa xestión. Nas disposicións publicadas no número extraordinario do DOG, indícase que as bibliotecas "poderán permanecer abertas, limitando a súa capacidade ata un terzo do máximo permitido co fin de posibilitar a separación dos usuarios e dificultar a transmisión do virus". A resolución do Goberno galego tamén indica que "as bibliotecas universitarias poderán admitir alumnado ata un terzo da súa capacidade". A Xunta recomenda ás demais administracións titulares de equipamentos culturais "a inmediata adopción de medidas semellantes".
BAMAD di non enteder que "se manteña aos empregados públicos das bibliotecas universitarias e públicas en situación de risco ademais do posible perigo para as persoas usuarias"
A medida foi recibida de inmediato con críticas por parte da Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (BAMAD), que sinala que "as bibliotecas tamén deberían permanecer pechadas ao público nestes días", ao igual que os museos e arquivos. A entidade considera que "as directrices establecidas son canto menos confusas para os equipamentos culturais, mantendo uns centros pechados e outros con servizos limitados".
BAMAD di non enteder que as autoridades "establezan medidas de protección para todo os empregados públicos e manteña aos empregados públicos das bibliotecas universitarias e públicas en situación de risco ademais do posible perigo para as persoas usuarias".
En relación coas restricións suxeridas, a asociación pregúntase "de que maneira se establecerá o control para non superar o aforo dun terzo do máximo de capacidade das bibliotecas?". E subliña que "tendo en conta que o se establece o peche das ludotecas e espazos infantís", pregúntase igualmente se "as bibliotecas permanecerán abertas pero pechando os espazos infantís?".
Tanto deputacións provinciais como concellos si foron decretando o peche total das bibliotecas que dependen destas administracións
Ademais, sinala como "imprescindible" a dotación aos arquivos, bibliotecas e museos xestinados pola
Xunta de Galicia de materiais hixiénicos e desinfectantes.
Nas últimas horas, tanto deputacións provinciais como concellos si foron decretando o peche total das bibliotecas que dependen destas administracións. Así o fixeron a maior parte das cidades e tamén un gran número de vilas e concellos de máis pequeno tamaño.
Protesta na Ánxel Casal de Compostela
A CUT sinala que persoal da biblioteca Ánxel Casal de Compostela negouse esta mañá a abrir as portas "por considerar que atenta gravemente contra a saúde da poboación galega e do propio persoal"
Ao fío destas demandas a CUT convocou este mediodía unha concentración ás portas da Biblioteca Ánxel Casal de Compostela "para esixirlle á Xunta o peche de todas as bibliotecas de Galicia, que quedaron excepcionadas do peche nas medidas extraordinarias anunciadas onte". O sindicato sinala que o persoal deste centro público "negouse" esta mañá a abrir as portas malia a obriga que tiñan, "desobedecendo a decisión por considerar que atenta gravemente contra a saúde da poboación galega e do propio persoal que presta servizos". Lembran que algunha das bibliotecas de maior tamaño dan servizo a máis de mil persoas cada día.